RECANTO DE REFLEXIÓNS

25 abril 2021

NOA CID BLANCO

Noa Cid Blanco naceu en O Barco de Valdeorras, Ourense, en 1989. É fundadora e editora da revista dixital Chorareii, que desde Tokio ten por obxectivo difundir internacionalmente a cultura alternativa e emerxente de Xapón e inspirada por Xapón.

A súa personalidade perfeccionista fai que todo o que emprende adquira un valor engadido.

Desde a súa infancia destacou en todas as áreas creativas nas que se embarcou como na danza e na música. Todo isto combinouse co seu elevado grao de autoesixencia e disciplina, de aí que os seus expedientes académicos fosen sempre sobresalientes, xa desde a primaria, pasando por un Bacharelato excelente ata a Universidade na Pompeu Fabra, na que destacaría como alumna cun expediente impecable de brillantes cualificacións.

Pero, a máis disto, a formación de Noa é global e humanística pois non só aprende dos libros, dos que é unha ávida lectora, senón que aprende da vida, dos países onde viaxa, das xentes...Iso fai que teña no seu haber, sendo tan nova, unha gran vagaxe de coñecementos. Para ela viaxar é despregar un libro de cultura e sabedoría e xa desde moi nova marchou a Chile e non perdeu a ocasión para coñecer parte de Sudamérica. Outro tanto faría por Europa, mergullándose na cultura dos países e xentes.
O seu interese pola escritura e o pensamento creativo levouna a licenciarse en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Nada máis licenciarse comeza a traballar no ámbito da Publicidade. Pero, despois dun ano traballando no sector, sentiuse na necesidade de adicarse a proxectos menos comerciais e mais culturais. Por iso, uniuse desde Barcelona, onde residía, ao equipo da revista internacional VICE, con sede en Nova York, un dos medios de comunicación contraculturais icónicos da xeración "millennial". Traballou oito anos no equipo editorial deste medio en España, ocupando diversas posicións vinculados á estratexia editorial e dixital.

Buscando novos retos, mudouse a Xapón, o seu país fetiche. Despois dun ano involucrándose na escena cultural de Tokio, decidiuse a iniciar o seu propio proxecto editorial, Chorareii, para dar voz aos creadores emerxentes que pouco ou nada están representados nos medios de comunicación establecidos.

O nome da revista provén do verbo galego "chorarei", ao que se lle engadiu un "i" final que é propio dos adxectivos en xaponés. "Chorareii é unha plataforma para proxectos que emocionan", explica Noa.

En Tokio, a cidade onde nacen as tendencias e onde se ve futuro, é onde recalou Noa, xa falando algo do idioma e facéndose entender, seguro que cun lixeiro acento galego pois Galiza e Ourense sempre van con ela, pois como ela mesmo di: "o que si fago é promocionar a miña terra alá onde vou..."

Iniciativa, emprendemento, cosmopolitismo, retos, cultura, underground...son algúns dos nomes que rodean a esta nosa ourensá que transcende á postmodernidade e olla o post-contemporáneo. Muller ourensá na terra do sol nacente.

(Texto elaborado a partir do testemuño da protagonista)