RECANTO DE REFLEXIÓNS

15 enero 2022

AS MIÑAS FONTES IMPRESCINDIBLES


Hoxe erguinme nostálxica e os meus pensamentos trazaron unha perspectiva temporal levándome ao ano 1994 cando eu comecei no mundo da investigación sobre as mulleres ourensás. Foron os primeiros anos de tenteo  e lembro como acudía de xeito tímido aos diferentes lugares para recavar información. Ía con pasos inseguros pois ás veces non sabía como explicar o que precisaba nin se o que precisaba podería existir, nin se a maneira de pedilo era a correcta. 

Pouco a pouco fun aprendendo a mergullarme nos lugares custodios de información, para min acabarían converténdose en templos de sabedoría, regocixo e tranquilidade. Neles síntome segura, no seu silencio, entre papeis.

Hoxe penso neses lugares que para min son imprescindibles e lémbrome de todas as persoas que durante todos estes anos me axudaron moitísimo ata acabar tendo, en moitos casos, unha grande amizade. Elas acaban conseguindo que eu continúe coa ilusión de seguir investigando ás mulleres ourensás como o primeiro día. Hoxe non son un pé de páxina onde acostuman a estar, hoxe son o corpo da entrada.

  • Arquivo Municipal de Ourense. Quero agradecer ao seu director Paco (Francisco Javier Espino)  a súa disposición de axudarme sempre. Foi un dos primeiros lugares a onde acudín para consultar en papel La Región e La Zarpa. Daquela non estaba microfilmada nin existía a hemeroteca Galiciana. Neses anos, cando aínda estaba o Arquivo no Concello de Ourense, fun días e días alí cunha cámara de fotos e uns cadernos para sacar toda a información sobre as mulleres ourensás. Non había espazo físico para traballar pero Paco sempre me habilitaba unha mesa para que eu puidera facer o meu traballo. Cando o trasladaron de lugar seguín indo para buscar información sobre outros temas que me interesaron, sobre todo cando estaba a facer o traballo da Escola Normal de Mestras de Ourense. Estaban alí Paco, Carmen e Fernando Valcárcel que co seu bo facer facían posible que o meu traballo fose do máis agradable. Miles de grazas.
  • Arquivo do Instituto Otero Pedrayo. Outro dos meus mausoleos. Alí consultei centenares de expedientes académicos de mulleres que estudaron no primeiro terzo de século XX. A dirección de entón, estou a falar dos anos noventa, nunca puxo obxección a que eu consultara eses documentos. Miles de grazas.
  • Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Foi outro dos lugares onde bebín moita información. Lembro aínda á Olga Gallego como directora. Nos últimos anos teño acudido varias veces cando estaba na rúa Hernán Cortés e agora que está no marabilloso edificio de San Francisco, ao que fun aínda hai moi pouco, e a atención de todas as persoas que alí traballan e de Manuel García Yañez é incomensurable. Miles de grazas.
  • Arquivo da Delegación de Educación de Ourense. Alí, na quinta planta obtiven hai anos suntuosa información sobre o maxisterio ourensán que agora remocei para a próxima publicación. A todo o persoal da inspección educativo agradezo que me facilitaran o traballo e,como non, ao meu irmán Roberto Cid, inspector de educación, que me facilitou moita información sobre o que contiña o arquivo. Miles de grazas.
  • Arquivo da Deputación Provincial no que consultei actas de plenos da Deputación para ver como se abordou o arrinque da Normal de Mestras de Ourense en 1915 e outros asuntos de interese educativo para a provincia. Encarecidamente agradecida con Ana Malingre que me facilitou a consulta no Arquivo. Agora Ana, responsable do Servizo de Publicacións da Deputación, sempre me responde de inmediato e me informa cando eu consulto calquera cousa ou lle pido asesoramento. Tamén me facilitou  nomes  para o blog de mulleres, o blog que é de todas. Sempre lle estou agradecida a Ana pois é unha grande traballadora pola cultura ourensá e boa investigadora. Graciñas, Ana.
  • Rexisto do Cemiterio do Concello de Ourense. Fun en varias ocasións recentemente para ver se podían darme información sobre se certas mulleres estarían enterradas no Cemiterio de San Francisco. Sempre amables. Incluso fun visitar o Cemiterio para localizar algunhas e si, con algunha dei.
  • Arquivo Etnográfico de Ribadavia. Fun poucas veces alí pero o suficiente para conseguir fotografías marabillosas coas que ilustrei algún dos meus modestos libros. Todo facilidades. Miles de grazas.
  • Arquivos dos Concellos de Carballiño, Xinzo e o Barco de Valdeorras. Alí puiden consultar Actas de Xuntas Locais de Educación e escolas primarias. Estou a falar de hai moitos anos, eles xa nin me lembran pois eu daquela aínda camiñaba coa inseguridade dun cativo, pero eu non os esquecín nunca. Lembro que Gustavo Docampo foi o que me axudou a que fose recibida no Concello de o Barco para poder buscar información.  Apertas.
  • Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Podo dicir que nun tempo pensei de vivir nel pois non saía de alí xa que tiña que copiar a man e a ordenador toda a información que había de mestras de Ourense, mulleres ourensás matriculadas na Universidade de Santiago, etc...Sempre me axudaron moitísimo e aínda me axudan pois recentemente fun pedirlles o expediente de Antonia Ortiz e consultei todo o que tiñan desta primeira inspectora que exerceu en Ourense que deu como resultado un longo estudo publicado en EDUGA. Quero facer mención especial da súa directora, Desirée Mª Domínguez Pallas pois recentemente me facilitou unha bonitísima fotografía sobre a Normal de Ourense no ano 1898 e que verá a luz no libro que estou a facer sobre as mestras ourensás. Miles de agradecementos.
  • Arquivo da Universidade de Vigo, está sendo para min estes últimos meses un tesouro pois estou conseguindo expedientes das primeiras mestras ourensás. Aurora Malla Trujillo está facendo un labor impresionante de organización de clasificación da documentación que teñen. No meu caso teño que destacar que as últimas peticións que lles fixen déronlle moito traballo localizalas pero traballaron arreo para poder dar con elas. A información que me ofreceron ten un valor incalculable e as miñas palabras de agradecemento quédanse curtas. Aurora converteuse nunha grande amiga. 
  • Arquivo General da Administración Central de Alcalá de Henares. Levo anos traballando con eles, solicitando información de todo tipo e sempre ma proporcionan. Cando nunha ocasión non ma daban enviado chamábanme por teléfono para darme todo tipo de facilidades. Sei que aínda lles vou dar moito a lata, agardo que non se anoxen conmingo. Para eles unha aperta.
  • Arquivo do Colexio Fonseca de Santiago tamén acabei indo por alí como unha eremita e conseguir atopar cousas interesantes moi interesantes.
  • Biblioteca da Deputación de Ourense. Teño acudido moitas veces e sempre, sempre me atenderon estupendamente, facilitándome todo o que precisara. Alí atopei información sobre o maxisterio ourensán e boletíns que tanto van enriquecer o libro de mestras que estou a realizar. Conto con eles sempre.
  • Biblioteca Nós, alí é onde vou cando quero facer a última lectura e corrección dos modestos traballos que fago para poder estar centrada e concentrada. A disponibilidade dos empregados é impecable.
  • Biblioteca da Universidade de Vigo. Inmellorable. Fun alí moitísimas veces a solicitar libros e acabei regalándolle libros escritos por min para que puideran dispor deles. Alí sinto a amizade de todos os e as que traballan, en especial de Rosiña, á quen eu estimo moito, ela é a ledicia.
  • Biblioteca Xeral de Santiago. Cantas veces fun alí sen saber como pedir as cousas ou sen saber como explicar o que quería, pero alí me axudaron sempre.
  • Biblioteca Nacional de Madrid. Póñome en contacto con eles con frecuencia, cada vez máis, e sempre me atenderon gustosamente. Estou encantada pois para min son unha xanela aberta e emocionante.
  • Biblioteca dixital de Galicia. Galiciana e Biblioteca Virtual de Prensa Histórica. Impresionante recurso. Cando eu comecei había que consultar todo in sito e copiar todo a man pero agora todo é máis doado. Para min, Galiciana, un recurso imprescindible nos últimos anos. 
  • Consello da Cultura. Que podo dicir da miña estimada Mariam Mariño que tanto me axuda e axudou sempre!!. Alí acudo para ver o marabilloso Album de Mulleres que é unha iniciativa espectacular na historia de Galicia  e unha historia de rigor sobre as mulleres.
  • A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense, miña aprezada Malena de Jesús que é unha loitadora incansable, propiciadora de poñer o nome das rúas en feminino. Entregada sempre á causa das mulleres e á igualdade. Malena, sempre está aí.
  • As Fundacións dos nosos insignes: Fundación Vicente Risco, Fundación Penzol, Fundación Otero Pedrayo, Fundación Rosalía de Castro, Fundación Castelao, e tamén a Fundación Tilve. Estanme ofrecendo un mundo de riqueza impagable. As súas páxinas web tan ricas en contidos é unha viaxe marabilloso; pero sobre todo contactar con eles é moi gratificante pois todo son axudas para resolverme dúbidas ou facilitarme material. Sempre digo, que loable traballo fan de xeito altruísta, dedicándolle moitas horas para manter na nosa memoria a nosa historia, a nosa riqueza cultural!!!. Sempre grazas por preservar o legado dos nos pais e nais da cultura galega.
En definitiva, todas estas entidades, institucións e persoal profesional que saben facer un labor impresionante de ordenar, clasificar e rexistrar documentación  para que nós, os investigadores, non teñamos máis que dicir que queremos tal cousa. Sen eles non poderiamos facer o noso traballo.

Finalmente, non podo esquecer a tantas e tantas persoas que me axudaron de xeito persoal, saben que as aprezo moitísimo, entre elas, quixera destacar aos meus compañeiros blogueiros ourensás, Rafa Salgado e David Simón que fan un labor precioso para o noso Ourense.

Hoxe non son un pé de páxina en letra pequena.

A todo Ourense, grazas e un saudiño.