RECANTO DE REFLEXIÓNS

07 abril 2024

ENRIQUETA IGLESIAS MEANA

Enriqueta "La Camarada".  Naceu en 1911. Foi detida en Maceda en febreiro de 1937 por non delatar á súa parella, Benigno Álvarez González, veterinario e o líder do Partido comunista de Ourense e con quen casou en 1932. Fora alcade de Maceda e rebelouse contra o alzamento, motivo polo que foi perseguido pola Garda Civil. O matrimonio agochouse primeiro no trasteiro da casa, logo na Serra de San Mamede e despois na zona da Edreira. A familia Ulloa ofreceulle o pazo de Monterroso para acubillarse e alí permaneceu ata xaneiro de 1937 ata que Benigno decidiu botarse ao monte. Algunhas familias de aboengo puxeron prezo á súa cabeza.

Dicíase que en Vilar de Barrio (Maceda) chegara a concentrarse o día 21 de xullo de 1936 un gran grupo revolucionario da comarca congregados polo líder comunista Benigno Álvarez González, "asociado de una joven llamada Enriqueta Iglesias "La Camarada". Todos pretendían levar a cabo o movemento revolucionario que soñaron. Chegaron a Maceda proferindo berros "entremezclados con algunos disparos" provocando certo temor entre a veciñanza. Incorporábanse ao grupo xentes diversas e encamiñábanse a Baños de Molgas. A intención era facer voar a ponte pero o Capitán Navas chegou con 80 homes armados e os revolucionarios escaparon. Algúns atrincheiráronse nos Milagros. O Capitán capturou a oito prisioneiros e as municións que tiñan. Polo que que a zona quedou xa dominada e controlada polo Movemento Nacional.(1) Cando a Garda Civil no inverno de 1937 pillou a Benigno no refuxio chamado O Penedo matouno e paseou o seu corpo morto coa intención de demostrar que era implacables e para atemorizar á poboación.

Enriqueta foi detida. Ás seis da tarde do 21 de maio de 1937 celebrouse o Consello de guerra ordinario para fallar a causa de Enriqueta co número 76 de 1937 instruída contra Enriqueta por delito de rebelión.Foi xulgada en Ourense e condeada a seis anos de prisión.  

(Fonte: La Región, 25 de maio de 1937, p. 3

Cando entrou na prisión de Verín tivo unha filla, Dolores, e ese feito conmoveu ao alcaide do cárcere, Alfredo Vila Barros. Foi descrito coas seguintes palabras:

El pasado jueves, en el acto que tuvo lugar en la prisión de esta villa, hombres de carácter recio tuvieron que enjugar sus ojos de lágrimas. La emoción se adueñó de los espíritus...La génesis de acto tan transcedental tuvo origen en el ingreso en esta prisión de una mujer cuyas ideas extremistas en pugna con los principios básicos de la Religión y de la Patria la alejaron de Dios y de la sociedade.(2)

Debido á situación creada, o xefe do establecemento, Alfredo Vila, solicitou axuda da directiva da Xuventude católica feminina co obxectivo de conseguir que "una niña, nacida de la extraviada mujer, en una celda carcelaria" fora auxiliada debidamente así como a súa nai. E, en efecto, as mulleres lanzáronse a un labor encamiñado principalmente a lograr que a nena fose bautizada. 

O Comandante da Garda Civil de Maceda dicía de Enriqueta que era "propagandista de ideología muy comunista cuya presencia sería muy peligrosa para el Movimiento". 

Foi trasladada ao penal de Santurrarán, en Motrico, Guipúzcoa, e no Boletín Oficial do Estado do día 6 de agosto de 1940 publícase unha lista de reclusos e reclusas ás que se lle concede a liberdade. Nesa lista figura Enriqueta. Deste xeito, Enriqueta, recuperou a liberdade tas catro anos, durante os cales tivo á súa filla con ela. Faleceu en xuño de 1996.


(Fonte: BOE. 12 de setembro de 1940, p. 6348)

(1) Silva Ferreiro, M. Galicia y el movimiento nacional. Santiago de Compostela. Imprenta. Seminario Conciliar 1938, p. 284.
(2)  "Acto conmovedor en la prisión de esta villa", La Región, 4 de febreiro de 1937, p. 2.
Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Nomes e voces , tamén Foto de Nomes e Voces; Benigo Álvarez González.
Martíns Rodríguez, María Victoria, "A represión franquista sobre as mulleres" en Juana, Jesús e Prada, Julio, As mulleres en Galicia no século XX , Vigo, Ir Indo, p. 166; Egido León, Ángeles, Cárceles de mujeres. La prisión femenina en la postguerra. Saenz y Torres. 2017; Etxaniz Makazaga, J. e Conde Gómez, D. “El veterinario Benigno Álvarez González, un comunista que amaba Galicia”, XXXVII Congreso Internacional de la Asociación Mundial de Historia de la Veterinaria,  León 2006, pp. 165-167."Acto conmovedor en la prisión de esta villa", La Región, 4 de febreiro de 1937, p. 2; "Notas militares", La Región, 22 de maio de 1937, p. 3.

‌