RECANTO DE REFLEXIÓNS

31 julio 2022

CONCEPCIÓN VIEITEZ FIGUEIREDO

Mestra ourensá que foi represaliada durante a ditadura franquista. Era irmá de Andrés Vieitez o ecónomo de Freás de Carballino. Rematou os estudos de maxisterio en 1927 nos que obtivo unhas brillantes cualificacións. No 1928 ocupou a praza de interina na escola de Liñares en Beariz.

Realizou os cursiños de selección en 1931 e estivo na escola de Beiro en Carballeda de Avia e no ano 1934 déronlle a praza na escola de Fontán de Mourentán en Arbo, Pontevedra, pero solicitou permuta para a escola de Beiro. Ese mesmo ano contraeu matrimonio con Amadeo López Bello, mestre nacional que tamén exercía na escola de Beiro e un membro activo de ATEO. Así mesmo, era cuñada de Carmen López Bello tamén pertencente a ATEO e vogal da mesma e que sería sancionada como o seu irmán pola Comisión Depuradora.

No ano 36 tamén sancionaron a Concepción e foi suspendida de emprego e soldo por dous anos con traslado forzoso fóra da provincia,  tiña prohibido solicitar cargos vacantes durante o período de cinco anos e tamén quedaría  inhabilitada para o exercicio de cargos directivos e de confianza. Destinárona a Vitoria e en xuño de 1940 suplicou a revisión do seu expediente pero non debeu ser aceptado. Regresou en 1945 para exercer, de novo, en Beiro. No BOE do 11 de agosto de 1945 figuraba na lista de ascenso de soldo aos mestres e mestras nacionais.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes) 

Vid: El Correo de Galicia, 10 de xullo de 1927;El pueblo gallego, 1931 novembro 5;1934 abril 4; 1932 agosto 19; El Noticiero gallego, 18 de marzo de1934; 25de xuño de1934;La Región, 6 de novembro de 1938;25 de xuño 1940; BOE, 11 de agosto de 1945.