RECANTO DE REFLEXIÓNS

24 marzo 2024

ADELAIDA ARIAS FERNÁNDEZ


Non deixa de sorprendernos atopar mulleres que desde a discreción do seu silencio foron desempeñando traballos, tarefas e funcións que non se consideraban propios para as mulleres. Agora, pouco a pouco, están saído á luz, á visibilidade, e dannos unha lección de valentía e atrevemento.

Neste caso falar de Adelaida Arias é falar dunha muller, nacida no pobo de Petín no ano 1935. Estudou maxisterio  e en 1961 comezou a dar clases no Liceo Francés de Vigo. Coñeceu ao seu home e casaron. O matrimonio decidiu volver a Ourense e instaláronse en Trives. Adelaida comezou a dar clases ás nenas da vila para preparalas para o Bacharelato e o seu home montou unha Xestoría e unha Autoescola.

Anos máis tarde foron vivir ao Barco de Valdeorras e volveron abrir alí unha Xestoría e unha Autoescola. Adelaida comezou a preparar ao alumnado para o exame teórico de tráfico pero non tiña a categoría de monitora ata que se convocou o primeiro exame oficial para monitores de Autoescola  ao que se presentou Adelaida. Primeiro tivo que ir a León e pasou o exame que era de cultura xeral. Logo veu a Ourense a facer o práctico e, finalmente, tivo que ir a Madrid para defender un tema. Era a única muller que se presentaba e o resto dos candidatos, en certa medida, dubidaban da capacidade de Adelaida. Pero a capacidade desta muller quedou demostrada. Presentáronse ao exame 5000 persoas e aprobaron 250 e unha das aprobadas foi Adelaida, polo que se converteu en 1971 na primeira muller de España en aprobar o exame para monitores de autoescolas.

A partir de entón traballou na Autoescola na que estivo corenta anos ata que se xubilou con 75 anos.

Unha proeza que demostra o tesón das mulleres.

La Voz de Galicia