Angeles chegou a Lomear no ano 1945 e non quero imaxinar a impresión que lle causaría a esta mestra ir a un pobo metido entre montañas. Se hoxe este lugar nos parece lonxano, nos anos nos que foi destinada Angeles Bobillo máis afastado parecería. Un pobo de invernos moi fríos e chuviosos e veráns frescos, pero dunha grande beleza natural. Daquela habitado por moita xente e con dúas cantinas pero hoxe tan só quedan unhas poucas familias tanto no barrio de arriba como no de abaixo.
Angeles arribou en Lomear procedente doutras escolas pois xa levaba varios anos dando clases e instalouse nun dos pisos da casa dos Rocha, a mellor casa do pobo. Para estar acompañada todo o día díxolle á miña avoa Pura se deixaba ir á miña nai, Rosiña, con ela. E así foi como a miña nai con seis anos durmía na habitación pegada á da mestra e ían á escola xuntas. A vinculación foi tanta que Ángeles levou en varias ocasións á miña nai a pasar os veráns a Jujá. Deste xeito, chegou a coñecer a toda a familia da que garda tan bos recordos, sobre todo de Adela, a nai de Ángeles.
A xente do lugar de seguida lle colleu cariño e cosíanlle calcetíns de lá que a mestra puña coas chancas, dábanlle produtos da horta e, por suposto, cando casou ofrecéronlle moitos agasallos.
A escoliña estaba situada na entrada do pobo e tiña varias ventás, polo que era luminosa. Pertencía á familia dos Rocha, segundo me contou miña nai. Asistían á escola máis de corenta nenos e nenas que eran de Lomear, Padroso e Feás. O local era bastante grande e os nenos e nenas sentábanse nos bancos corridos, dun lado os nenos e do outro as nenas. Nas paredes había mapas de España, o crucifixo e o retrato de Franco.
Os sábados as nenas acudían á escola para coser coa mestra. Alí bordou miña nai unhas sabas e fundas de coxíns que aínda conserva. Os domingos a mestra ía á misa e levaba con ela aos nenos do pobo. Había que dar exemplo e ser modelo de virtude. Tamén os levaba á confesión para logo comulgar e como botaban toda a mañá pois eran moitos e ían sen almorzar, a mestra leváballes galletas a todos.
Na escola aprendían a escribir, a ler, a contar, as nocións básicas de historia, de xeografía, de historia sagrada..e empregaban o pizarrín e tiñan libros como o Catón. Para estudar os mapas saían por quendas un por un a sinalar os montes e ríos.
Para as festas do pobo Ánxeles preparaba aos nenos para que memorizaran uns poemas. Un ano vestíu á miña nai de galeguiña e púxolle unha cestiña na man e un pano na cabeza e recitou en galego subida a unha pedra ante todo o pobo os seguintes versos:
Miña nai, miña naiciña
como miña nai ningunha
que me quentaba a cariña
co calorciño da súa.
Dicían os nenos e nenas da escola que miña nai era a máis lista pero di ela que non era así pois todos e todas o eran, pero é que ela non faltaba nunca ás clases mentres que os outros nenos ausentábanse en determinadas tempadas por ter que axudar na casa e nas faenas do campo.
Miña nai, ao rematar a primaria, seguiu estudando e Angeles preparouna para o exame de ingreso ao Instituto de Ourense. Unha vez que aprobou veuse para Ourense e pensionouse nunha casa no Polvorín xunto a un matrimonio. Díxome que na casa había sete mozas máis que tamén estudaban no instituto, entre elas as dúas fillas do Rocha que tamén eran de Lomear.
Angeles exerceu en Lomear varios anos e nese tempo casou co mestre dun pobo próximo e tiveron tres fillos. Despois, polo 1957, déronlle a escola en propiedade en Ningueiroá, Rairiz de Veiga. Uns anos despois de marchar Ángeles pechou a escola de Lomear e os nenos do pobo tiveron que desprazarse á escola de Padroso.
Cóntanme os fillos que tanto a súa nai como o seu pai compartían o amor pola cultura pois ambos os dous eran ávidos lectores dos nosos ilustres escritores galegos chegando a relacionarse con algúns deles. De feito Adela, a nai de Ángeles, foi durante moitos anos a coidadora da nai de Otero Pedrayo. Así mesmo, ambos os dous tiñan como principio a docencia ben entendida en base a unha pedagoxía motivadora para o alumnado. Tiveron sempre a preocupación de que os nenos e nenas das súas escolas continuasen estudando e por iso investían tempo e esforzos para preparalos para os estudos de bacharelato.
Miña nai recordou sempre á mestra, tíñalle un grande cariño, dicía dela que era alta e guapa e, como era noviña, moitas veces viña á casa da miña avoa a pedir consello sobre algún asunto.
Supoño que moitas mestras de Ourense exerceron unha grande influencia nas nenas dos pobos afastados. Elas aparecían nos pobos sendo descoñecidas e acababan formando parte da comunidade e participando das súas celebracións. Eran mestras sacrificadas e desempeñaban con abnegación o seu maxisterio levando a cultura aos pobos remotos e case incomunicados.
Ángeles Bobillo faleceu en Caldas de Reis. Miña nai sempre quixo ir visitala pero non deu tempo. Aínda hoxe chora por ela e a súa lembranza lévaa á súa infancia.