RECANTO DE REFLEXIÓNS

23 octubre 2022

FELISA GONZÁLEZ FERRO

Naceu en 1874 e era a nai de Benigno Álvarez, un dos fundadores do Partido Comunista en Ourense xunto con Antonio Carnicero, Luís Soto, Jesusa Prado da que tamén teño unha entrada neste blog. 

Felisa acadou o título superior de mestra e aprobou as oposicións de maxisterio en 1895. Obtivo a praza en propiedade o 22 de xaneiro de 1899  na escola completa mixta de Mourisco cun soldo de 650 pesetas ao ano e despois foi destinada a Santiago de Zorelle en Maceda. En 1935 solicitou unha permuta coa mestra María Teresa Cortón que estaba na escola da Teixeira.

Felisa casou con Demetrio Álvarez Vidal, reputado veterinario que en 1912 era o tenente alcade de Maceda e en 1913 pasou a ser alcalde. Foi un home aprezado na vila polas obras que levou a cabo e polo seu carácter afable. En outubro de 1919 tivo que ser operado en Santiago dun ganglo pero en novembro dese mesmo ano falaceu o que provocou unha grande conmoción en Maceda, tiña 63 anos.

O matrimonio tivo nove fillos, Benigno, Modesto, Nieves, Engracia, Antonino, Demetrio, María, José e Pedro. 

Benigno Álvarez, o maior dos fillos e tamén veterinario como o pai, comezou a simpatizar coas ideas socialistas e foi nomeado alcalde da vila o 14 de abril de 1931. Logo achegouse ao comunismo e, recentemente proclamada a República,  fundou o Partido Comunista de España en Ourense. Sería alcumado pola Garda Civil como a "fera comunista". Tras o alzamento militar comezaron a perseguilo e Benigno agochouse coa súa muller Enriqueta na Serra de San Mamede e a Señora Ulloa ofreceulle o castelo de Monterroso para que se acubillaran, pola contra, a Marquesa Atalaya Bermeja puxo prezo para a súa captura. 

Benigno tivo ocasión de fuxir do país pero regresou ao monte para seguir a loita e chegado o inverno caeu enfermo, probablemene de tuberculose, e faleceu en marzo de 1937 no refuxio de O Penedo. A Garda Civil paseou o seu corpo morto por pobos e vilas. 

Outro dos fillos do matrimonio, Demetrio, ao que  alcumaban "Meitro" foi fusilado no campo de Aragón (onde se atopa o Cuartel de San Francisco) o 31 de decembro de 1936, por rebelión militar.

Felisa xa enchida dunha fonda tristura faleceu en marzo de 1937 cando tiña 63 anos.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

Vid: Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1902 Número 195, 26 de agosto 1902; Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1903, 17 de outubro de 1903; El Magisterio gallego : Revista de instrucción primaria: Num. 676, 5 de xaneiro de 1899; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo: Número 78, 5 de abril de 1895; Boletín oficial de la provincia de La Coruña : Número 42, 23 de febreiro de1905; El pueblo gallego, 5 de marzo de 1937; La Región, 15 de novembro de 1919; La Región, 1 de xaneiro de 1937; http://vitimas.nomesevoces.net/en/ficha/10025/; https://gl.wikipedia.org/wiki/Benigno_%C3%81lvarez_Gonz%C3%A1lez