RECANTO DE REFLEXIÓNS

16 febrero 2025

MATILDE CAMACHO JÁUDENES

(Entrada suxeita a publicación en libro). Naceu en Jerez de la Frontera o 21 de outubro de 1908 pero foi unha destas mulleres que viñeron á Ourense a exercer a súa profesión deixando a súa impronta. 

Era filla de de León Camacho Ceprián, capital de cabaleiría, e natural de Visos del Marqués, Cidade Real, e súa nai era Matilde Jáudenes y Nestares nacida en Pamplona. Realizou estudos de maxisterio na Escola Normal de Mestras de Segovia, alí fixo o exame de ingreso o 2 de xuño de 1923 e estivo matriculada ata 1927, realizando os catro cursos nos que sacou unhas notables cualificacións e destacando nas materias de Aritmética e Xeometría; Música; Gramática Castelá; Álxebra; Historia Natural; Literatura Española; Ampliación de Xeografía de España e Historia da Idade Contemporánea[1].

Aprobou as oposicións de maxisterio en Madrid no ano 1929. Era mestra en Cidade Real, na auxiliaría de Malagón. Ao aprobar as oposicións á Inspección en 1934 veu destinada á provincia de Ourense onde tomou posesión o 1 de xaneiro de 1935 e adxudicándolle a zona nove que era a do partido de Trives. Era moi ben recibida nas visitas que facía ás escolas como así o manifestaron os veciños de Castro Caldelas da que dicían que era distinguida e compracente inspectora. As súa visitas considerábanse un acto social e incluso festivo pois era recibida con todas as honras, recolléndose o evento na prensa con palabras sempre eloxiosas:

El día 20 del actual y en el auto de línea, llegó a esta villa, al objeto de girar visita a las escuelas de su zona, la inspectora de Primera enseñanza con destino en esta provincia la Señorita Matilde Camacho Jaures.

Procede la joven y agraciada inspectora, de las últimas oposiciones a inspectores, y une a sus muchos encantos femeniles una conversación amena y atrayente a su elegante distinción, una gran amabilidad a su sólida cultura literaria y pedagógica una natural sencillez; en fin, resulta una persona hecha a propósito para el cargo.

Según nos han manifestado varios de los maestros, cuyas escuelas han visitado, conoce a perfección la escuela primaria y tiene un tanto esmerado para la dificilísima misión que se le ha confiado.

Muy de veras felicitamos a la señorita Camacho y le deseamos muchos éxitos en su nueva labor docente en pro del niño de la Escuela y del maestro, éxitos que son de esperar dada sus excelentes cualidades[2].

Promoveu na zona a creación do Centro de Colaboración de Castro Caldelas que animaba a participación do profesorado da zona xunto coas autoridades para un bo funcionamento das escolas. Permaneceu ata 1937 pois ese ano regresou a Cidade Real e, en 1946 foi trasladada a Murcia, onde constaba que seguía traballando en 1961.

[1] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32-09603-00071-010; [2] Visita de Inspección, La Región, 27 de febreiro de 1935.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. El Magisterio español, número 8362, 27 de xullo de 1929, p. 10; El Noticiero gallego, nº. 1952, 4 de marzo de 1934, p.4; El magisterio español, nº 9383, 18 de decembro de 1934; El Pueblo gallego, nº 3363, 17 de xaneiro de 1935, p.13; El Pueblo gallego, Número 3609, 31 de outubro de 1935, p. 4; “Nombramiento en virtud de traslado de Inspectores de Primera Enseñanza”, La Noche, 23 de abril de 1946, p. 1.