RECANTO DE REFLEXIÓNS

30 mayo 2024

AS MULLERES TRABALLADORAS OURENSÁS NO DEBER DA TOMA DE CONCIENCIA.

Que a muller ourensá sempre participou dos traballos e foi unha traballadora empedernida non hai dúbida. Outra cousa é que comezando a ter un traballo remunerado e extradoméstico se organizase en aras de solicitar dereitos e liberdades.

Teño escrito no blog varias entradas que falan de movementos levados a cabo por mulleres ourensás de certos sectores laborais cuns afáns reivindicativos, como as leiteiras, as nodrizas, as agrarias...Tamén é coñecida a súa participación en mobilizacións, inauguracións da Casa do Pobo, celebracións do primeiro de maio, manifestacións cidadás...De todo isto dou conta na entrada que fala das Mulleres afíns ao socialismo.

Nin que dicir ten que desde a igrexa houbo un interese especial en crear un sindicato católico ligado á muller e no cal se levaban a cabo actividades encamiñadas á súa formación así como ás súas propias problemáticas laborales pero que agochaban o interese proselitista e unha intencionalidade de frear e impedir que a muller se escapase do seu control xa que sempre supuxo un aval social para asentar o seus axiomas.

No franquismo foi a Sección Feminina a que se encargou de prodigar entre as mulleres os valores patrios e as condutas femininas requiridas. No tocante ao traballo, ben é sabido que o réxime franquista impedía que a muller traballase pois o seu cometido era outro, non obstante, a situación das mulleres comezou a cambiar na década dos 50 e sobre todo nos anos sesenta como consecuencia das transformacións económicas e sociais que supuxeron «un progresivo incremento do traballo asalariado legal das mulleres, así como un maior acceso aos niveis medios e altos da educación. E todo iso comportou cambios nas propias estruturas familiares, o incremento da presenza das mulleres nas esferas públicas e unha maior difusión de novos modelos e valores propiciados polo discurso oficial franquista».

En 1961 aprobouse a Lei sobre Dereitos Políticos, Profesionais e Laborais da Muller, que acababa coa discriminación salarial e de acceso ao traballo, aínda que continuaba en vigor a necesidade da autorización do marido. Esta obriga mantívose ata 1976, cando entrou en vigor a Lei de Relacións Laborais.

As mulleres estaban a converterse no mundo nunha man de obra precisa, fundamentalmente para certo tipo de ocupacións. A Axencia EFE emitiu en maio de 1964 unha noticia desde Xenebra na que se indicaba que segundo datos da OIT as mulleres supuñan unha terceira parte da man de obra mundial, isto é vintesete mulleres de cada cen facían un traballo remunerado fóra do seu fogar(1). España estaba por detrás do resto dos países. No 1965 e segundo datos do Instituto Social da Muller a índice laboral da muller en Francia, Italia e Alemaña e EE.UU. achegábase ao 30%; en Rusia era dun 45% e Xapón un 40% e España era dun 15,8% da súa poboación activa. (2)

Lonxe quedaba España das ansias reivindicativas que as mulleres traballadoras do resto de Europa estaban solicitando pois a igrexa e o réxime tiñan ben entrenzado o seu labor para traer da man á muller traballadora para que esta non se desviase das lindes establecidas. 

En xaneiro de 1960 Ourense recibe a visita do Consiliario Nacional de Xuventude Obreira Católica Feminina que viña coa aspiración de elevar a moral das mulleres traballadoras (3).

A Sección Feminina vai ser a que dirixa a súa mirada ás mulleres ourensás e organizou cursiños destinados ás mulleres traballadoras, oficinistas, empregadas, comerciantes...pero sempre sazonados cunha  liturxia conservadora e doméstica. En 1970 creouse en Ourense a Residencia-Escola para as mulleres traballadoras de Ourense rexentada pola Sección Feminina. Estaba situada en Mariñamansa  e estaba destinada ás ourensás que procedían da provincia e viñan traballar á capital e tiñan que parar en pensións ou habitacións realquiladas moitas das veces en situación de incomodidade. Había que pagar 2000 pesetas como pensión completa e ademais recibían cursos e formación profesional tanto para as pensionistas como para as externas. 


