Amalia Álvarez Gallego naceu en Lugo o 10 de febreiro de 1906 e foi a muller valente, galeguista e forte que sufriu a morte cruel por fusilamento do seu home, Alexandre Bóveda. Por ser a muller do galeguista ourensán e pola súa vida de sufrimento e loita é parte da nosa historia ourensá.
Amalia naceu no seo dunha familia de recursos e culta. Seu pai, Xerardo Álvarez Limeses, era poeta, orador e inspector de ensinanza primaria exercendo algún tempo na cidade de Ourense. Gozaba de notoriedade no círculos culturais de Pontevedra pois era asiduo escritor e conferenciante sobre asuntos de instrución e culturización que lle preocupaban e poñendo de manifesto a necesidade de estender a educación para que un pobo progresase[1]. Así mesmo, era membro da Real Academia Galega e cofundador do Museo Provincial de Pontevedra. Falecería en marzo de 1940 con grande pesar para o ámbito cultural galego[2] e sobre todo para súa filla, Amalia, para quen era un referente. A nai de Amalia, Dolores Gallego Martínez, naceu en Castro de Morelle, Castellón, e era filla dun Coronel[3]. Dolores e Xerardo contraeron matrimonio en Pontevedra o 21 de febreiro de 1895[4] e tiveron dous fillos, o maior, Xerardo, e a pequena, Amalia.
Despois dunha estadía en Ourense, pois o seu pai estaba destinado como Inspector de Primeira Ensinanza en Ourense, trasladáronse a Pontevedra. Amalia realizou os estudos de primaria na Escola da Praza do Xeneral Martitegui e aos dezaseis anos, en 1922, realizou o exame de ingreso á Escola Normal de Mestras obtendo matrícula de honra[5], pero non rematou a carreira e tan só fixo un curso[6].
A Amalia gustáballe a música coral e tiña grandes dotes para o canto e aos vinte e dous anos entrou a formar parte da Coral Polifónica de Pontevedra que estaba presidida por Antón Losada Diéguez e era como unha reunión de amigos da música[7]. Acudía aos ensaios da Coral e foi onde coñeceu a Alexandre Bóveda que tamén estaba no coro. A amizade foi xurdindo entre eles derivando logo nunha relación de parella. Non obstante, deixáronse un tempo pois tiñan os dous o seu temperamento, aínda que ao ano retomaron a relación xa que estaban destinados a unha vida en común.
E efectivamente, de alí ao pouco casaron. A petición de man de Amalia Álvarez tivo lugar en Bayón, Pontevedra, en xullo de 1930 e foi feita por parte do oficial da Deputación Provincial de Pontevedra Don Carlos Pulido Parada que era o irmán político de Alexandre Bóveda Iglesias que nesta época ocupaba o cargo de Xefe Pericial de Contabilidade do Estado e Tenedor de Libros da Delegación de Facenda[8]. Casaron na igrexa conventual de Poio e foron de padriños o pai de Amalia, do Xerardo Álvarez, e dona Luísa Iglesias, nai de Alexandre Bóveda[9]. O matrimonio foi de lúa e de mel e ao regresar viviron en Pontevedra e logo en Poio. Tiveron cinco fillos, a última, a máis nova non chegou a coñecer ao seu pai pois naceu despois de que o fusilaran.
A familia estaba moi unida. Alexandre era un home do fogar e agarimoso cos fillos e con Amalia. Ambos os dous mantiñan conversas sobre asuntos caseiros, sobre libros, sobre o compromiso de Alexandre coa política e o galeguismo… Amalia era a súa máxima inspiradora e moitos textos que Alexandre escribiu foran pensados por e para ela.
Alexandre era un dos máximos representantes do galeguismo e defendía que ese galeguismo non quedara no folclorismo e sentimentalismo senón que debía ser unha cuestión máis social e de maior compromiso para chegar ao nacionalismo galego[10]. Era o Secretario do Partido Galeguista, defensor do Estatuto de Galicia e candidato polo Fronte Popular pola provincia de Ourense.
Polas súas ideas foi represaliado polo franquismo e, tras do golpe militar, en nada o detiveron, dous días despois, o 20 de xullo de 1936 estando de en Ourense. Sometérono a procedemento sumario e o 14 de agosto de 1936 condénano a morte. O seu alegato non puido ser máis elocuente e tamén unhamostra da inxustiza que se cometía: “Mi patria natural es Galicia. La amo fervorosamente, jamás la traicionaría, aunque me concediesen siglos de vida. La adoro más allá de mi propia muerte. Si entiende el tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada la pena de muerte, la recibiré como un sacrificio más por ella. Hice cuanto pude por Galicia y haría más si pudiera. Si no puedo hasta me gustaría morir por mi patria. Bajo su bandera deseo ser enterrado, si el tribunal juzga que debo serlo”[11]
O 17 atárono a unha árbore no monte da Caeira, en Poio, e o asasinaron. Un amigo aproveitou ao marchar o pelotón de fusilamento para meterlle na chaqueta a bandeira galega. Tiña tan só trinta e tres anos e un grande amor por Galicia. Escribiu á Choliña, Amalia, unhas últimas letras: “Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío”[12]. Quen sabe se lembrou aquel poema dedicado á súa querida Amalia, “Pechei os ollos; quixen durmir; soñei esperto, pensando en ti” [13].
Ela escoitou os disparos e anguria que sentiu foi tremenda. Amalia e Alexandre tan só levaban seis anos casados. Os fillos eran aínda moi pequenos e estaba embarazada da quinta filla que ese mesmo día naceu. A partir de entón a familia quedaría marcada. Amalia, con trinta anos, viu truncada a súa vida tinguindo de negro a súa dor e a cor da súa roupa.
A partir de aí comeza a súa loita por tirar pola familia: “A vida é loita, a vida é loita, non cres?” [14]. Inclúese na lista de mestras interinas[15] e comeza a dar clases ao mesmo tempo que preparaba as oposicións a maxisterio pero, finalmente, decidiu presentarse en Madrid ás oposicións de Facenda e, en 1941, foi nomeada auxiliar de Facenda e destinárona a Cádiz[16]. Deixou aos fillos ao coidado da familia e, ao volver a Pontevedra, levounos a Madrid e estiveron no Internado para Orfos de Facenda, unha institución que supuña unha axuda para o persoal de Facenda. E, lamentablemente, mantíñanos separados do resto de nenos por ser fillos de “un rojo”. Pero tamén Amalia sufriría os comentarios despectivos dos veciños pero soportounos con entereza e sen chegar a gardar rancor polo que padeceu. Así mesmo tivo moitas complicacións para obter un certificado de adhesión ao réxime para seguir traballando de funcionaria.
(Familia Bóveda. Foto cedida por Ánxeles Cuña Bóveda)
Amalia Álvarez, a querida Choliña tal como a chamaba Alexandre, lamentaba que tiveran que matalo para coñecer o que fixera por Galicia. Ela sabía do compromiso de Alexandre pola terra, pola xente galega, por iso, cando Alexandre dicía ás veces que ía deixar todo para dedicarse máis á familia, ela empurrábao a seguir: “É o único entusiasmo que ten, quítaslle iso e despois..., el non fuma, non bebe, non fai gamberradas. Que siga na política”[17]. Por iso, cando os seus fillos xa tiñan idade para comprender o sucedido, xuntou aos cinco e explicoulles por que o seu pai fora fusilado. Un duro golpe para eles que lles fixo sentirse máis unidos e tamén apreciaron o esforzo da súa nai: "Mi madre fue otra verdadera mártir", al sacar adelante a todos sus hijos "como una campeona" dixo o seu fillo Xosé Lois Bóveda nunha das homenaxes que lle deron ao seu pai[18].
