RECANTO DE REFLEXIÓNS

14 abril 2011

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

Antonia Ferrín Moreiras naceu ás sete e trinta minutos  do 13 de maio de 1914 na rúa Hernán Cortés da cidade de Ourense número vinteoito. Foi unha ilustre profesora de matemáticas e a primeira astrónoma galega.

A súa nai era Pastora Moreiras Carballo que era natural de Canedo e o seu pai, Antonio Ferrín Moreiras, natural do pobo de Pinto (Esgos), era profesor de Matemáticas, que se trasladou a Santiago para ofrecerlles as súas catro fillas un mellor futuro e a oportunidade de estudar unha carreira universitaria. O pai era irmá de Ángel Ferrín e ambos os dous rexentaban a academia La Moderna en Ourense. Logo Antonio, instalado en Santiago tamén fundará unha Academia na rúa Villar para preparar para o bacharelato e o maxisterio. Polo tanto estamos ante un home avanzado na súa época xa que nestes anos non se vía oportuno que as mulleres accedesen aos estudos superiores para desempeñar unha profesión.


(Fonte: El Compostelano, 6 de xuño de 1922, p. 2)

Antonia tiña seis anos cando chegou a Compostela e comeza os seus estudos de primaria e bacharelato. Comezou a asistir á escola con 7 anos, pero aos 9 estaba preparada para facer o ingreso no instituto. Os estudos de Bacharelato de Ciencias cursounos no que era Instituto Xeral e Técnico e logo cursa o bacharelato universitario no Instituto Nacional de Segunda ensinanza.
En 1930, cando tiña dezaseis anos, matricúlase por oficial na Facultade de Ciencias rematando os estudos en 1935 cunhas notables cualificacións. No ano 1935 e 1936 vai impartir clases no Instituto de Santiago e na Universidade. En 1939 comeza os estudos de Farmacia e licénciase en 1941[1]. Pero Antonia continúa ampliando o seu currículo e acada o título de Mestra Nacional e despois, na Universidade Central de Madrid, acabaría os estudos de Ciencias Exactas, a súa grande paixón e vocación.
 
Era Antonia unha muller comprometida co seu tempo xa que rompía os esquemas do estereotipo de muller que prevalecía nestes anos. Antonia quería ensinar, quería investigar, quería estudar, quería pensar por si mesma. Un compromiso adquirido polos seus principios de muller avanzada. Pero en 1937, en plena Guerra Civil e por unha denuncia anónima vai ser sancionada pola súa ideoloxía política e abríronlle un expediente de depuración. Tivo que afastarse da docencia na universidade xunto con corenta e cinco profesores máis e tamén de dar clase no instituto máis permitíronlle seguir dando clases no colexio de orfas a Nosa Señora dos Remedios de Santiago.

Afortunadamente, en 1940 puido regresar ás aulas xa que arquivaron a súa causa. Continuará exercendo a docencia pero ao mesmo tempo non para de investigar sobre a matemática e a astronomía. Nesa época entra en contacto co Padre Aller, catedrático de astronomía, quen en 1943 fundara o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela. Antonia sempre tivo unha curiosidade e un interese moi grande pola astronomía e comeza a colaborar con Ramón Aller, primeiro como becaria e despois pois como profesora axudante no observatorio e na Facultade de Ciencias. Achegou traballos moi interesantes sobre medidas de estrelas dobres e astrométricas, sobre ocultacións estelares pola lúa e determinación de pasos por dúas verticais.
 
