RECANTO DE REFLEXIÓNS

16 abril 2023

DOLORES SUÁREZ BRETAÑA

Xosé Lois Carrión, admirable ourensán, a máis de amosar sempre o seu compromiso social, velou sempre polo recoñecemento da igualdade e a loita das mulleres. É un gran coñecedor da represión franquista  na provincia de Ourense e un férreo defensor da Memoria Histórica pois considera que é preciso dar recoñecemento a todos os que sufriron a opresión da ditadura. Entre esas figuras destaca, sobremaneira, a de Manuel Suárez Castro, alcalde socialista fusilado en Ourense no ano 1937. Por ende, hai uns días rendeulle unha homenaxe a través dun escrito en La Región á filla deste.  Aproveitando a ocasión, Xosé Lois, recomendoume incorporar a este blog a Dolores Suárez Bretaña, algo que fago con sumo interese, agradecendo encarecidamente a suxestión de Xosé Lois. 

Lolita é a filla de Manuel Suárez Castro, alcalde socialista de Ourense  represaliado e fusilado na ditadura, e de Celedonia Bretaña Montes, falecida o 4 de xuño de 1960. 

Manuel casara con anterioridade con Consuelo Destar e xa tiña unha filla chamada Pacita, pero Consuelo faleceu por mor da gripe de 1918. Volveu contraer novas nupcias con Celedonia que tamén procedía doutro matrimonio e tiña unha filla chamada Emilia Núñez Bretaña que faleceu en Guadalaxara en xullo de 1935 despois dunha longa enfermidade. Celedonia nos tempos da República solicitou a demanda de divorcio do seu primeiro home, sendo esta ditada pola Audiencia Provincial o 19 de outubro de 1932  (1). Manuel e Celedonia tiveron tres fillos, Dolores (Lolita), Raúl e Pablo.

(Fonte: La Región, 5 de xuño de 1960, p. 5. Galiciana.)

Lolita, tal como é coñecida de xeito agarimoso, naceu en Ourense o 14 de marzo de 1923, nos incipientes tempos da Ditadura de Primo de Rivera. Máis de moza respirou os aires esperanzadores da Segunda República e ela recoñécese aínda hoxe en día como republicana.

Seu pai, Manuel Suárez, que era aparellador, estaba afiliado á UXT e era militante activo do Partido Socialista. No ano 1933, cando Lolita tiña dez anos, seu pai ocupou o cargo de Tenente Alcade do Concello de Ourense e tamén era Deputado Provincial. En 1936, Manuel ocupou a alcaldía, tiña Lola trece anos e estaba realizando os estudos de maxisterio. Pero, a ditadura foi implacable con  Manuel sendo este fusilado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón. Lolita xa foi consciente da dura e dramática realidade da guerra e da ditadura. 

Os fillos quedaron ao cargo da nai, e foron saíndo todos adiante, non obstante, non se librarían da opresión do réxime ditatorial. Celedonia tivo que alimentar aos seus fillos nos comedores sociais  e, con esforzo, conseguiu que estudaran. Desgraciadamente, sufriu a marxinalidade por parte das xentes e moitos negáronlles a palabra. Pero ela, fiel ao espírito do seu home, líalle aos seus fillos a última carta que este escribiu antes de ser fusilado e que dicía : "Dile a mis hijos que su padre perdió la vida no por ser ladrón ni asesino sino una persona decente, amante de todos sus ciudadanos, sin fijarse nunca en el ideal que tenían ni en su condición social (...)"(2).

Polo tanto, e sen dúbida, a muller e os fillos e fillas de Manuel foron vítimas tamén da represión. De feito, o estado económico no que quedou sumida a familia obrigou a que os irmáns fosen separados para seren coidados por achegados e familiares. Pacita, a filla do primeiro matrimonio de Manuel, foi criada pola familia dun tío materno e Dolores e Pablo quedaron coa nai (3). Pablo, en 1963 chegou a ser escollido concellal polo terzo sindical. Raúl superou en 1969 unhas oposicións a RENFE e foi destinado a Ourense. 

O padecemento da familia, da muller e fillos, foi recollido deste xeito nun artigo da redacción do periódico Nuestra Lucha (4):

(Manuel Cordero: "Manueliño":  Nuestra lucha", Número 26, 20 de outubro de 1937, p. 4).

Lolita exerceu durante un tempo como mestra e estivo destinada en 1950 como interina en diversas escolas como a de Portocamba, Castrelo do Val, en Guntemil, Xinzo. Pero nese mesmo ano entrou a traballar en Mutualidades Laborais. Non obstante, o peso da ditadura seguía castigándoa e cando chegou o momento de poder ascender...dito ascenso foi denegado por ser "filla de rojo".

Pero ela nunca se amilanou e Dolores manifestou sempre que a familia nunca renunciou á súa ideoloxía, malia que moita xente os evitaba. 

(Elaboración propia a partir de diversas fontes). 

(1) Galicia, 19 de outubro de 1932, p. 4 (2)https://auschwitzlacrueldadhumana.blogspot.com/2009/09/; (3)http://galicianosolecer.blogspot.com/2009/04/; (4) Nuestra lucha  portavoz de la Unidad Obrera: Epoca Tercera , 20 de outubro de 1937, p. 4. Ademais, ver: El pueblo gallego, 25 de outubro de 1951; La Región, 11 de abril de 1950; La Región, 9 de maio de 1950; La Región, 27 de agosto de 1969; La Voz de Galicia