Efectivamente, Amalia cargou co peso da memoria histórica de Galicia. Ela acudiu a todas as homenaxes que lle fixeron a Alexandre como unha mostra do seu apoio constante. Amalia faleceu aos 95 anos o 27 de novembro de 2001, e repousa xunto a Alexandre no Panteón familiar de San Mauro.
Unha muller comprometida, loitadora, traballadora e sacrificada que soubo vivir sen odio aos que asasinaron a Alexandre.
Avoa Amalia, fonda, agarimosa, intelixente e retranqueira
Que falar marabilloso! Que limpa mente!
Que ollar vivo, mouro e alegre!
Namoraches cantando
Viviches forte, enxeñosa...
entre sombras iluminadas por tempos sincopados
de Ánxeles Cuña Bóveda[19]
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Álvarez Blazquez, Xosé María, Alexandre Bóveda: apunte biográfico, serie Hombres que hicieron Galicia , D.L., 1982.
Álvarez Gallego, Gerardo, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda (Bos Aires, Nós, 1972).
[1] Gerardo Álvarez Limeses, “Concepto de la cultura” Boletín de Educación, 13 (1935).
[2] Juan Novás Guillán, “Gerardo Álvarez Limeses, ha muerto”, Boletín de Educación 19 (1940)
[3] Don Xerardo Álvarez e dona Dolores Gallego eran os bisavós de Ánxeles Cuña e ela achegoume interesantes datos sobre a súa familia.
[4] El Criterio gallego, 22 de febreiro de 1895
[5] “Alumnas aprovechadas” El Progreso, 3 de outubro de 1922.
[6] Montse Fajardo Pérez, “Amalia Álvarez Gallego”, http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=1089 consultado o 6 de abril de 2020.
[7] “Coral Polifónica de Pontevedra” https://gl.wikipedia.org/wiki/Sociedad_Coral_Polif%C3%B3nica_de_Pontevedra consultado o 6 de abril de 2020.
[8] Vida gallega ,456, 30 xullo de 1930.
[9] Vida gallega, 466, 10 de novembro de 1930; La Región, 24 de outubro de 1930.
[10] “El Estatuto de Autonomía” Nuestra Bandera: revista de educación ideológica del Partido Comunista de España - Número 134, 1 de abril de 1986.
[11] “La leyenda que no puideron asesinar”, https://elpais.com/diario/2011/08/17/galicia/1313576297_850215.html consultado o 6 de abril de 2020.
[12] Carta de Alexandre Bóveda a Amalia antes de ser fusilado. Montse Fajardo, “Amalia Álvarez Gallego”, http://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/represaliadas-e-resistentes/as-que-quedaron/amalia-alvarez-gallego/ consultado o 7 de abril de 2020.
[13] Poema de Alexandre Bóveda dedicado a Amalia. Montse Fajardo, “Amalia Álvarez Gallego”, http://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/represaliadas-e-resistentes/as-que-quedaron/amalia-alvarez-gallego/ consultado o 7 de abril de 2020.
[14] Montse Fajardo, “Amalia Álvarez Gallego”, http://www.dogrisaovioleta.gal/biografia/represaliadas-e-resistentes/as-que-quedaron/amalia-alvarez-gallego/ consultado o 7 de abril de 2020.
[15] El Noticiero gallego,18 de xaneiro de 1938.
[16] “Auxiliares de Hacienda” El Pueblo gallego, 30 de decembro de 1941.
[17] Idem.
[18] “La leyenda que no pudieron asesinar” https://elpais.com/diario/2011/08/17/galicia/1313576297_850215.html, consultado o 7 de abril de 2020.
[19] “Amalia Álvarez, que se namorou cantando”, http://nondesaesquecemento.blogspot.com/2016/03/amalia-alvarez-que-se-namorou-cantando.html consultado o 6 de abril de 2020.