RECANTO DE REFLEXIÓNS

27 agosto 2023

AS MULLERES QUE SE BAÑABAN NO RÍO MIÑO. NOTICIA PINTORESCA.

(Foto antiga da praia do río Miño. Todocolección.)

A cidade de Ourense sempre se caracterizou por ser moi calorosa no verán sendo moi habitual acudir ás beiras do Miño para refrescarse. Xa desde antaño as mulleres ourensás ían ao río na época estival para buscar ese fresco pero iso, para algúns, supuña unha provocación.

Había en Ourense unha publicación que se dedicaba a dar noticias de interese xeral para a cidade e provincia de Ourense chamada “El avisador orensano”que se editaba en 1878 e nela escribían Elías Aldea e Arturo Vázquez. Este pequeno xornal (de tres páxinas como máximo) desapareceu ao fundirse co El Heraldo Gallego, tal como nos indicou Marcos Valcárcel no seu libro sobre a prensa en Ourense.

Pois ben, este xornal recolle na edición do 5 de agosto de 1878 unha noticia asinada por Elías Aldea na que se di que a visión das mulleres ourensás bañándose na beira do Miño, preto da Ponte Maior, traía funestas consecuencias para os viandantes que se distraían observando: “aquella pléyade de ondinas”. Por tal motivo, considerando que tal situación non podía prolongarse, facía unha denuncia ao Alcalde (que non o cita pero era José Segundo Puga) para que prohibise ditos baños. E manifestaba:

“Le ruego, le encarezco y la suplico, mande V. colocar algunas barracas en aquel paraje para que no sean vistas las seductoras escenas que allí se desenvuelven, ordene que dos municipales vendados se situen en el puente, con el santo fin de que a tientas desalojen a los espectadores de aquel local, o decrete que nos sean arrancados los ojos a todos los varones del distrito…"

Non deixa de ser pintoresco pero tamén non deixa de ser preocupante xa que o escribiente manifestaba que a visión das mulleres bañándose provocaba actitudes deshonestas nos homes. É parte da historia das nosas mulleres ourensás.

(Elaboración propia.)