RECANTO DE REFLEXIÓNS

26 abril 2010

BEGOÑA MUÑOZ

Begoña Muñoz Saa naceu en Barakaldo en 1961. Licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago; profesora no Instituto Otero Pedrayo e muller especialmente relevante no teatro galego.
Se falamos de Begoña Muñoz falamos de teatro, dramaturxia, arte, poesía e docencia. Mais, sen dúbida, quedarán moitas máis facetas que destacar desta muller forte e sensible.
Naceu en Barakaldo en 1961 pero na adolescencia veu a Ourense e estudou o bacharelato no Instituto Otero Pedrayo. O centro que tanto quería Begoña e ao que volvería como docente. Ao rematar o bacharelato marchou para Santiago a estudar a carreira de Filoloxía Hispánica, unha titulación perfecta para unha muller que amaba o mundo das letras, a literatura, os libros, as historias e o teatro.
Rematou a carreira en 1985 e comezou a súa andaina como docente primeiro no Colexio Cardenal Cisneros e logo xa no IES Otero Pedrayo. A docencia sería unha das facetas onde destacou enormemente pola súa enorme vocación pois como ela dicía: “A min encántame dar clases, gústame mogollón porque me parece un privilexio. Non noto que pasa a idade por min, porque vós tedes 16 anos sempre, e aínda que se vai distanciando a idade do alumnado e a miña eu non o noto, a min dáme a sensación de que estou na plena xuventude sempre”[1]. Isto foi o que dixo nunha entrevista que lle fixo o alumnado do IES Lagoa de Antela de Xinzo cando a invitaron a dar unha charla sobre “O feito teatral”. Así pois, Begoña viviu a súa vida con plena pedagoxía tanto no instituto como no teatro. A fortaleza de Begoña era ensinar, pero ensinar con conciencia e con paixón e con compromiso.
No instituto impartía clases de Lingua Galega e Literatura e sempre procurou inculcar ao seu alumnado a igualdade entre homes e mulleres e que as súas alumnas se sentisen orgullosas de seren mulleres. Para iso organizaba e propiciaba actividades para as datas significativas das reivindicacións femininas como eran o Día da Muller Traballadora e o Día contra a violencia de xénero[2].
A súa capacidade para transmitir e tamén a experiencia docente fixeron que fose chamada para impartir cursos aos docentes nos Centros de Formación do Profesorado e publicase cos seus compañeiros María Xesús Sarmiento e Serafín Alonso interesantes libros baseados nos seus métodos docentes como o titulado Claro e seguido. Un enfoque comunicativo na didáctica da lingua, formado por catro volumes nos que se desenvolven técnicas de comprensión e expresión oral e escrita. Un libro que propiciaba a aprendizaxe práctica e significativa.
Era unha muller en continua formación. A súa inquedanza por perfeccionarse facía que participase en numerosos encontros e xornadas para docentes onde podía compartir as súas experiencias e aprender dos demais. Asistía a cursos relacionados coa lingua e literatura e tamén sobre temas de xénero e sobre a muller xa que Begoña estaba moi sensibilizada coa problemática das mulleres.
Pero Begoña, a máis de todo, era unha devota do teatro. Comezou traballando o teatro dentro das propias aulas emprengánoo nas súas clases para desenvolver algún tema. De aí, dá outro paso máis, propoñer ao Instituto Otero Pedrayo que se crease a materia de iniciación ao Teatro. Entón é cando Begoña comezou a adaptar textos complexos e clásicos para seren representados no ámbito escolar. Ela aproveitaba o teatro para abordar temas transversais sobre a problemática das mulleres, sobre as drogas, sobre os recluídos nos cárceres, etc. Títulos como “Sidamanía”; “Casa con ruídos” “Xuventude, divino tesouro” foron algúns dos textos redactados. Tiña un bo método de traballo e a materia comezou a ter un gran número de matrículas pois traballaban a expresión corporal, a vocalización e facían montaxes teatrais para as conmemoracións que facía o Centro, tamén facían performances e outras actividades ligadas á interpretación como contacontos, recitativos, etc. Dicía ela: “Os tres primeiros meses, ata decembro, facemos traballo de cohesión de grupo, poñemos un pouco a ton a voz, a expresión corporal, traballamos movemento en escena, sentimentos, etc; logo participamos en todas as conmemoracións do centro, por exemplo, o Día da Muller Traballadora, o Día da Paz, e aproveitamos o grupo de teatro para facer performances, ou para desenvolver accións ou para animar un pouco o centro, e logo despois, se nos dá tempo, facemos algo: contacontos, recitado de poesía, pequenas escenas de teatro...”[3]
