RECANTO DE REFLEXIÓNS

21 junio 2012

MILAGROS COUREL FERNÁNDEZ

Naceu en Viana do Bolo o 18 de abril de 1889 no seo dunha familia solvente pois era filla de Miguel Courel Armesto, médico e Deputado Provincial por Barco-Viana, e a súa nai chamábase María Benita Fernández.

Aos vintecinco anos ingresa no Instituto Provincial de Ourense despois de realizar o exame de ingreso o 21 de setembro de 1914. Estivo matriculada por oficial ata 1920 e realizou os seis cursos de bacharelato e no seu expediente figura que obtivo dezaoito sobresalientes e dez matrículas de honra.

Pero ese mesmo ano no que acabou o bacharelato Milagros comezou a ter serios problemas de saúde falecendo en xuño de 1920. A prensa do momento destacou a figura de Milagros como unha muller preocupada polo saber e o estudo. Está enterrada en Viana do Bolo.

As súas irmás, Dolores e Trinidad tamén estudarán no Instituto Provincial. Dolores ingresa con 13 anos en 1914 e Trinidad en 1922 con doce anos pero esta só realiza un curso.

(Fonte: La Región, 22 de xuño de 1920, p. 2)


(Fonte: La Región, 22 de xuño de 1920, p. 3)

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Publicada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, versión electrónica.
Fotografía: Aparece coa súa irmá María, Vida Gallega, nº 77, 1916.