RECANTO DE REFLEXIÓNS

01 julio 2022

JULIA FEIJÓO FERNÁNDEZ

Naceu en Vilamoure o 10 de setembro de 1911. Realizou o exame de ingreso no Instituto Provincial en xuño de 1924 cando tiña trece anos. Cursou ata 1925 e solicitou unha certificación para a Normal de Ourense. Casou con José Benito Pérez Valeiras de profesión labrador e natural de Maside.

Estivo de mestra en diversas escolas e en 1936, estando destinada na escola de Feces de Cima, a comisión depuradora enviou un comunicado ao alcalde de Verín informándoo da destitución da mestra. Pero mentres o Consello Local de Verín non levou a cabo o cese a Julia déronlle provisionalmente a escola de Paioso, Maceda, unha situación que provocou que se reclamase con urxencia dito cese:

(La Región, 6 de outubro de 1938. De Galiciana)

Hai que dicir que os Consellos Locais eran promovidos polo Gobernador Civil e estaban formados polo Alcalde, que sería o presidente do Consello local, o párroco da capitalidade do municipio, un médico municipal designado polo alcalde, un pai e unha nai que tiveran fillos na escola designados tamén polo alcade e unha mestra ou mestre nacional escollidos entre eles.

E en efecto, en maio de 1940 confirmouse a destitución e separación definitiva do servizo e baixa no escalafón.

A José Benito, o seu home, segundo figura no BOE do 6 de agosto de 1941,  tamén se lle incoou un expediente de responsabilidades políticas conforme aos artigos 45 e 46 da lei de 9 de febreiro de 1939 polo que tivo que prestar declaración ante o xuíz. E en efecto, declarou ante don Federico Acosta y Noriega, Tenente Auxiliar Provisional do Estado Maior, Avogado e Xuíz Instrutor Provincial de Responsabilidades Políticas de Orense e este confirmou a incoación do expediente pola conduta política e social antes e despois do Movemento Nacional. Parece ser que estaba afiliado ao Partido Republicano Radical.

É moi probable que a apertura de expediente a José Benito conducise a que a nosa mestra fose sancionada e destituída. 

Pasados uns anos puido reincorporarse ao maxisterio tras presentar avais de boa conduta e estivo na escola de Puga no concello de Toén.

Julia faleceu no Grove o 4 de outubro de 2010 cando tiña 99 anos e alí se atopa enterrada. O día do seu falecemento tamén houbo misa na igrexa de Santa Eufemia da cidade de Ourense.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes.):

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita; Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachilleratouna fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitariaISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; La Región, 26 de agosto de 1938; 6 de outubro de 1938; 8 de maio de 1940; Boletín Oficial do Estado, 6 de agosto de 1941.