RECANTO DE REFLEXIÓNS

30 mayo 2021

PURIFICACIÓN MAYOBRE RODRÍGUEZ

Era pertinente incorporar neste blog a Purificación Mayobre pois, aínda que naceu na Coruña en 1952, desempeñou o seu labor docente e investigadora na nosa cidade, sendo formadora de numerosas xeracións de estudantes no terreo da filosofía e, sobre todo, no terreo do feminismo en Ourense na Universidade de Vigo. Estudou na Universidade Pontificia de Salamanca e na Universidade de Santiago de Compostela.

Purificación Mayobre é profesora da área de Filosofía investigadora en teoría e historia feminista; educación e xénero; xénero e liderado; TIC e xénero, entre outros. Foi unhas das fundadoras da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas e presidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero. É autora e coordinadora de varias publicacións como Xénero e Política ou O feminismo onte e hoxe.

O seu currículo é amplísimo pois as súas investigacións non teñen límite abranguendo unha ampla temática referido á muller, xénero, violencia, igualdade, acoso. É unha incansable traballadora e investigadora e, principalmente, unha muller de mente reflexiva e intelectual. As súas publicacións e ensaios non deixan indiferente e poñen o acento e a intensidade na capacidade das mulleres e na súa valía. Pero ademais, é unha muller forte pois non se arredra a denunciar situacións nas que a muller é obxecto de degradación e discriminación.

Foi pioneira na institucionalización dos estudos de xénero na Universidade de Vigo coa posta en marcha dun máster pioneiro en Estudos de Xénero. Promoveu a creación de grupos de traballo e de investigación en diversas áreas dende unha óptica feminista e contribuiu a situar no mapa das universidades españolas á Universidade de Vigo como referencia en estudos de xénero e teorías feministas. Por todo isto lle foi concedido o II Premio de Compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2014. E tamén foi meritoria da concesión do Premio Campoamor do Concello de Ourense en 2008.
O compromiso coas mulleres é o seu obxectivo pois como ela mesmo di: "O feminismo de hoxe non é o de hai trinta anos, pero sen dúbida segue sendo necesario. Con respecto á verba en si, lamentablemente aínda hai quen rexeita o termino por pensar que é o mesmo que o machismo pero no outro polo. Algo totalmente errado".

Entre as publicacións de Purificación Mayobre pódense destacar:
  • A Cultura filosófica en Santiago de Compostela no século XIX (o debate de ideoloxías), 1982.
  • Debates ideolóxicos na Compostela do XIX, 1985.
  • O krausismo en Galicia e Portugal, 1994.
  • Xénero e política. Comportamiento electoral e participación social da muller (1979-1993), 1997.
  • A cuestión de xénero e a marxinación. Servicios sociais e recursos específicos para a muller, 1997.
  • Luce Irigaray, 2004.
A esta bibliografía hai que engadir numerosos artigos de temáticas en torno da muller.

Vid: Universidade de Vigo
Web de Purificación Mayobre