RECANTO DE REFLEXIÓNS

20 julio 2022

CELSA PAZ PAZ

Quería destacar, por medio desta entrada no blog, que moitas das iniciativas que se están levando a cabo nos pobos da provincia coa finalidade de que estes teñan futuro son promovidas polas mulleres.

Celsa é unha delas. É unha muller emprendedora que está sendo o espírito de revitalización e recuperación do Pobo de Puxedo, na zona da baixa Limia na Serra do Xurés, un pobo de trinta e catro habitantes. Todas as acometidas que fan no pobo son con vistas a que este non esmoreza e acuda o turismo á zona. Rexenta unha tenda-bar e elabora produtos embutidos. Unha muller traballadora e sensible pola terra. É unha muller moi activa e di "estou moi entretida, non me queda tempo para nada, estou ocupada desde a mañá á noite".

Celsa é filla de emigrantes. Os seus pais marcharon a Alemaña e ela criouse cos seus avós no pobo e de aí non quere marchar.

En Puxedo comezaron facendo unha Asociación de Veciños para pedir subvencións para invertir no pobo. Comezaron coa restauración do retablo da capela e logo continuaron coa reconstrución dos muíños, das airas, camiños, fontes, hórreos...e outra das iniciativas foron os murais pintados polo artista urbano recoñecido Mon Devane cuxa temática é a etnografía vinculada a Puxedo (a malla, a seitura, a fornada, sementeira, rostros de mulleres do pobo curtidas no traballo...)

Paralelo a todo isto celebran festas de traballos rurais como a malla, moída de centeo no río... tamén comidas populares e feiras de artesanía..

Celsa di que é un labor do pobo e estamos seguras pero tamén sabemos que Celsa é a cabeza visible de todo este esforzo. Ten contactos con Marta, outra muller ourensá que está levando a cabo un labor impresionante no pobo de Grou e á que tamén lle adicaremos unha entrada neste blog.

Tanto unha como a outra amósanse preocupadas da perda da poboación nos pobos. Queren vida no pobo e di Celsa que no pobo pode ser unha emprendedora pois hai moitas cousas que explotar.

(Elaboración propia)

Vid: Programa Ruralitas