RECANTO DE REFLEXIÓNS

23 noviembre 2023

FLORA IGLESIAS PADRÓN


A relegación das mulleres é un fenómeno que vén dado desde os inicios da humanidade, sobre todo desde que os grupos sociais foron conformándose en base a unha organización máis xerarquizada sobrevida pola división do traballo e por unha estrutura de poder segundo a lei do máis forte. Un contexto no que as mulleres eran apartadas dos ámbitos de poder e de decisión, quedando sumidas a un papel totalmente marxinal, se ben é certo, agora están saíndo estudos que nos indican que durante a prehistoria a opresión e dominación sobre as mulleres non foi tal pois o grupo viña contribuíndo por igual na supervivencia e noutras etapas históricas (revoltas liberais, revolta industriasl incluso nos procesos bélicos mundiais...) a presenza das mulleres foi máis notable do que os historiadores tradicionalistas viñan dicindo.

O dominio do home sobre a muller persitiu desde sempre, algo que, a día de hoxe,  aínda está sendo difícil de erradicar. 

Coñecemos en Ourense o caso de Pobre Asunción, unha muller que foi asasinada na Praza Maior en 1891. Pero en anos sucesivos houbo tamén outros casos sanguentos como o que se relata a continuación.

(Fonte: La Zarpa, 24 de abril de 1926, p. 6. Galiciana)

Flora naceu en 1903 e era natural de Parada de Piñor e foi alí onde sucedeu este feito lutuoso no 23 de abril 1926. Vivía cos seus pais, Emilio e Julia, e dicíase dela que tiña un carácter bondadoso, afable, emanaba simpatía...calidades que facían que tivese moitos pretendentes pero non tiñan nada que facer xa que Flora estaba moi protexida polos seus pais.

Pero regresara de América Martín Cid que emigrara de neno a América onde traballou durante vinte anos acadando unha grande fortuna. Martín vivía coa súa nai e casou con Flora e tiveron un fillo. Pero a felicidade non durou pois Martín trataba a Flora bastante mal e exercía sobre ela un maltrato psicolóxico. Dise que, a pesar desta situación, Flora non chegou a queixarse do seu home que en máis dunha ocasión chegou a discutirlle a compra dunha libra de pan sen o seu consentimento. Martín padecía a lepra e Flora xa non quixo convivir con el por temor ao contaxio. Por esa causa, o home estaba sumido nunha grande desesperación.

Un día Martín saíu ao encontro de Flora nun camiño solitario. Ela ía cunha cesta de hortalizas para vender no rianxo en Ourense. El parouna e díxolle que lle trouxera tabaco e comezaron a discutir entregándolle ela o diñeiro que acababa de darlle Martín para o tabaco. Cando Flora continuou a marcha, Martín, sen máis, sacou unha pistola e disparou varios tiros. Flora caeu despois de dar varios pasos. O seu home seguiu disparando e despois deuse á fuga.

Flora foi auxiliada por varios veciños e estaba perdendo moito sangue. Tiña dúas feridas de bala nas costas e unha na meixela e o seu estado era grave. Foi atendida polos facultativos e, afortunadamente, non faleceu.

Martín acubillouse na casa dun curmán ás aforas de Ourense pero foi detido e ingresou no cárcere.

Na prensa histórica recóllense moitos casos de maltrato de xénero pero tamén hai que dicir que as mulleres atrevéronse a denunciar como fixo Elvira Fernández Jorge de vintecatro anos que  denunciou en maio de 193r ao seu home, Benjamín, de haberlle tirado unha botella a cabeza causándolle feridas importantes. Josefa Cofán, tamén vai denunciar ao seu home en agosto de 1934 por malostratos...e como estes figuran moitos máis.

A ansia de poder e dominio levan a condutas irracionais con consecuencias catastróficas.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: La Zarpa, 24 de abril de 1926, p. 6; "El suceso de ayer", La Región, 24 de abril de 1926, p. 2; "El crimen de un leproso", El Heraldo Gallego, 30 de maio de 1926, p. 6; "Maltratos", Galicia, 23 de maio de 1934, p. 6; "maltratada por su esposo", Galicia, 30 de agosto de 1934, p. 5)