(Fonte: Foto Reza. La Región. 25 de novembro de 1970, p. 13.)

A Sección Feminina tamén colaboraba coa Escola Sindical impartindo cursos destinados ás mulleres traballadoras. Nesta escola sindical na que colaboraban tamén avogados ofrecíanse charlas sobre os dereitos laborais da muller, a seguridade social, regulamentación do traballo. (4)

Por outra banda estaba a HOALF cuxa presidenta era Carmen Nogueiro. Dita agrupación supuña o apostolado adulto feminino de Acción católica obreira e que desde 1967 tiña xa varias militantes en Ourense. A pretensión era evanxelizar ás mulleres traballadoras e crear mulleres capacitadas e responsables e nas súas reunións trataban sobre os problemas laborais. Todo conduce a pensar que desde o mundo eclesiástico e da Sección Feminina pretendíase evitar que a muller que xa estaba incorporándose ao mundo laboral se contaxiase de ideas que as alonxasen do camiño que sempre se trazou para a muller. (5).

Ben é certo que estas iniciativas podían conducir a unha maior implicación das mulleres nas reivindicacións tanto laborais como sociais. De feito, nun artigo que se publicou na prensa asinado por Isabel A. Lorenzo falaba de oportunidade que se lle ofrecía á muller por medio dos cursos da Delegación Provincial de Sindicatos  hora de encarar a súa vida laboral e concienciarse socialmente e dicía textualmente:

La Secretaría del Departamento Provincial "Trabajo de la mujer" de la delegación provincial de Sindicatos ha convocado hace unos días mediante carta circular, una asamblea de mujeres trabajadoras con el objeto de establecer con ellas un contacto previo a las próximas elecciones sindicales. Era la primera vez que en nuestra ciudad se proyectaba una reunión a este nivel...la asistencia de aproximadamente trescientas mujeres trabajadoras, desde limpiadoras a licenciadas, puso de relieve que la convocatoria había suscitado el suficiente interés. Y el que haya sucedido así es un síntoma notable, si se tiene en cuenta que la incorporación de la mujer al trabajo fuera del hogar es una realidad, si bien parcial, reciente y que, como consecuencia, la mujer no ha entrado aún de lleno en la comprensión y el dominio de su propia problemática sociolaboral y de la problemática laboral en general. El hecho, no obstante, de que un grupo tan numeroso de mujeres haya acudido a la mencionada asamblea indica, evidentemente, que existe una inquietud...en torno a unos intereses también comunes. Hay que esperar que esa toma de conciencia se generalice, para que la incoporación de la mujer a la población activa....se realice con todas y hasta las últimas consecuencias.,,,(6)

En efecto, nestas palabras deféndese que a muller ten que tomar conciencia dos seus dereitos e que ten que ser ela a que a que sinta a necesidade de esixilos e pedir as oportunidades para as que debe estar perfectamente preparada.

Son retos que aínda, a día de hoxe, deben perseguirse.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
(1) "Mujeres y trabajo", La Región, 23 de maio de 1964, p. 10.
(2) "Las barreras de la mujer española", La Región, 1 de outubro de 1965, p. 16.
(3) La Región, 9 de xaneiro de 1960, p. 3.
(4) "Cursillo para mujeres trabajadoras·, La Región, 2 de marzo de 1971, p. 9.
(5) José Carlos, " La HOALF pretende crear una sociedad nueva con mujeres capacitadas y responsables", La Región, 16 de febreiro de 1969, p. 20.
(6) Isabel A. Lorenzo. "La mujer hacia su integración social y laboral·, La Región, 14 de maio de 1971.