RECANTO DE REFLEXIÓNS

30 abril 2024

JOSEFA FERNÁNDEZ ÁLVAREZ

Josefa foi suspendida de emprego e soldo por un período de tres meses. Formaba parte da ATEO e, como todos os seus compañeiros e compañeiras, recibiu a sanción que impuxo a comisión de depuración do maxisterio.

Tras rematar os estudos solicitou cubrir interinidades e en 1930 foi destinada á escola de Castromarigo en A Veiga. Por ese tempo entraría a formar parte da Asociación de Traballadores do Ensino pois compartiría a súa filosofía e principios de que a través da escola podería cambiarse a sociedade. Avogaría por unha ensinanza comprometida e didáctica conforme ás novas teorías pedagóxicas de Decroly e Dewey. Tres anos máis tarde anotouse como aspirante nos cursiños de selección profesional e ese mesmo curso estivo de interina na escola de Castro, en Parada do Sil. De aí pasou en 1934 á escola de Calveliño, en Maceda.

Definitivamente, en 1935 concorre aos cursiños especiais de maxisterio. Pero, chegou a desgraza co golpe de Estado e, de inmediato comezou a persecución do maxisterio. En efecto, nada máis comezar a guerra, a comezos do mes de agosto de 1936, Josefa foi suspendida de emprego e soldo temporalmente por un período de tres meses. E é que Josefa figuraba no libro de rexistros  da A.T.E.O. que a Comandancia Militar de Ourense requisou, xunto con 83 tarxetas, na Casa do Pobo. Como é sabido, dita Asociación era considerada pola Comandancia un ñiño de socialistas e comunistas que ensinaban aos nenos e nenas das súas escolas a cantar a internacional e a saudar co puño en alto.

Dentro do que cabe, foi unha sanción relativamentemente levadeira pois durou tres meses, aínda así, pode pensarse que a situación vivida pola mestra sería de certo temor e incertidume ao serlle retidos os haberes polos “habilitados correspondentes”. Continuou na escola de Calveliño pero en 1943 solicitou, por concurso de traslado, a escola de Placín. Alí estaría varios anos exercendo o labor do maxisterio con dedicación pero tamén coa discreción obrigada de vivir nunha ditadura.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: La Región, 24 de abril de 1930, p. 8; La Zarpa , 25 abril 1930, p. 6; Galicia, 3 de novembro de 1931, p. 3; Galicia, 8 de agosto de 1933, p. 4; El pueblo gallego, 21 de febreiro de 1933, p. 14; La Región, 6 de decembro de 1934,p. 3; La Región, 5 de agosto de 1936, p. 4; “Los maestros extremistas” El Pueblo Gallego, 4 de agosto de 1936, p. 7; La Región , 4 de setembro de 1943, p. 3.)