RECANTO DE REFLEXIÓNS

15 mayo 2022

IMELDA VALDIVIESO REBOLLEDO

(Fonte: Foto cedida por Fernando Valcárcel do Arquivo Municipal do Concello e recollida na publicación, Rosa María Cid Galante, A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970), A súa orixe e os seus emprazamentos. