Caeu sobre todos nós unha lousa de pedra en forma de pandemia. Unha lousa que fixo que todo se paralizase e que interrompise o rumbo das nosas vidas, sen inercia, incluso, pois veu de repente, un parón en seco. Incertidume no xa tortuoso camiño da historia, pois a historia nunca é recta senón que está chea de nós e curvas e contracurvas.
Todos e todas nas casas, como en celdas dunha colmea.
E isto deu lugar a que descubríramos as nosas casas, que nos descubrísemos a nós mesmos e incluso á nosa familia grazas a prolongadas charlas nun tempo que pasa lento. Son tantas horas xuntos que aprendimos a respectarnos nos espazos e a deixar a cada un cos seus novos ou vellos soños e pensamentos.
Nestes tempos detidos aprendimos tamén a pensar, pois no remuíño do día a día case non lle dedicamos tempo. Pensar, reflexionar e..valorar.
Pensei...agora é o momento.
Por fin teño ocasión de dedicar unha entrada no meu blog ás MULLERES ANÓNIMAS. Son mulleres ás que non lles sei o nome pero véxoas e sorrinme cos ollos pois as súas bocas están tapiadas pola mascariña.
Quero dedicar esta entrada ás mulleres que maiormente ocupan os postos nos supermercados, nas tendas ou postos de venta de alimentación. Están aí na primeira liña, día tras día, e falan con nós e pensamos que grazas a elas todo vai ir ben, que nada vai faltar, que non debemos preocuparnos que están elas vixiantes para que todo vaia ben. Levan horas e horas sen parar, de pé, atendendo o noso medo. O seu cansanzo cincela as olleiras nos seus ollos, pero seguen loitando sen arredarse a que elas poidan ser atrapadas por esa doenza.
Gravemos as súas caras na nosa memoria. Son as nosas mulleres do día a día que antes non viamos. Agora sonnos imprescindibles.
Tamén vai a miña admiración para as que están nas residencias, nos hospitais, nos centros de saúde....aí están, sempre estiveron pero agora VÉMOLAS. As sanitarias ataviadas como se fosen á guerra, pois case é unha guerra, están salvando as nosas vidas,a dos nosos maiores...son horas sen dormir, sen case comer, cos músculos esgotados de moverse a correr, sen parar e....aínda lles quedan forzas para disimular a súa tristura. Elas SALVAN aos nosos familiares, aos nosos amigos, a todos... porque todos dependemos de todos aínda que non nos coñezamos. E son capaces de aplaudir, de animar, de levar un móbil aos enfermos para que vexan á súa familia...Pode haber máis vondade? Son xestos máis valiosos que as riquezas.
Por iso, a toda esas mulleres que estades hoxe en día demostrando o que valedes, envíovos a nosa admiración pois logrades que nos sintamos todas orgullosas de noso xénero.
Mulleres que cosedes, mulleres que limpades, mulleres que cultivades, mulleres que protexedes, mulleres voluntarias, mulleres farmacéuticas, mulleres mestras, mulleres nas fábricas, mulleres artistas, mulleres reporteiras, mulleres funcionarias, mulleres empresarias, mulleres que coidades, mulleres dilixentes, nais que estades na casa, avoas que tanto sufristes na vosa época de escaseza e que tamén loitades. A todas...
Mulleres aguerridas, NON SEI COMO VOS CHAMADES, non chego a ver as vosas caras pero si as vosas miradas, miradas de valentía. Grazas polo voso traballo.
Quen aínda pon en dúbida a nosa fortaleza?Con este tronco as pólas non rachan.