RECANTO DE REFLEXIÓNS

25 junio 2023

PILAR RODRÍGUEZ DA PENA


Que a contribución das mulleres ao devir histórico é un feito. Non se trata de feitos consagrados ou feitos heroicos, son  iniciativas de emprendemento que deben ser considerados feitos que constrúen ao progreso da sociedade. E digo isto porque aínda que pareza cuestión valadí a creación dunha escola para nenas a comezos do século XX por parte dunha mestra titulada non o é xa que implica un compromiso, non só da propia mestra que quere demostrar o seu desexo de valerse por si mesma e labrarse un porvir, senón tamén porque vai fomentar a cultura e, en gran medida, contribuír a erradicar a incultura.

Por todo isto resalto moito o labor destas mestras que procuraron por si mesmas crear centros educativos nunha época nas que a sociedade non tiña á educación como primeiro requisito de progreso, e en menos valía consideraba a educación da muller. 

Ao longo do blog vou mencionando numerosas mestras que crearon escolas para nenas co firme propósito de fomentar a educación. Para isto debían realizar unha serie de trámites polo que debemos imaxinárnolas levando documentos e escritos ás diferentes entidades.

De novo aquí resalto o labor de Pilar Rodríguez. Esta mestra solicitou en 1908 abrir unha Escola de párvulos e nenas no lugar de Xunqueira de Ambía, concretamente na casa que daba á rúa de San Roque ou do dous de Maio. O local atopábase no primeiro piso e indicou "Recibe luz directa de Poniente é indirecta de N. y E. La casa da por tres lados al campo ó á la calle" (1).

Na escola impartíase Lectura, Escritura, Aritmética, Doutrina Cristiá, Historia Sagrada e Labores.

Como material mobiliario contaba con mesas corridas, trinta banquiños, un mapa de España, pizarras e cadernos, material de labores e o crucifixo.

O horario de clases era de oito a once, ou de nove a doce pola mañá. E pola tarde era de dúas ás cinco. Había un recreo de quince minutos.

A máis disto, a mestra debía gardar o decoro polo que se ofrecía para acompañar ás nenas os domingos a catequese.

(Elaboración propia. Vid: Expedientes de solicitude de apertura de escolas privadas. A.I.O.P. Cartapacios)