RECANTO DE REFLEXIÓNS

11 abril 2021

MULLERES NA REVISTA NÓS

O ano 2020 foi o centenario do nacemento de NÓS, e é importante que salientemos ás mulleres que por entón tamén colaboraron coa revista. Segundo din Afonso Vázquez Monxardín e Xosé Luís Carrión, a presenza de mulleres na revista foi escasa e é de comprender pois durante estes anos, e a pesares do que di Carrión "Nestes anos nace unha nova muller" , aínda serían moitos os reparos que estas terían para adentrarse nunha iniciativa cultural tan impresionante, tan revulsiva e de tan elevado calado intelectual. Unha iniciativa de orgullo de recoñecemento da cultura e a lingua galega que redundaría posteriormente nun desexo político coa creación do Partido Galeguista cuxo eixe principal era o recoñecemento da Patria Galega.

Agora ben, aínda sendo poucas as mulleres que colaboraron na publicación, a súa presenza vai ser moi importante pois dá mostras de que os intelectuais e fundadores do GRUPO NÓS e deste "Movemento Cultural e deste Renacer Cultural", tan maiúsculo, contaban tamén coa participación das mulleres. E, en efecto, aquí está a mostra de cinco mestras ourensás, animadas polo seu profesor Vicente Risco, presentan uns traballos para a revista. Son mulleres que escriben na lingua galega como reivindicación da mesma e achegan contos e historias da tradición popular, na liña da publicación Nós de recuperar o noso. Resulta interesante o manexo que teñen da lingua, apreciable na súa redacción na ortografía e puntuación. Todo iso amosa o coidado que puñan á hora de transcribir estas narracións.

Unha desas colaboracións veu dada por María Sánchez Fernández que, sendo alumna da Normal de Ourense, escribiu na revista NÓS, no apartado "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza" o conto "Zorro por Lebre", que foi recollido pola autora no pobo San Miguel de Melias, Coles. Trátase dun conto popular onde se amosa a retranca típica do galego. Fala de que un home alcumado "Lalín" ía por viño onde o sacristán e un día, mentres medían o viño o Lalín díxolle que traía unha lebre pero ao rematar a cea o vinateiro comezou a dicir "dous dous dous dous" imitando ao raposo. Deste xeito soubo que lle deran zorro por lebre. Pero o interesante é o comentario que fai a autora ao pé de páxina falando das onomatopeias, da súas interpretacións, das variantes segundo a zona, e incluso cita a Vasconcelos, o lingüista, filólogo portugués. Todo isto dá mostras do coñecemento que María Sánchez ten sobre o tema.

María exerceu como mestra e no ano 1934 ocupaba a praza como interina na escola mixta de Entrambosríos da Peroxa. No ano 35 estaba admitida nos Cursiños Especiais do Maxisterio. Nos novos plans de estudos das Normais, no RD do 29 de setembro de 1931, debido ao nivel de esixencia nas probas de ingreso e na reválida xa non era preciso realizar as oposición pois ao longo deste proceso xa se establecía a selección dos futuros mestres e mestras. Si debían realizar tres cursiños (cursiños de selección profesional) e ir superándoos para acreditarse como docentes. No ano 1936 seguía exercendo na escoliña de A Peroxa. Continuou o seu periplo laboral e no ano 1939 estaba exercendo na escola de Souteliño de Laza. Afonso Vázquez Monxardín di de María Sánchez que sería Inspectora na zona de O Barco e participaba nos Cursos Culturais organizados desde a Normal.

Non sería a única muller que colaboraría puntualmente coa revista, tamén outras estudantes da Normal, e que, segundo Monxardín, eran alumnas de Vicente Risco, enviarían algún escrito para a revista.



Revista Nós, 15 de marzo de 1934, Ano XVI, nº 123, p. 55.

Dolores Fernández Quintáns naceu en Ourense o 21 de novembro de 1912 e era filla do industrial Severo Fernández. Unha familia distinguida de Ourense e moi querida polos ourensáns, tal como se demostrou no sepelio do seu irmán, José Manuel Fernández Quintáns que faleceu en outubro de 1955. 

