RECANTO DE REFLEXIÓNS

28 septiembre 2024

PAZ SUEIRO MARTÍNEZ (PACITA)

(Reposición e actualización da entrada de Paz Sueiro Martínez, publicada no blog en marzo de 2010.)
É moi alentador e tamén motivo de grande ledicia que as familias das nosas mulleres ourensás se poñan en contacto comigo e me faciliten máis datos para que a información sexa veraz e o máis completa posible. Non hai mellor homenaxe para elas que contar a veracidade dos seus logros. Neste caso, agradezo encarecidamente a Gonzalo Iglesias Sueiro que me ilustrara máis sobre a súa nai, seu avó e sobre a súa familia, unha grande mostra de xenerosidade pola súa parte que non esquecerei.

Paz Sueiro, coñecida popularmente como Pacita,  naceu en Ourense e era filla de Manuel Sueiro Iglesias e de Carmen Martínez Padrón. Os seus irmáns eran Gerardo (médico), Francisco e José (mestre).

Foi a directora do Colexio Sueiro. Exerceu como docente dende os dezaseis anos continuando co labor do seu pai, Manuel Sueiro, fundador do Colexio Sueiro de Ourense. 

Casou o 7 de febreiro de 1945 con Antonio Iglesias Vázquez e tiveron catro fillos, Manolo, Gonzalo, Carmen e Julia. Tanto Gonzalo como Carmen estarían moi vinculados co Socialismo e ocuparon cargos políticos, seguindo a senda do seu avó, Manuel Sueiro. Antonio Iglesias, un home de grande afabilidade, faleceu en 12 de novembro de 1968.

(Fonte: El Pueblo Gallego, 12 de novembro de 1968, p. 10).
Manuel Sueiro, o pai de Pacita, foi un home feito a si mesmo. Un home que vivíu para o maxisterio e unha persoa moi comprometida. Formou parte das Xuventudes Socialistas ocupando en 1914 o cargo de secretario cando Manuel Suárez Castro era o Presidente de dita agrupación. Foi o director do Colexio Sueiro que estaba situado na Rúa Liberdade, número 28. Impartíase ensinanza graduada e secundaria e resultou ser un centro de referencia na capital. Un centro que para os tempos era innovador pois inspirábase nos principios da Institución Libre de Ensinanza. 
 (Fonte: La Región, 17 de agosto de 1922, p. 1)


(Fonte: Academia Sueiro. Fotografía particular da autora do blog).
Manuel foi Asesor Consejero da ATEO polo que sería depurado en tempos da ditadura pois o franquismo foi implacable cos membros desta Asociación de Traballadores do Ensino que querían procurar un cambio na ensinanza e a rexeneración e culturización da sociedade. Manuel foi inhabilitado e quitáronlle o Colexio e foi nese momento cando súa filla, Pacita, se fixo cargo del. Manuel faleceu o 31 de xaneiro de 1962. A cidade de Ourense ten unha praza para lembrar a este grande pedagogo. Praza que se sitúa onde a Rúa Liberdade por onde estaba o colexio.

(Fonte: Praza de Manuel Sueiro. Google Maps)
Pacita como directora do centro vai continuar a liña e o espírito de ensinanza que marcara seu pai . O centro trasladouse da Rúa da Liberdade a rúa Parada Justel, números 6 e 8, unha rúa de nova creación e bastante céntrica xa que estaba ao carón da Alameda.
(Fonte: Anuncio (1966, 18 setembro). La Región, p. 3)

Pacita era unha muller de carácter, de ideas avanzadas que xestionou o centro con plena dedicación, ofrecendo unha ensinanza mixta, moderna e avanzada. O centro baseaba a súa filosofía nunha ensinanza activa na que o alumnado convertíase no eixe principal da pedagoxía e didáctica. Era un centro dinámico pois adoitaba a participar nos diferentes eventos culturais que había na cidade (festivais, exposicións, conmemoracións...) así como a concursos escolares nos que o centro sempre acadaba varios premios. Así mesmo desde o centro organizábanse veladas artístico-musicais que se anunciaban na prensa para o disfrute de alumnos e alumnas e proxenitores. Non cabe dúbida que se converteu nun centro de referencia para a cidade e o seu alumnado adoitaba a ir moi ben preparado para o ingreso no Instituto Provincial pois o nivel de esixencia era moi alto e cóntame Gonzalo que xa introducían a regra de tres aos nenos e nenas de oito anos.

Tamén o colexio dáballe moita importancia a aprendizaxe dos idiomas, emporiso ofrecía cursos especiais de francés seguindo a metodoloxía da Alianza Francesa de París para acadar un elevado grao de dominio.
(Fonte: Anuncio (1968, 25 de agosto). La Región, p. 3.)

(Fonte: De exámenes. (1952, 26 xuño). La Región, p.2.)

Paz, Pacita, faleceu o 31 de marzo de 1998 e atópase enterrada no cemiterio de San Francisco. Ourense quixo renderlle tamén un tributo nomeando unha rúa preto do Campus de Ourense: "Rúa da Mestra Paz Sueiro", bonito recoñecemento o de poñerlle "Mestra" pois así foi, mestra vocacional, esixente e entregada e debe permanecer na nosa memoria.

(Inauguración da Rúa da Mestra Paz Sueiro en febreiro de 2014)
O meu sinceiro agradecemento a Gonzalo Iglesias e por extensión a toda a súa familia por facilitarme información e as fotografías de Pacita Sueiro. 

Vid: Interesante a referencia a Manuel Sueiro Iglesias de: Gonzalo Iglesias Sueiro "Papeles del abuelo visionario", La Región.; Hace 50 años. (1970, 7 de febreiro). La Región, p. 6; Anuncio (1968, 25 de agosto). La Región, p. 3.