RECANTO DE REFLEXIÓNS

06 noviembre 2022

ÁNGELES JORRETO

Naceu en Ourense e estudou e residiu aquí ata 1965. Comezou a pintar desde moi nena empregando xa diversas técnicas. O seu pai, moi aficionado á fotografía, tamén a introduce nese mundo de captación instantánea.

En 1965 fixa a súa residencia en Vigo pero, de espírito inqueda, non para de viaxar polas grandes cidades europeas para enriquecer a súa obra e pintura.

Comeza a traballar diversas modalidades como a serigrafía, gravado e de aí a pinturas de grande formato. Tamén é unha das fundadoras da ARGA (Artistas Plásticos Galegos) e organizou o I Encontro da Arte lembrando a Rosalía. Logo virían outros consecutivos.

En 2008 comeza expor nas grandes capitais europeas como París no Carrusel du Louvre e en Salzburgo Kunstmesse, en Utrecht Art Fair, en Innsbruck Art Innsbruck.

Ten no seu haber numerosas exposicións con cadros de temática abstracta, paisaxes e figuración humana. Tonalidades cálidas, pinceladas expresivas e notorias no seu trazado nas que desaparece o debuxo. Cadros de expresión e sensación. Especialmente emotivas son as pinturas nas que representa os rostros de mulleres con trazos sinxelos, intuitivos.