RECANTO DE REFLEXIÓNS

11 abril 2024

MANUELA SÁNCHEZ GARCÍA

O 23 de xuño de 1939 recibiuse na Coruña o expediente da Comisión Liquidadora de Responsabilides Políticas contra Manuela Sánchez que foi remitido pola Comisión Provincial de Incautación de bens de Ourense. A partir de entón, o Sr. Martínez Nieto, presidente da Providencia, procedeu á instrución segundo o artigo 55 da lei. A presidencia, de conformidade co informado, indicou que se informase á encausada, Manuela, para que no prazo de tres días  puidera formular o seu escrito de defensa nun prazo de corenta e oito horas. Tamén indicou que se lle notificase que, con arranxo ao disposto no artigo 82 da Lei, podía comparecer en persoa ou por medio de mandatario e valerse ou non de avogado para a súa defensa, pero que os honorarios que esta devengue serán sempre da súa conta. 

Así se procedeu. Pero...Quen era Manuela Sánchez e de que a acusaban? Por que lle abriron unha causa? O xuíz instrutor de Viana do Bolo, Bartolomé Mostaza Rodríguez, procedeu a recabar información sobre Manuela para envialo á Coruña formalizando o expediente co número 303 de 1938.

Manuela Sánchez naceu en 1903, era unha moza, solteira, de 26 anos. Dedicábase á costura e era veciña de Viana do Bolo. Traballaba na xastrería que tiña José Manuel Rodríguez Requejo. O motivo de que a imputaran era porque se dicía  que alardeaba de ideas extremistas e "predicaba os seus ideais" e asistía a mitins e reunións nas que profería "vivas". A acusación veu a dicir que Manuela non tiña transcendencia pública pois dicía: "no se significó publicamente por la intensidad de su actuación de los mismos, ni dada su falta de cultura y arraigo pudo hacer propaganda de ellos, ni fomentar con eficacia la situación anárquica que existía en España antes del Glorioso Movimiento Nacional"...Agora ben, a acusación matizaba e incidía que estaba afiliada á Unión Xeral de Traballadores, motivo suficiente para enxuiciala.

Manuela viuse envolta nunha situación moi comprometida. Era muller, era nova, era solteira e acusábana de extremista e afiliada á UXT. Cando lle deron a oportunidade de achegar o prego de descargos ela ofreceu os seguintes argumentos. Manifestou que achega os informes sobre a súa persoa do alcalde e incluso da Falanxe e que "No se me puede considerar cómplice de la anarquía situación creada en España por el Frente Popular".  Esta actitude non resulta estraña pois, para escapar dunha ditadura implacable, moitos acusados, seguindo os consellos dos seus avogados e defensores, acababan negando todas as causas interpostas contra elas e/ou incluso retractándose das mesmas. De feito foi o seu avogado, Aurelio Fernández García, quen redactou o escrito, autorizado por Manuela, para envialo o 10 de agosto de 1939 ao Tribunal de A Coruña 

Manuela non eludíu a súa  afiliación á UXT polo que foi valente e dixo: "Pero he de aclarar unos extremos que hay en el expediente. Se indica ligeramente que fuí simpatizante del partido Socialista, y confesé que pertenecía a la extinguida Unión General de Trabajadores".

Vai xustificar a súa afiliación dicindo que nos tempos da República non se podía traballar en España se non se pertencía a unha organización de tipo marxista e que se non se tiña filiación co sindicato podía ser obxecto de atropelos, agresións, vexacións...Así dixo: "Si yo fuí afiliada a la Unión general de Trabajadoes", fue por necesidad. Soy huérfana desde hace muchos años, no tengo hermanos, vivo sola y careciendo de bienes de fortuna vivo humildemente cubriendo mis necesidades perentorias con mi humilde profesión...Si me falta el trabajo caigo en la mas espantosa miseria."

Manuela pretendía saír da situación na que se atopaba polo que argumentou que a súa vinculación co sindicato era exclusivamente interesada e por conveniencia para poder traballar. Por iso vai suplicar ao Tribunal que a absolvesen.

