RECANTO DE REFLEXIÓNS

25 julio 2023

MATRIA GALEGA.

 


Bonita portada ofreceu La Zarpa o día 25 de xullo de 1930 para ilustrar o día de Galiza. É verdadeiramente significativa por canto que escolleu un grabado de Xulio Prieto Nespereira no que as protagonistas son dúas mulleres galegas ben adobiadas e  situadas entre a cruz de Santiago e o cálice. É unha personificación desta conmemoración. Matria galega. Galiza é a Terra nai. 

Nos anos vinte do século pasado comezou a celebrarse o 25 de xullo como día da Patria Galega. Foi así pois era o día do Apóstolo Santiago e as Irmandades da Fala acordaron que ese fose o día de Galiza. E aínda que é ben sabido que moitos galeguistas reivindicaban a Prisciliano, especialmente Castelao, por considerar o seu arraigo coa terra e fundamento das crenzas tradicionais galegas, ao cabo, o nacionalismo galego crente, opta maiormente por Santiago como patrón. 

O 25 é un día de xúbilo. En toda a prensa se enxalzaba esta festividade e ilustres intelectuais enviaban as súas colaboracións expresando o seu contento pola cultura, pola tradición, pola lingua. Nos edificios institucionais ondeaba a bandeira galega e os balcóns particulares engalanábanse tamén coa bandeira. Nas cidades galegas, entre elas Ourense,  había celebracións diversas de carácter cultural e festivo.Os Coros de Ourense, Coral de Ruada, Orfeón Unión Ourensá...interpretaban cánticos galegos. Tamén había concursos de muiñeiras e alalás e na Alameda ourensá e no Parque Galego había bandas de música que interpretaban pezas galegas e, como non, o Himno Galego era cantado polas xentes con grande entusiasmo.

Os mozos e mozas galeguistas puñan todo o seu empeño en darlle significancia ao día. As nosas mulleres ourensás tamén sentiron ese desexo de manifestar o seu amor á Terra, á terra nai. Dise que as "rapazas" engalanaban as rúas.

(Fonte: La Región, 23 de xullo de 1933, p. 6. Galiciana)

Había un concurso de carretas aen Santiago de Compostela ao que acodían representacións de diferentes partes de Galiza. Por suposto, Ourense tamén levaba a súa mostra, e tal como recollía a publicación La Esfera "Ourense, de las cuatro provincias, es la más gallega":

(Fonte: La Esfera, 7 de agosto de 1926, p. 13.)

A nosa insigne Mercedes do Campo de la Fuente expresou con grande fervor a importancia deste día tan emblemático para os e as galegas. A súa palabra, enchida de orgullo e de afirmación galeguista, debería ser exemplo aínda para nós:

Vintecinco de Xulio. Día de Sant-iago, día de recordos grandes para a nosa Terra. Hoxe toda Galicia ferve de xúbilo ante a fermosa Festa de Santo Patrón, en todo-los preitos resoa a ledicia das meigas e doces cantigas dos nosos pais, a natureza vístese coas millores galas para festexar o Día Grande, nos beizos dos bós galegos bailan, o sentir a dozura da nosa gaita, as surrisas máis feiticeiras. N-este día todos nós debemos botar unha ollada as nosas conciencias e ver si como galegos cumprimos coa obriga que temos pra unha nai tan garimosa doce, como é Galicia. Eu coido que temos moito que chorar ao ver como deixamos que os nemigos d-ela, entre eles moitos fillos, a aldraxen, a pisoteen e vaian apretando cada vez máis ao redor da súa gorxa as cadeas con que a queren afogar.Si todol-os galegos quixeran decatarse da situación angustiosa en que se atopa Galicia, hoxe, no Día Grande como un soio home xurarían loitar por ela con todal-as forzas deica rachar esas cadeas, e que d-esa loita xurda unha Galicia libre de aldraxes e da cal serán respectados todol-os seus dereitos.Deus queira que chegue pronto o Día Grande, outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA TERRA É NOSA.

¡VIVA GALICIA CEIBE! Xullo de 1935[1].

Unha día de enorme festividade que traspasaba as fronteiras e alén dos mares, nas comunidades galegas afincadas en América, celebrábase tamén con grande emoción.

Alameda

( Fonte: Boletín oficial del Centro Gallego, 15 de outubro de1912.)
Parque
(Fonte: La Región, 31 de maio de 1934, p. 4)


FELIZ DÍA DE GALIZA


[1] Mercedes do Campo, “Día de Galicia”, A Nosa Terra: Boletín quincenal. Idearium das Irmandades da Fala, 13 de xullo de 1935, p.2.