RECANTO DE REFLEXIÓNS

26 marzo 2026

MARISOL NÓVOA RODRÍGUEZ

Coñecín a Marisol hai anos, cando me convidaron á CEO para falar sobre o talento das mulleres ourensás e render homenaxe ás nosas emprendedoras. Desde o primeiro instante, o seu recibimento non foi o dunha presidenta protocolaria, senón o dunha muller entrañable e chea de agarimo. Ela era a anfitriona perfecta dunha institución que, ata a súa chegada, nunca vira a unha muller no máis alto. Marisol rompeu ese teito de cristal con naturalidade, sendo a primeira en ostentar ese cargo.

Ao rematar aquel acto, propúxenlle que formara parte desta bitácora. Convideina a compartir a súa historia, pero sempre que llo lembraba, poñía o tempo como escusa. No fondo, sei que era a súa modestia a que falaba: Marisol era dunha humildade profunda, unha persoa próxima e sinxela que fuxía de distincións e focos.

Desde logo deixounos un legado de diálogo e compromiso. Desempeñou o cargo con orgullo sereno e unha responsabilidade exemplar. Soubo navegar en momentos complexos e ser sempre esa man tendida necesaria para chega a acordos. Nun mundo empresarial onde aínda predominan os homes, ela gañou o respecto de todos coa mellor das ferramentas, seu sorriso.

A súa perda deixoume unha fonda tristura, pero o seu legado permanece vivo. Avogada de profesión e carballiñesa de berce, Marisol tiña unha visión privilexiada do mundo empresarial. Amaba Ourense, pero seu corazón e os seus esforzos tamén os dirixía ao noso rural, convencida de que o campo e o empresariado agrario necesitaban todo o apoio posible. E, por suposto, as mulleres, para ela, eramos o motor imprescindible e imparable de calquera nova empresa.

Diplomática, correcta e sempre no seu sitio, Marisol será recordada como a muller de diálogo. O premio Clara Campoamor que recibiu a título póstumo o 25 de marzo de 2026 é só o reflexo de que a súa pegada é indelebre.

Vaia este prequeno espazo por ela, pola nosa estimable Marisol, a muller que soubo liderar sen perder núa a súa esencia. Unha muller inesquecible.

(Foto: La Región)