Os procedementos abertos supuñan un verdadeiro problema e trauma para as persoas acusadas pois a incerteza sobrevoaba sobre elas. Eran procesos que duraban algúns anos e  o medo á ruína e ao que puidese acontecer supuñan unha lousa, supuñan vivir, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro, "unha longa noite de pedra". 

Pois ben, o Xuíz instrutor da Comisión Provincial de Ourense, escoitou o descargo feito polo avogado de Manuela.Tamén solicitou informes do Alcalde, do Comandante do Posto da Garda Civil e do Xefe local da Falanxe  así como de veciños do pobo. Ese sumario foi estudado para proceder á sentenza.

Un dos informes foi feito e asinado polo médico forense, Julio Vila Barros, que manifestou nun escrito que Manuela non exercera política algunha e non a supuña cómplice da anárquica situación que motivou o alzamento. 

O rexistrador manifestou que, en efecto, Manuela estaba afiliada á UXT e facía presumimento das súas ideas extremistas e asistía a mitins e manifestacións nas que "destacaba dando vivas ao amor libre". Non obstante, alegou que tiña un prestixio e unha posición social baixos polo que non transcendía a súa propaganda. 

O xefe local manifestou que Manuela non desempeñou ningún cargo político pero que era simpatizante do Partido Socialista. Dixo que non fuxíu á zona inimiga e que tampouco se opuxo coas armas ao exército  nacional polo que non se lle pode considerar cómplice da anarquía nin da Fronte Popular.

O Alcalde dixo que non tivera ningún cargo no servizo da Fronte Popular. Manifestou que fixera algunha propaganda entre os seus veciños pero que era máis unha intención que éxitos xa que "Se trataba de una muchacha sin cultura ni preparación". Argumentou que tampouco era sabido se exerceu algún cargo directivo pero si era público que estaba identificada con Severino Jares Arias, "adalid del ultramarxismo impenitente y uno de los principales responsables de todo cuanto ha dado lugar al Glorioso Alzamiento nacional y que está huído desde este". O Alcalde insistía na incultura de Manuela para considerala líder dalgún movemento e pensaba que actuou así nalgunha ocasión pois dicíase que era noiva de Severino.

O Comandante do posto tamén manifestou que Manuela propagou entre os veciños ideas políticas pero non considerou eficaz a súa propaganda pola "pouca categoría social".

Pero deteñámonos en quen era Severino. En efecto, dise que Manuela tiña unha relación con el e iso xa de por si era un risco pois Severino si estaba moi vinculado coa Fronte Popular. Severino naceu en Viana do Bolo no ano 1896 e era fillo de Severino Jares e Jerónima Arias. Era un líder político e cunha grande relevancia e presenza no pobo. Foi presidente da Casa do Pobo, tamén concellal de Viana e desempeñou durante tres anos o cargo de tenente Alcalde nese Concello. Polas súas ideas socialistas abríuselle, con data do 8 de febreiro de 1938 e número 277, un expediente por diversas causas.

O xuíz Juan Herrera solicitou aos xuíces militares de Ourense os datos necesarios acerca de se había algún procedemento criminal contra Severino. Estes, ao contestar que non tiñan ningún, acordou o xuíz citalo para que en oito días comparecese persoalmente ou por escrito ante o Xulgado situado nos locais da Deputación Provincial e alegase a súa defensa ou o que estimase procedente. De non presentarse, o expediente seguiría o seu curso. 

Por que reclamaban a Severino? O seu activismo  político e a súa traxectoria fora moi notoria e novo réxime non quería que estes líderes quedaran impunes. A base de informes foise completando o seu sumario. Desde a alcaldía de Viana do Bolo enviouse un parte con data de seis de abril de 1938 no que se dicía que o acusado fora presidente da Casa del Pueblo onde destacara pola súa actividade comunista. Tamén indicou que propagara por todos os medios as ideas da Fronte Popular e que se non conseguía os seus propósitos coa persuasión empregaba a coacción e a ameaza. Considerábano responsable do destrozo do local xunto con Manuel del Valle, alcumado Veiro,  que era comunista e que acabara sendo fusilado no Consello de Guerra de Ourense no verán de 1936. E di o escrito: "Puede considerársele cómplice de la anárquica situación creada antes del Glorioso Movimiento Nacional en esta comarca". Pero ninguén sabía onde se atopaba Severino, non estaba localizado, seica fuxira a Portugal. 

