RECANTO DE REFLEXIÓNS

26 febrero 2023

FÁTIMA MALINGRE GRANDE

De todo o mundo é sabido a miña querenza pola Coral de Ruada, un dos patrimonios máis valiosos de Ourense. Tiven a fortuna colaborar con eles nos Premios Prado Lameiro e estar ao carón do noso compañeiro entrañable Adolfo Salgado para presentar ditos eventos durante algúns anos. Como ourensá que son é un orgullo contar coa Coral de Rual, das máis antigas de Galicia e cuxos sons e voces chegaron alén dos mares, tras o Atlántico. 

Pero se hai algo que caracteriza a esta Coral, que nos atinxe como fito histórico, é que foi a primeira en ter voces femininas. Deste feito deu boa conta Emilio Portabales, Vicepresidente da Coral e a persoa que máis investigou sobre a mesma, e actual vogal. Del teño recollido no blog un artigo que publicou na prensa local onde fala, precisamente, de que foi a Coral de Ruada a primeira que deu entrada ás voces de mulleres.

Pois ben, outro paso máis nesa igualdade de voces foi o de nomear á Primeira Presidenta de Coral recaendo tan relevante cargo en Fátima Malingre. Fátima leva sendo compoñente da Coral desde anos. É unha distinción que merece pois desde o seu porte e elegancia representa a pureza da esencia da Coral. 

Fátima naceu en Ourense en 1970 e polo seu apelido deseguida nos decatamos que estamos ante unha descendente máis da familia dos Malingre, familia que tanto contribuíu en Ourense traendo modernidade e innovacións.

Ela é xerente de seguros e traballa na empresa familiar. Ocupou durante uns anos a presidencia da Asocación de veciños a Follateira e foi aí onde comezou a súa afición a cantar en coro. Posteriormente fixo a proba de entrada na Coral de Ruada e desde entón non falla á cita da súa Coral.  Non en balde obstenta a Medalla  Marcial del Adalid pola súa constancia musical. Agora desde o seu novo cargo xa ten en mente ampliar a proxección da Coral, que sa non é pouca. Un dos seus obxectivos é volver traspasar os océanos e poder acudiro á Galicia emigrada e poder cantar nos Centros Galegos.

Estamos no momento de felicitar á Coral que con 104 anos de existencia outorga a presidencia a unha muller e, por suposto, hai que felicitar á Fátima Malingre e tamén a María Belén Vázquez que será a Vicepresidenta e Elena González a Secretaria. Así pois, a directiva vai estar encabezada por tres mulleres.

A prensa galega recolleu a noticia pola súa relevancia.