RECANTO DE REFLEXIÓNS

04 mayo 2022

AS MESTRAS DE OURENSE INTEGRANTES DA LIGA DE MESTRES RURAIS


Na primeira fila figuran de esquerda a dereita: Dona Dolores Soane, de Leiro; Dona Sira González, de San Victorio; dona Encarnación Pousa, de Pitela; Dona Aurora Presas, Dona Carmen Carvajal, de Santa Marina; Dona Concha Rocafull, de párvulos en Ourense; Dona María A. Villarino, de Rubiás; Dona Julia Petra Martínez, de Córgomo; Maestra de Éntoma; Dona Isabel Vázquez, de la Vega; dona Magdalena Deza, de Baiste, Maestra de Bóveda y Maestra de Calvelle.Boletín del Magisterio, ano VI, nº 224, 15 de setembro de 1911, p. 1. 

Os mestres e mestras da provincia ourensá, ademais de ter a opción de ser socios das Asociacións de mestres de ensino primario para reivindicar todos os asuntos que consideraran pertinentes, podían entrar a formar parte da Liga de mestres rurais. Esta formouse en Ourense en 1911.

A Liga constituiuse para defender as aspiracións dos mestres e mestras que desempeñaban escolas de 650 e de 500 pesetas e desvinculáronse da Asociación Nacional pois dicían que esta non satisfacía as demandas propias dos mestres rurais. 

Un dos mestres propiciatorios desta Asociación foi Hernán de la Puerta, mestre de Teruel, quen proclamaba que as bases da Liga eran: Estudar as necesidades da ensinanza primaria nos pobos para promover o seu desenvolvemento. Así mesmo, concretar as aspiración dos mestres rurais e procurar que se vexan cumpridos. Promover, tamén, a cultura popular e dos mestres rurais.

Formaban parte da Liga os mestres e mestras auxiliares, propietarios ou interinos que desempeñaban o seu labor en poboacións menores de mil habitantes. Podían formar parte da Liga todos os docentes doutras categorías que demostraban interese polo maxisterio rural.  Os integrante debían pagar de 0,25 a 1 peseta que eran destinados ás reunións, propaganda, xestións…Os membros tiñan dereito a participar en todas as votacións; formular propostas de reforma; reclamar consellos e apoio da Xunta Directiva cando foran atropelados os seus dereitos. Tiñan un boletín ou órgano a través do cal difundían as súas ideas e reivindicacións: La Educación. Órgano de la Liga "los amigos de la enseñanza".

Estaba organizada cunha directiva escollida por sufraxio directo. Os vogais desta Xunta tiñan que ser mestres de Escola pública con soldos de 650 pesetas ou menos. Os asociados cun soldo de 650 pesetas escollían un vogal da directiva da súa categoría e o mesmo farían os de menor categoría. A Xunta directiva xuntábase unha vez ao ano e cantas veces fose preciso. En Ourense conformáronse as respectivas directivas comarcais e entre elas figuraban dúas mestras:

O presidente era Don Hernán la Puerta e os vocais eran os Sres D. Basilio Carmona, polos mestres de Ourense. 

Don Rafael Alonso polos de Ribadavia. 

Dona Isabel Vázquez López, polos do Barco de Valdeorras.

Don Federico González polos de Verín. 

Don Celedonio Prieto Palencia polos de Verín. 

Don Arturo González polos de Celanova. 

Don Cesáreo Donato Otero, polos de Bande. 

Don Sadot Camaño, polos de Allariz. 

Don Antonio Cal Martínez polos de Trives. 

Dona Encarnación Pousa, polos de Carballiño.

Don Epifanio Alpizcueta polos de Xinzo 

A Liga marchaba sempre de acordo coas demais Asociacións e Sociedades que perseguían a mellora da ensinanza e do profesorado. 

A prensa local deseguida se fixo eco da nova organización.
 
A los señores maestros y maestras orensanos.

Mis queridos compañeros: Como representante de la prensa profesional en esta provincia, recibí del infatigable propagandista y presidente de “La Liga Nacional de maestros rurales” don Hernan de la Puerta, el encargo de convocaros para la reunión que en esta ciudad ha de celebrarse el día 21 de este mes, a las once de la mañana, en uno de los salones de la Escuela graduada de niños.

Haciéndome intérprete de vuestras aspiraciones, entendí que no debía rehusar la honrosa Comisión que me encomendó el compañero Hernán de la Puerta, y en ese sentido la acepté, confiado en que vosotros, representados en su mayoría por las Asociaciones de Carballino, Ribadvia, Celanova, Orense, Allariz, Verín, Trives, Viana, Ginzo, Bande y los compañeros del Barco, respondereis a la invitación que por medio de la Prensa local se os dirige por el que siempre está atento a la defensa de vuestros intereses; además, es necesario demostrar publicamente el entusiasmo que entre vosotros ha despertado la nueva Asociación, única llamada a hacer respetar vuestros derechos, ya que los que tenían el alto deber de defenderos os han olvidado, preocupándose sólo de su bienestar.

Espero, pues, que tratándose, como se trata, de la defensa de los maestros rurales, os impondréis un sacrificio y asistiréis a la reunión que en ella deis una prueba de gratitud a vuestro entusiasta defensor, señor de la Puerta, que viene a esta capital con el solo objeto de recoger vuestras aspiraciones, para dar cuenta en ellas a la Junta directiva de la Liga Nacional de Maestros rurarles, a fin de que ésta gestione todo aquello a que tenéis perfecto derecho.

Esta invitación se hace extensiva a la prensa local y a todos los maestros de la región gallega que estén conformes con la Liga Nacional de maestros rurales.

Os saluda y anticipa gracias, vuestro compañero.

Pío Ramón y Ogea (2)

Don Pío R. Ogea convocou aos docentes nunha das escolas graduadas da capital ourensá reuníndose unha grande parte dos mestres para discutir as bases que debían servir de fundamento á Liga de Mestres rurais en Ourense. Na nosa provincia onde a rede escolar estaba moi atomizada  non estaba de máis que se organizara esta asociación ad hoc para os mestres rurais, aínda que tamén é certo que na provincia se crearan as Asociacións comarcais de mestres de primeira ensinanza que tiñan moita actividade polo que a Liga non tivo moito percorrido. Ademais a Liga de Mestres rurais  vai acabar fusionándose á Asociación Nacional de Mestres en 1912 como tamén o farán a Asociación Española de Pedagoxía e El Magisterio español, de tal xeito que a Asociación Nacional asume as responsabilidades e reivindicacións destas asociacións menores que se foran formando en pro das súas propias causas.

(Elaboración propia a partir de numerosas fontes e suxeita a publicarse)

(1) Hernán de la Puerta, “Bases provisionales para constituír la Liga Nacional de Maestros rurales”, El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, 23 marzo de 1911, p. 2-3.
(2)Ramón y Ogea, P, “Convocatoria”, La Región, 8 de agosto de 1911, p. 1.
(3) Relación dos presidentes das comarcas, “Liga nacional de Maestros rurales”, La Región, 22 de agosto de 1911, p. 1; La Región, 7 de abril de 1912, p. 1.