(Fonte. Boletín Oficial de la Provincia de Orense. 23 de febreiro de 1938. p. 3)

Outro dos informes foi emitido polo responsable da Falanxe quen indicou que Severino fora o Presidente do Comité Socialista sendo considerado como o verdadeiro Xefe do mesmo. Tamén afirmaba que fuxira ao comezar o Movemento e que se descoñecía onde estaba. O mesmo alegou a Garda Civil pero completou a información dicindo que: "se dice que se encuentra en Francia para oponerse al Glorioso Alzamiento Nacional".

Debido a que non se sabía en que lugar se atopaba Severino o Xuíz indicou nun escrito con data do 19 de novembro de 1938 que había que publicar o edito  no Boletín do Estado para citar ao acusado. Como as autoridades non tiñan ningún coñecemento de onde se atopaba Severino seguiron pedindo máis informes pois xa levaban tres anos coa pesquisa. Consultaron ao párroco de Viana do Bolo para ver se podían obter máis probas e saber máis da vida familiar sobre el. O sacerdote, ademais de repetir o que xa se indicara noutros informes, manifestou que Severino estaba solteiro, que non tiña fillos e que vivía coa súa nai e irmáns. O xuíz volvía insistir na necesidade de coñecer todas as actuacións de Severino. É de supoñer que a presión sobre súa familia sería moi intensa e constante ata que nun último informe se indicou que: "Severino Jares Arias, se halla en Caracas de Bolivia, según certificación expedida por el Cónsul de aquel país, que obra en poder de sus familares recientemente recibida". Aínda así, en outubro de 1941 mandouse publicar no Boletín da Provincia e do Estado a citación para a súa comparecencia. Así que, Severino, atopábase en Sudamérica. Como moitos conseguiron escapar da persecución co sacrificio de deixar atrás a familia e a súa terra. Pero as autoridades non deixarían de presionalo e o expediente seguía aberto ata que en febreiro de 1954 decretouse a supresión do mesmo así como o seu peche pois Severino fixera efectiva a sanción económica imposta por responsabilidade política. 

Volvendo ao caso de Manuela hai que dicir que a sentenza, tras as alegacións feitas polo seu avogado, era esperada con ansiedade. Pois ben,  o dezaseis de agosto de 1939, ao fin, deron o fallo de absolver a Manuela Sánchez por non considerala incursa en responsabilidades políticas. Consideraron que os feitos probados non daban lugar a declarala en responsabilidade política. 

O fallo foi enviado ao xuíz de Viana do Bolo, Sr. Mostaza Rodríguez, por se consideraba conveniente, que no prazo de cinco días establecese recurso de alzada.

Finalmente no Boletín Oficial de la Provincia  de Orense do 9 de outubro de 1939 faise pública a sentencia co visto bo do presidente Eduardo Martínez Nieto da Coruña na que se di que Manuela Sánchez García recobra a libre disposición dos seus bens. En A Coruña a 10 de xuño de 1940 remataba todo o proceso iniciado en febreiro de 1938. Foron anos nos que Manuela estaría vendo perigar o se futuro. Probablemente sufriría o rexeitamento dalgúns veciños por medo a verse na mesma situación. Vivir estes tempos nun mundo rural e pequeno supuña vivir nun estado de grande desconfianza.

(Fonte: Boletín Oficial da Provincia de Ourense. 24 de febreiro de 1938. p. 1)

Así pois, Manuela saíu sobreseída da causa aínda que, con toda probabilidade, seguía considerándose sospeitosa e, de seguro, manteríana vixiada constantemente. Unha lousa da que non se libraría xamais. Severino residía en Sudamérica e alí formaría unha familiacasou e un dos fillos chamábase Alfredo e unha das netas vive no Brasil.

(Elaboración propia a partir do Expediente AHPOu, Caixa. 7189/17. AHPOu, Caixa 7188/03)