RECANTO DE REFLEXIÓNS

13 marzo 2024

FELISA CONDE GAMBOA

Achegamos ao blog a unha muller que eu tiña recollida na miña base de datos das matriculadas no Instituto ourensán entre os anos 1900 e 1930 pero que ata estes días non me puxen en serio a investigar sobre ela e, como puiden comprobar, estamos ante unha muller moi interesante e unha pioneira en todos os aspectos, no académico pois fixo un brillante bacherelato e sacou a licenciatura na Universidade Central de Madrid; no profesional pois exerceu como odontóloga; e no compromiso social e político.

Felisa naceu en Burgos o 12 de marzo de 1908 e era filla de Benito Conde Enríquez, que era capitán de infantería Reserva de Ourense, número 65, e de Felisa Gamboa Ibáñez. Os pais de Felisa casaran en abril de 1904 e o matrimonio foi residir a Burgos, onde naceu Felisa, e alí seu pai estivo na Academia preparatoria de Sarxentos para o seu ascenso a oficiais. En 1908 foi ascendido segundo tenente da escala de Reserva e a continuación conseguiu a graduación de primeiro tenente e, tras varios destinos, recalou en Zamora e anos máis tarde en Ourense. Estando aquí, Felisa estudou no instituto ourensán onde fixo o ingreso o 14 de setembro de 1921. Inscribiuse por oficial en todos os cursos de bacharelato rematando os estudos en 1927. O seu expediente foi impresionante pois obtivo catorce sobresalientes con premio e o resto das materias sacou sobresaliente. A prensa local ourensá e zamorana fixo mención a este brillante expediente académico.


(Fonte. PHV., Heraldo de Zamora, 12 de xuño de 1926, p. 3)

Rematado o Bacharelato solicitou un Certificado para o traslado á Universidade Central de Madrid e alí estudaría a carreira de Odontoloxía. Foi alumna de Severo Ochoa, Juan Negrín e Rafael Méndez. Rematados os estudos en 1933 comezou a traballar como odontóloga na cidade murciana de Lorca. Sería Felisa a primeira odontóloga que exerceu en Murcia, converténdose nunha pioneira nesta cidade.

Precisamente en Lorca constituiuse o Sindicato Único de profesiones liberais e Felisa formou parte da Xunta administrativa ocupando o posto de vogal primeira. Era unha muller de convicións republicanas e moi ligada aos movementos de esquerda. De feito, a ficha do Centro Documental da Memoria Histórica indica:

(Fonte: PARES: Centro Documental de la Memoria Histórica, DNSD-SECRETARÍA,FICHERO,13,C0167971

Instala a súa consulta na rúa Álamo de Lorca. A súa significación de esquerdas fai que sexa represaliada durante dous anos no seu domicilio. Casou con Ambrosio Mulero e tiveron dous fillos. 

Felisa sempre mantivo as súas convicións e malia estar reprendida na súa casa ela aproveitaba para saír dela e atender aos seus pacientes.

Faleceu aos 98 anos .

Elaboración propia a partir de diversas fonte. Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento e estudo dos Expedientes de secundaria. Heraldo de Zamora, 27 de maio de 1922, p. 2; Diario de Burgos, 4 de xullo de 1908, p. 1;  La Región, 19 de maio de 1925, p. 1;  La Región, 2 de outubro de 1927, p. 8; "Matrimonios", Heraldo de Zamora, 4 de abril de 1904, p. 3; Heraldo de Zamora, 14 de xuño de 1924, p. 2; Heraldo de Zamora, 12 de xuño de 1926, p. 3; El Liberal, 1 de maio de 1937, p. 2; Valero de Torres, Antonio, "Tres lorquinas ilustres", Cosas de Lorca. foto da entrada extraída de Antonio Valero; Botías, Antonio, "Las pioneras que tanta salud dieron como gloria le negaron", La Verdad,;  La Verdad, 9 de xuño de 2006, p. 67;  La Opinión de Murcia, 12 de abril de 2004, p. 12.