RECANTO DE REFLEXIÓNS

08 septiembre 2024

MARÍA PÉREZ LÓPEZ

María naceu o 12 de decembro de 1917 en Dadín, O Irixo, e era irmá de Vicenta Pérez López que tamén figura neste blog.

Eran fillas de Hermenesindo Pérez García que era médico e de Elvira López.  Realizou o exame de ingreso en 1939 na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago. Tras realizar todos os cursos licenciouse en 1942. Nese ano foi nomeada Rexedora da Sección Feminina  do Distrito Universitario de Santiago.

Foi militante de F.E.T. e de las J.O.N.S. e incorporouse a filas o 1 de agosto de 1936 e prestou servizo en Hospitais de sangue. Obtivo a Medalla de Sanidade Militar de constancia con tres pasadores de primeira liña. Medalla da Medhauria e a Medalla da Vella Garda. Interveu nas operacións da Fronte de Madrid, Griñón, Alto dos Leóns Toledo, Guadalaxara e outros (1). 

Estivo traballando no Instituto Laboral de Ribadavia como profesora de Xeografía e Historia. Foi unha persoa recoñecida na localidade e era habitual en diversos actos culturais como charlas e conferencias que adoitaban a ser presentadas por ela. Fomentaba a cultura da comarca de Ribadavia e foi a fundadora e directora da Revista Avia, unha revista trimestral do Centro de Ensinanza Media na que o alumnado presentaba traballos sobre a contorna.

Nos anos setenta atopábase dando clases no Centro 12 de Octubre no que impartía Lengua, Literatura e Xeografía. Nunha ocasión levou aos alumnos de 3º curso de Oficilía, curso superior do Centro Sindical de Formación Profesional 12 de Outubro a visitar as instalacións de La Región. 

(Fonte: Foto Reza. "Los alumnos de la 12 de Octubre visitan nuestros talleres", La Región, 3 de decembro de 1970, p. 15.)

(1)ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE. Expediente Personal. Servicio Nacional de Ex-Combatientes. C.5468/88.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento.El Correo gallego, 12 de setembro de 1942, p. 2; El pueblo gallego, 10 de febreiro de 1954, 2; El pueblo gallego, 30 de decembro de 1955, p. 11; La Región, 30 de decembro de 1955, p. 5; La Región, 14 de febreiro de 1960, p. 21; Foto Reza. "Los alumnos de la 12 de Octubre visitan nuestros talleres", La Región, 3 de decembro de 1970, p. 15.)