O caso que se nos presenta é un exemplo desas mulleres novas, de novas mulleres que non son conformistas e propóñense metas encomiables.
Vanesa Santás Miguel naceu en 1988 en Lausanne (Suíza) pero a familia regresou a Ourense a afincouse en Taboadela. Estudou no IES Universidade Laboral de Ourense onde xa destacaba como estudante polas súas brillantes cualificacións. Tras os estudos de bacharelato matriculouse na Carreira de Bioloxía na Universidade de Santiago onde acadou o título cunhas excelentes notas. Posteriormente realizou os estudos de Doutoramento converténdose en Doutora en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria.Desde nena manifestou un espírito de superación constante compaxinando estudos e deporte. Dedicouse ao atletismo formando parte do Club de Atletismo Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar, preparada polo entregado entrenador Germán González Sánchez, unha persoa moi respectada no mundo do deporte. Así mesmo, Vanesa, tamén formou parte do Club de Atletismo Academia Postal.
Germán di de Vanesa que é "un portento atlético", pois conseguiu numerosos trunfos e récords en pista cuberta. A súa especialidade atlética é Velocidade 400 m.v. As súas mellores marcas obtívoas nos Campionatos de A Coruña, Braga, Ourense, Vigo e Valladolid, nestas últimas dúas provincias foi récord provincial absoluto.
O seu palmarés deportivo está cheo de éxitos que abrangueu desde 2002 ao 2006. Desde moi nena na categoría de infantil competíu en certames de Ourense, Santiago e O Barco; na categoría cadete en A Coruña, Ourense, o Barco e Braga. Na categoría xuvenil xa competiu con éxito en Ourense, A Coruña, Vigo, Braga, San Sebastián, Alicante, San Sebastián de los Reyes, Avilés e Madrid. Na categoría xunior participou con éxito en Zaragoza, A Coruña, Ribeira, Ourense, Vigo e San Sebastián.
A traxectoria deportiva de Vanesa medrou noutras categorías con récords en vallas e absolutos. Foi campiona provincial, autonómica e nacional en diversas modalidades de carreiras en lisos e vallas.
O seu entrenador Germán di dela:
A súa marca de 1,02,72 nos 400 m. vallas, faille dar un salto espectacular na súa traxectoria como velocista. Estivo a tan só 20 centésimas de acceder ó Campionato do mundo xuvenil, colocándoa primeira de España no ranking xuvenil, terceira no xunior e décimoquinta absoluta.
Tendo en conta a súa xuventude estivo presente nas semifinais do Campionato de España Absoluto o que lle auguraba certamente grandes posibilidades de que fora a primeira ourensana que poidera correr os 400 m. vallas en menos de un minuto.
De aquí a Suecia, saltando fronteiras, pois Vanesa segue a perfeccionar os seus coñecementos cal carreira de saltos que non a amilanan. Unha vez finalizada a súa estancia alí, ten pensado voltar a Galicia co desexo de poder traballar na Universidade de Vigo.
Estamos a falar dunha muller que, sen dúbida, deixará a súa impronta na ciencia e na mellora da humanidade.
Como afirmo, unha muller construtiva.
(Elaboración propia grazas á achega de Germán González, preparador físico, adestrador do Club de Atletismo Ben-Cho-Shey de Periro de Aguiar e profesor do IES Universidade Laboral. Germán foi o adestrador de Vanesa durante os anos que esta se dedicou ao atletismo. Conta no seu haber ter preparado a un grande número de atletas de Ourense e grandes promesas do deporte, conseguindo que o atletismo ourensán sexa un referente non só na provincia senón tamén na Comunidade e no resto de Estado.)
Fotografías: cedidas por Vanesa Santás Miguel.