(Fonte: La Noche, 26 de marzo de  1959. Galiciana)

A disciplina de Antonia, a súa rigurosidade e a súa dedicación ao estudo fixeron que se convertese na discípula predilecta de Ramón María Aller Ulloa. Rapidamente comprendeu e aprendeu o manexo dos instrumentos complexos de astronomía como o telescopio refractor de doce centímetros ou o anteollo de pasos. Con eles coñecía o ceo, ese ceo que para ela era un libro de coñecemento.
Antonia sabía do importante que era a creación da Facultade de Matemáticas en Santiago de Compostela pois estes estudos había que realizalos en Madrid. Por iso non dubida en apoiar ao profesor Vidal Abascal para que se implantara esta carreira en Santiago, lográndoo en 1957 e, como dixo José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, “fue una de las pioneras que lucharon por crear una facultad de matemáticas en Santiago”[2]. Ao pouco Antonia obtivo unha praza de catedrática de matemáticas na Escola de Maxisterio de Santander. Logo regresou a Santiago para impartir clases na Escola Normal Feminina. E posteriormente pasou a ser a primeira profesora da Facultade de Ciencias na Universidade de Santiago ao crearse a sección de matemática da facultade de Ciencias na Universidade de Santiago. Antonia non só impartía clases na facultade pois tamén participaba de xeito moi activo nestes primeiros anos de andaina da facultade.
Resultado de toda esta investigación será a súa tese de doutoramento “Observacións de pasos por dúas verticais” dirixida por Ramón María Aller que lerá en 1963, sendo a primeira muller española que defendeu unha tese sobre astronomía e tamén a primeira que se defendeu na recentemente creada Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela. Ese mesmo ano foi nomeada catedrática numeraria de Matemáticas na Escola de Maxisterio “Santa María” de Madrid que compaxinou coa docencia na Universidade Complutense como profesora adxunta numeraria de Astronomía e Mecánica Celeste[3]

Despois destes cincuenta anos de vida intensa dedicada á investigación e á docencia, Antonia decide xubilarse en 1984 aínda que non se desvinculou da ciencia. Sempre estivo presente no ámbito científico como exemplo a seguir e, como non podía ser doutro xeito, nomeárona madriña da Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela, pois: “Fue pionera en diferentes frentes en la facultad de Matemáticas: la primera mujer en formar parte de su cuadro de profesores, en realizar trabajos de investigación en astronomía y en defender una tesis doctoral”[4].
A nosa insigne investigadora deixounos o 6 de agosto de 2009 cando tiña 95 anos. Pero non está no esquecemento, a súa impronta quedou nas estrelas do ceo. Lembrémola observando polo telescopio nas noites de frío o ceo de Campus Stellae de Santiago.
 
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
 
Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1930)”, Revista Minius, 11 (2003): 139-156.
Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)” Revista Minius, 12 (2004): 73-104.
Ling, Josefina F., “Antonia Ferrín Moreiras. La primera astrónoma gallega”, Revista IAA, CSIC. Versión dixital http://www-revista.iaa.es/41/antonia-ferr%C3%ADn-moreiras.
Mancho Stadler, Marta, Centenario del nacimiento de Antonia Ferrín Moreiras, ZTFNews, 2014. Versión dixital https://mujeresconciencia.com/2014/05/13/antonia-ferrin-moreiras-primera-astronoma-gallega/


[1] Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1930)”, Revista Minius, 11; 2003, pp. 139-156; “ As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)” Revista Minius, 12, 2004, pp. 73-104.
[2]Héctor Juanatey, “Fallece Antonia Ferrín Moreiras, pionera en las matemáticas y la astronomía gallega”, La Voz de Galicia, 11 de agosto, 2009 (versión dixital).
[3]Matilde Ríos Fachal, “Antonia Ferrín Moreiras: A contadora de estrelas”, http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=220 (consultado o 3 de marzo de 2020)¸José Ángel Docobo, “Obituario. Antonia Ferrín Moreiras”, El Correo Gallego, 9 de agosto de 2008; Benjamín Montesinos, “Fallece Antonia Ferrín Moreiras, primera astrónoma gallega”, El País, 10 de agosto de 2009.
[4] Josefina F.Ling, Antonia Ferrín Moreiras. La primera astrónoma gallega, IAA. CSIC.