A súa colaboración co Grupo Sarabela foi moi estreita. Entra en contacto coa agrupación por Fernando Dacosta, alumno do centro e integrante do grupo Sarabela e tamén cando unha das representantes do grupo foi dar un cursiño de teatro para o profesorado[4]. Moitas foron as obras que adaptou para a sobranceira compañía e ademais traducidas ao galego pois como ela dicía: “Penso que é algo necesario, porque un dos síntomas de normalización dunha lingua é poder ler no teu idioma obras escritas noutros”[5]. Obras de vangarda e transgresoras e de textos complexos na que os intérpretes demostraban as súas grandes facetas intepretativas: “Madame de Sade” de Mishima; “As sillas” de Eugêne Ionesco, unha obra que para ela era especial pois trata da incomunicación e ademais quixo darlle aos personaxes un carácter galego. Dita adaptación mereceu o premio Compostela. Outras obras adaptadas como “Tâlem” de Belbel; “Romance de Micomicón e Adhelala” de Blanco Amor...foron adaptadas por Begoña para seren interpretadas e resultaron ser un grande éxito. O feito de querer facer chegar ao público obras de autores galegos de inconmesurable relevancia fixo que Begoña tamén versionara para seren representadas por Sarabela, “A Esmorga” de Blanco Amor e ”O lapis do carpinteiro” de Manuel Rivas. A máis disto, tamén escribiu con Anxeles Cuña, a directora de Sarabela, Xose Carlos Couceiro e Fernando Dacosta as obras Afeccion, Tics e Os sonos de Cain. Para Begoña as adaptación debían pasar “desapercibidas”, é dicir, debían respectar moito ao seu autor e que semelle ter sido escrito en galego.
O bo facer de Begoña fixo que compaxinara a vida familiar, con tres fillos, co labor docente máis a súa dedicación ao teatro. Ser unha muller inquedda, rigorosa no profesional e con tal afán de traballo fixo que se fose gañando recoñecemento da xente e a reclamasen para diferentes eventos e actividades relacionadas coa cultura. Por exemplo, colaborou co Concello de Trives para quen levou a cabo o proxecto da calzada romana para o turismo da zona; tamén colaborou con Marcos Valcárcel quen lle encargou o estudo do volume de teatro de Xabier Prado Lameiro do que destacou Begoña a agudeza e o humor galego do autor; e tamén colaborou co Centro Dramático Galego para quen adaptou Leoncio e Helena de Büchner.
É unha evidencia que Begoña Muñoz tiña unha condición especial para desenvolver múltiples tarefas e facetas. Contribuiu notablemente á cultura ourensá e foi, tamén, unha ávida investigadora do teatro publicando interesantes libros nos que se afonda nas tramas dramáticas. Destamos os títulos “A modo de fado”; “Farsa para títeres “e os dedicados ao mito de Medea.
Outra inquedanza de Begoña foi a defensa da muller e, neste senso, revisaba en clave feminina textos teatrais convertindo aos protagonistas masculinos en protagonistas femininas, tal así que o personaxe de Segismundo da obra de La Vida es sueño de Calderón de la Barca que foi transformado en Segismunda unha muller que será o eixe temático da obra adaptada por Begoña e que evolucionará, tal como Segismundo, desde a vinganza, pasando pola crueldade ata aparecer resgos de humanidade e lograr vencer ao seu destino. Pero ademais organizaou recitais de poesía con importantes poetisas como Chus Pato, Yolanda Castaño, Maria Lado, entre outras nos que se facía unha contundente denuncia á violencia contra as mulleres; performances, lecturas públicas como o Monólogo dunha muller maltratada de grande éxito cando se leu na Alameda, relatorios...etc nos que a temática era o alegato feminino, o alegato das mulleres[6].
Todo este legado que nos deixou Begoña foi recoñecido de xeito unánime por toda a sociedade. Tivo numerosos premios: O Compostela de Teatro en 1990 pola adaptación de Madame de Sade e en 1992 pola adaptación de As Sillas. Premio polo mellor texto por Tics no Festival Internacional de Teatro para la infancia y la juventud de Xixón. E algo inédito, tres Premios María Casares por O lapis do Carpinteiro; A Esmorga e Sexismunda. No ámbito escolar tivo o Premio á mellor dirección na Mostra de Teatro Escolar de Centros de Secundaria.
Begoña Muñoz Saa foise demasiado pronto un 17 de abril de 2010 con 48 anos; e, seguro, que quedaron proxectos por facer pois o seu talento era un sin parar. Deixou unha importante pegada no seu alumnado que aprenderían a lección de traballar polo teatro e pola muller.


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICA

Dossier Begoña Muñoz Saa, Xunta de Galicia, Centros-edu.xunta.es


[1] O IES Lagoa de Antela invitou a Begoña Muñoz a dar unha charla sobre o teatro e o alumnado de 4º ESO aproveitou para facerlle unha entrevista moi interesante da que extraeremos algúns fragmentos pois deixa entrever con claridade a paixón de Begoña pola docencia e o teatro. http://www.edu.xunta.gal/centros/ieslagoaantela/node/200 consultado o 27 de marzo de 2020.
[2] “En conmemoración de la mujer”, La Voz de Galicia, 8 de marzo de 1997; La Región, 26 de novembro de 2005.
[3] Extraído da entrevista anteriormente citada.
[4] “Hai que saber pasar desapercibida”, La Región, 24 de decembro de 1995.
[5] idem
[6] “Mujeres contra el alfabeto de la sumisión”, La Región, 26 de novembro de 2007.