RECANTO DE REFLEXIÓNS

02 abril 2015

JOAQUINA AVELINA RODRÍGUEZ CAMINERO

Joaquina Rodríguez Caminero naceu o día 23 de novembro de 1911 na rúa Santo Domingo, número 28, de Ourense e era filla do comerciante Juan R. Rodríguez, natural de Porto do Son, A Coruña, e a súa nai era Pilar Caminero Gordiel, natural de Puentelarrá, Álava.

Aos 11 anos, en 1922, inscribiuse no Instituto de Ourense. Alí faría os seis cursos de bacharelato, o primeiro pola opción libre os outros cinco pola opción oficial. Obtivo unhas excelentes cualificacións, con vinte e un sobresalientes dos cales doce foron con Premio. Acada a titulación de bachiller en 1928 e solicitou o Certificado para a Universidade de Santiago. En 1929 matriculouse na facultade de Filosofía e Letras. Fixo os catro cursos pola opción oficial e obtivo unhas moi boas cualificacións con catro matrículas de honra, varios sobresalientes e notables. Tamén acabou titulando en Maxisterio.

En 1933 trasladouse a Madrid para cumprimentar os estudos e foi bolseira na Residencia de Señoritas de Madrid.

(Fonte: El Ideal gallego, 25 outubro de  1933, p.8)

(Fonte: El Ideal Gallego, 4 de novembro de 1933, p. 8)

Estamos ante unha muller con inquedanzas profesionais e unha máis das nosas pioneiras. Joaquina era irmá de Pilar Rodríguez Caminero que tamén se contempla neste blog.

Joaquina exerceu como profesora no centro de estudos Padre Sarmiento dirixido por Ángel Martínez Doval. Estaba composto o claustro por recoñecidos profesores entre os que figuraban xunto con Joaquina, Manuela Cifré e Dolores Alonso Pereira.

(Fonte: La Región, 24 de setembro de 1943, p. 2. Galiciana)

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=211; El Pueblo gallego, 25 de outubro de 1935.