Carmen sacou adiante ás súas fillas, que aínda eran moi noviñas ao falecer o pai. Muller de convicións tradicionais tivo, de seguida, grande sona na cidade pois organizaba eventos e festivais de carácter benéfico, colectas, rouperios solidarios ou da caridade, colaboraba coa Cruz Vermella...En definitiva, todo o que viña sendo habitual nas mulleres "distinguidas" da cidade. Era unha das directivas da Asociación do Sagrado Corazón de Jesús.
Aínda sendo unha muller moi conservadora, non tivo reparo en enfrontarse ás autoridades para defender a súa familia. Hai unha historia bastante curiosa ao respecto que conta que Carmen Galán se encarou aos militares e que o Gobernador Civil de Ourense multouna co pago de cinco mil pesetas. Dise que tras este incidente, Carmen marchou unha tempada a Portugal manténdose cos cartos que levou dentro dunha polveira. O motivo de todo este asunto foi o seguinte. Carmen tiña unha irmá chamada María que estaba casada con Fernando Martínez Monje, un militar que, tras o golpe de estado de Franciso Franco, mantívose fiel á República polo que foi considerado un traidor. Cando o Gobernador Militar de Ourense ordenou facer inventario dos efectos personais e inmobles do Xeneral Fernando Martínez Monje, Carme opúxose rotundamente ferreamente por consideralo improcedente. A noticia na prensa dicía expresamente:
El Excmo. Sr. Gobernador Militar de esta provincia acordó imponer una multa de cinco mil pesetas a la señora doña Carmen Galán, viuda de Taboada, que trató de impedir en forma incorrecta profiriendo a la vez frases irrespetuosas para la Autoridad Militar, se procediese al inventario del mobiliario y efectos del General Martínez Monje, operación que había sido encomendada a un representante del Excmo. Sr. General Jefe de la Octava División. (1)
Fernando Martínez Monje era home de recoñecido prestixio na cidade. En 1913 creou a Escola militar en Ourense na rúa Santo Domingo, 32.
Chegou a ser compañeiro de Franco en África e con el participou na Guerra de Marrocos. Coa chegada da República Monje foi leal e cando estoupu a guerra civil posicionouse de parte do Goberno lexítimo participando na organización das brigadas republicanas. Rematada a guerra fuxe a Francia e logo a Arxentina e negouse a voltar a España mentres durase a ditadura. Faleceu en 1963, estando aínda en Bos Aires. A súa dona, María, vai ser a primeira muller de militar republicano que cobre unha pensión de viúva en España, unha consideración do propio Franco ao recoñecer a súa amizade de xuventude con Martínez Monje. María, a irmá de Carmen, faleceu en Ourense en 1968.
Pero retomemos a historia de Carmen Galán. Despois desa estancia en Portugal, regresa a Ourense e vai residir nun piso da rúa do Progreso, fronte ao cárcere. O seu piso estaba decorado con motivos orientais (hoxe ese edificio non existe pois foi derrubado nos anos setenta). Continuou desenvolvendo unha intensa actividade social en Ourense.
Vid: "Academia General de Orense", La Región, 21 de decembro de 1931, p. 3; La Región, 11 de maio de 1921, p. 2; MULLER DE MOITA GARRA (1) "Gobierno militar. Multa de cinco mil pesetas". La Región, 28 de novembro de 1936,p. 1. Entrada Fernando Martínez Monje en Wikipedia.