RECANTO DE REFLEXIÓNS

25 julio 2021

HOMENAXE DO GRUPO FEMININO DO PARTIDO GALEGUISTA A FILOMENA DATO

Se hai un libro interesantísimo sobre a vida, traxectoria, pensamento e obra de Filomena Dato este é o publicado por Fernando Román Alonso. Un libro que achega importante información e numerosas ilustracións sobre a escritora, ademais de ter un formato sumamente atractivo. Un libro de fonda investigación e emprego de numerosas fontes. Realmente, é un referente para coñecer de preto á nosa insigne ourensá.
O libro de Fernando recolle a grande admiración que profesaba Filomena Dato na sociedade e nas mulleres ourensás.

Ourense, con ser unha cidade de transcurrir tranquilo e na que os cambios e transformacións foron vindo paseniños, destacou pola súa actividade cultural e por ser o berce de ilustres escritores e escritoras. Así mesmo, dentro do conservadurismo que sempre a impregnou, houbo iniciativas e movementos sociais e políticos que tentaban abrir a cidade aos novos tempos. Ourense, entre o tradicional e o cambio, unha pugna reflectida na marabillosa novela de Eduardo Blanco Amor "La catedral y el niño".

Pois ben, neste Ourense tan característico, as nosas mulleres non estiveron exentas de participar activamente nos eventos da Auriense. Xa temos indicado no blog algúns dos movementos reivindicativos  nos que participaron pois non se resistían a ser simplemente espectadoras do tempo.

As mulleres que na súa maioría formarían parte do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense que estaba a punto de nacer tomarán a iniciativa de facer unha colecta  só de mulleres e en cotas de unha peseta para encargar unha placa conmemorativa a Filomena Dato para situala na casa onde vivíu a poestisa na rúa de Santo Domingo. Desde o día 6 de xullo e ao longo de varios días moitas mulleres ourensás foron facendo a súa aportación recadándose en total 64 pesetas. Dita placa conmemorativa foi encomendada ao escultor Piñeiro quen realizou unha lápida sinxela e de sobria elegancia, segundo recolle a prensa da época. 

Foi unha iniciativa moi loubada no xornal de A Nosa Terra xa que desta homenaxe xurdiu o interesante manifesto asinado polas mulleres ourensás e publicado en numerosos xornais de Galicia en agosto de 1933 no que se facía un chamamento ás mulleres para defender a Galicia: Con motivo do homenaxe que en Ourense se ofrecía á memoria de egrexia poetisa galega Filomena Dato Muruáis, as mulleres ourensanas fixeron ouvir a súa voz amiga, chea de fonda cordialidade, nun manifesto a todas para procurar a unión e concordia de todo-los fillos por Galicia, non para unha laboura negativa e destrutora, senón para unha obra de constitución e vida".

O 25 de xullo de 1933 celebrábase en Ourense o Día de Galicia con varios actos, entre o que estaba a homenaxe a Filomena Dato. Acudiron ás doce do mediodía á Rúa Santo Domingo unha congregación de mulleres así como diversas autoridades para renderlle tributo á escritora e descubrir a placa instalada na fachada e que dicía: "as mulleres ourensás lémbranse da súa escritora Filomena Dato Muruais que n´iste casal morou". Despois de que Marcelo Marcías lera un grande discurso tomou a palabra Mercedes Docampo, a Secretaria do Grupo Feminino do Partido Galeguista e unha das organizadoras do evento, para dar as grazas en nome da Comisión organizadora e para pedir ao pobo ourensán e ás autoridades que procurasen que os restos da poestisa fosen traídos para Ourense, e segundo nos indica A Nosa Terra tamén leuse o famoso Manifesto ás mulleres que sería unha proclama galeguista que tivo unha grande repercusión. O acto rematou coa actuación do Orfeón Unión Ourensana interpretando o hinmo galego.

La Región, 27 de xullo de 1933, p. 1

Deste xeito queda patente que as ourensás  recoñecían o labor da poetisa e compartían con ela as súas ideas e pensamentos que, como sabemos, eran adiantados para a época. Exemplo disto é a defensa da muller no seu poema Mulleres".

Vid: El Pueblo gallego : rotativo de la mañana: Ano X Número 2909 - 1933 xullo 25, p. 21.

Hoxe en día a placa existente non é a orixinal. La Región: Filomena Dato vuelve a la historia de la ciudad 

Mulleres que contribuíron: Señoras de Otero Pedrayo; Risco; Casas; Cuevillas; Peña Rey; Bóveda; Añel; Mouriño; Ulloa; Martínez Pedrayo; Santiago; viúva de Calvo e Sánchez; Dona Rosina Sánchez viúva de Lamas Carvajal; dona Josefina Romero; Dona Casta Suárez; Dona Amparo Brasa; Dona Socorro Rodríguez Guede; Dona Asunción P. Feijoo de Prado, viúva de Dato; Dona Encarnación Anido Panete; Dona Isolina García de Taboada; Dona Ángela Martínez Monge; Señora de Pérez Piñeiro; Señora González Salgado; Señora de Don Francisco Villanueva; Dona Pilar Prieto; Señora de Piñeiro; Señora viúva de Malingre; Señora García de Villar; Señora Vázquez Monjardín; Dona Jesusa Rodríguez Figueiras; Dona Luísa e Dona María Valencia Cobián; Dona María Morais de Fernández; Dona Felisa Fernández Morais; Dona Lucía G. de Quevedo; Dona Carmen Cansura; dona Julia de las Cuevas; Dona Antonia R. Conde; señorita Carmen Docampo; Leontina Docampo; María Purificación Fernández; María Docampo; Felisa Docampo; Señora Ferre de Iglesias; Señorita de Saco; Elvirita Conde; Amelia Llamas Saco; Señora de Román; Dona Asunción Fernández Román; Dona Pastora Romasanta Romero; Dona María Luísa Romero Romasanta; Señorita Domitila Gutiérrez; Dona Mercedes Cid de Quelle; Dona Modesta García; e dúas amigas.

(Elaboración propia)

Vid: La Región, 7, 9, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 18, 22, 25 de xullo de 1933.
"Exemplos" A Nosa Terra, 6 de agosto de 1933, p. 4.
Román, Jesús-Fernando: Filomena dato: a poeta galega de entre séculos, Ourense, Duen de Bux, 2009.
La Región (foto. A fotografía non se corresponde co evento que estamos a comentar pero serve para ilustrar a admiración que sentían as mulleres ourensás pola nosa poetisa)