Naceu en 1890 nunha pequena aldeíña de O Barco de Valdeorras, O Meiral, e era filla de Manuel e Sabina. Estaba viúva de Luís Pérez. Tiña dous fillos e vivía no pobo de Fervenza onde se dedicaba aos labores do campo e da casa.
O 26 de xaneiro de 1944 acudiu á súa casa a Garda Civil para detela e poñela á disposición do Señor Gobernador Militar. Este declara a súa prisión pois acusou a Rosa de axuda á rebelión e de ser encubridora, xunto con Clemente Fernández, Clarisa Rodríguez, Carmen Jerez Rodríguez, Manuel Rodríguez Blanco e Carmen Rodríguez Rodríguez, da morte do veciño de Fervenza, Manuel Rodríguez Rodríguez.
A súa causa foi revisada en varias ocasións e no seu expediente consta que se lle adxunta o de Clemente Fernández Rodríguez verificándose a prisión de Rosa por auxilio á rebelión o 7 de febreiro de 1944.
Mais chegado maio, por mandamento do Xulgado Militar Eventual número 3 de Ourense concédeselle a Rosa a liberdade provisional.
Ás 13 horas do 24 de maio de 1944, Rosa recobra a liberdade, unha liberdade baixo vixilancia.