Realizou o exame de ingreso no Instituto ourensán o 6 de xuño de 1927 e estivo matriculada no centro ata 1929 pola opción libre. Tras realizar os estudos de bacharelato elemental, o 29 de abril de 1930 solicita o certificado para a Escola Normal de Ourense. Remata os estudos e en 1934 obtén praza de mestra en Siabal, Paderne de Allariz, onde exerceu durante moitos anos só pedindo licencia por un mes debido a unha enfermidade. O 3 de maio de 1940 casa con Luis Fabello Álvarez, un axente comercial colexiado, de Herederos Severo Fernández, S.L e que faleceu en setembro de 1968 á idade de cincuenta e seis anos.

Aínda que Dolores tiña unha formación conservadora e o seu home tamén pois ofrecían donativos para os combatentes por España e tamén para a División Azul, colaborou no número 123 da revista Nós, na sección "Archivo filolóxico e etnográfico de Galiza" cun conto no que falaba dun home que era de Navín e que tiña afición pola Astroloxía, pero que a xente do lugar considerábao un pouco estrano aínda que con grande cultura. Nunha ocasión os paisanos querían saber o alcance da cultura deste home e puxeron un papel por debaixo da pedra onde adoitaba sentar. Cando o Astrólogo chegou ao lugar acostumado pronunciou unha frase que deixou a todos os homes asombrados "O el cielo bajó o la tierra subió". Cando o home morreu viron que tiña moitos manuscritos con algoritmos e cálculos que publicaría o Ilustre Vázquez Campo.

Volve a ser interesante as reflexión que fai a autora ao pé de páxina facendo mención ao matemático e astrólogo Ramón Aller. Estamos pois, ante otra mestra, culta e non debemos esquecer que moitas mestras deste momento eran as que detentaban un gran poso cultural .

Revista Nós, 15 de marzo de 1934, ano XVI, nº 123.

Carmen Somoza Pato naceu en Ourense o 22 de decembro de 1914. Era filla de Joaquín Somoza Hermida, natural de Velle, de profesión labrador e de Dolores Pato Cebreiros tamén de Velle. 

Carmen fixo os estudos de Maxisterio entre os anos 1929 e 1933 e obtivo en practicamente todas as materias dos cursos a cualificación de sobresaliente. Unha vez rematados expediu o título o1 de xuño de 1933. Deseguida comeza a exercer e en 1934 adxudicóuselle a praza de párvulos en Xinzo da Limia. No ano 1942 foi confirmada no seu cargo de mestra na Merca, Ourense, tras apertura de expediente de depuración. Colaborou no n. 123 (1934) da revista Nós na sección "Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza". Escribiu o conto "Venancio das Pitas" no que conta que un preso de Celanova de alcume "As pitas" díxolle ao carcereiro que o deixara saír ás doce da noite que viría para o cárcere moi cedo. O carcereiro contestou que no podía facer iso. Entón o preso aseguroulle que se o deixaba saír volvería ás catro da mañá con seis mil pesetas e daríalle dúas mil. O carcereiro preguntoulle a quen ía roubar ao que contestou o preso que ao cura de Mourillós. Entón deixouno saír e, efectivamente, voltou ás catro da mañá. Pero ao día seguinte o cura foi dar razón do roubo e insistiu que fora o Pitas. Pero contestáronlle que era imposible que fora o Pitas pois estaba no cárcere. O cura esixíu que o levaran á celda onde estaba o Pitas. O preso denunciou ao cura e ao final resultou preso o cura e o Pitas saíu do cárcere.
Carmen fai un comentario interesante ao pé de páxina completando a información sobre o Venancio o Pitas, polo que de novo estamos ante un conto popular con visos de realidade.

Neste comentario amosa un punto de vista do personaxe un tanto amable, algo habitual entre as xentes do lugar, xa que os delitos non os infrinxía contra a xente humilde. Salienta tamén que Venancio finalmente reconduciu a súa vida e fíxose comerciante ou cura.

Hai que salientar que Carmen redacta o texto nun galego bastante preciso en canto a forma e fondo.

Hai unha versión do conto dicindo que Venancio das Pitas en vez de roubar ao cura, roubou ao Alcalde e este perdeu as eleccións por culpar ao Venancio do roubo vendo o pobo que era imposible pois Venancio estaba no cárcere.



Nós, 15 de marzo de 1934, nº 123, p.56

Purificación González Feijóo En 1937 obtén praza de mestra en Corexido (A Veiga), Ourense. En 1944 a súa praza de mestra estaba en A Manchica, A Merca. Colaborou no número 123 da revista Nós, na sección "Archivo filolóxico e etnográfico de Galiza". Escribíu o conto "O corpo do delito", un breve conto de Penosiños de Ramirós sobre uns bandidos que na primeira guerra carlista secuestraron ao cura de Santa Mariña a Graña e levárono ao monte. Mentres tanto a reitoral foi ocupada polos xefes dos bandoleros e as súas mulleres, pasando alí unha tempada. Cando o abade pagou o rescate deixárono libre e ao voltar queimou todas as camas que había na casa.
De novo unha redacción breve e concisa pero escrita nun galego coidado.

Nós, 15 de marzo de 1934, nº 123, p. 57.

Josefa Rodríguez Paradela, como as anteriores tamén era mestra de Ourense e exerceu na escola de Ribeiras do Miño. Ela tamén colaborou na revista Nós achegando un conto titulado "Os que chouzan" no que fala da zona de Chouzán, un lugar no que había unha barca para pasar o río Miño. Era un lugar onde había figos que eran apañados e vendidos polos do pobo. Cando lle preguntaban a un de onde era, contestaba dicindo que de Chouzán e pedían descambiar un peso pois xuntaban moita calderiña despois de vender os figos. Cando non había figos a resposta era outra, pois no tocante pedían o peso. Quere aclarar a autora no pé de páxina que este mesmo facer acontece noutros pobos como o de Seixalbo de Ourense.

De novo estamos ante un pequeno conto popular, apropiado para a Revista Nós que tiña entre as súas numerosas intencións, plasmar a cultura popular.

Josefa, segundo consta, sufriu o proceso de depuración en decembro de 1937 sendo trasladada de escola e inhabilitada para desempeñar cargos directivos. A depuración estableceuse no decreto do 8 de novembro de 1936. Anteriormente á publicación do decreto, a purga foi levada a cabo polas autoridades académicas de cada distrito universitario (Inspección), seguindo as directrices da autoridade militar e civil de cada provincia, quen redactaban as primeiras listas de mestres sancionados, para despois facelas públicas en cada un dos B.O.P. Podemos definir esta primeira depuración como unha purga militar, non soamente por ser decidida polos estamentos militares provinciais, senón porque estaba suxeita á lexislación castrense de urxencia. Posteriormente, cando se constitúe o Ministerio de Educación Nacional, a depuración entra nunha segunda fase; a partir deste momento a depuración regúlase por un corpo de leis e normas establecidas como desenvolvemento do Decreto 108, e o control da depuración pasa das mans militares a converterse nunha competencia do Ministerio de Educación.

O
Nós, 15 de marzo de 1934, nº 123, p. 57.

Vid: La Región, 6 de agosto de 1935; 27 de setembro de 1935; 6 de novembro de 1936; El Compostelano, 4 de novembro de 1936; La Noche, 24 de outubro de 1955; El magisterio español, Número 9308 - 1934 Junio 26, p 15; Número 9309 - 1934 Junio 28; El Pueblo gallego, 13 de novembro de 1934; 17 de marzo de 1937; 5 de xullo de 1957; 6 de setembro de 1968; El Correo gallego, 31 de outubro de 1939; 1 de decembro de 1937; 30 de marzo 1944; Afonso Vázquez Monxardín. As mulleres na revista NósXosé Lois Carrión, Revista Nós, escasa presenza feminina