RECANTO DE REFLEXIÓNS

05 mayo 2024

HILDEGART. MULLER QUE EXCEDEU OS LÍMITES DO SEU TEMPO. PRESENTACIÓN DO LIBRO

O día 4 de xuño presentouse no Liceo o libro escrito por Francisco Xavier Redondo e Eliseo Fernández Fernández titulado Hildegart na prensa socialista. Artigos de Hildegart en el Socialista e Renovación. Fun invitada a formar parte da presentación, polo que estou moi agradecida, xa que me parece extraordinaria esta muller e porque o libro recolle todos os artigos que escribiu en El Socialista e son unha demostración do seu pensamento e da súa mente privilexiada.

Sempre que teño que ir a unha presentación, conferencia, charla, son sinceira, vou inqueda e nerviosa pois para min é unha enorme responsabilidade. Por tal motivo, procuro preparar exhaustivamente as miñas intervencións para ser rigorosa e non caer no anecdótico e superficial. Ao final, saio sempre moi contenta de todos estes eventos pero sobre todo saio agradecida xa que teño ocasión de contactar con xente estupenda da que aprendo moito e podo compartir as miñas ideas. Haber estado o día 4 de maio no Liceo co escritor do libro e magnífico investigador Francisco Xavier Redondo, con Guillermo e Roxelio da Fundación Tilve que tan bo labor fan, con Javier o delegado de dita Fundación en Ourense, e logo con todos os presentes entre os que estaban representantes da Memoria Histórica de Celanova, cos que tiven ocasión de falar, Xosé Carrión e Maite, sempre tan comprometidos...en fin. O que digo, vou con nervos pero veño sempre cun grande sorriso.

Se lles interesa saber cal foi a miña achega a esta presentación, que a enfoquei desde o punto de vista da concepción das mulleres ao longo da historia para xustificar e entender por que Hildegart era unha recoñecida feminista que rebordou os parámetros aos que estaban sometidas as mulleres, poden clicar na seguinte imaxe e poderán ler con detenemento as miñas palabras. Agardo que lles resulte interesante.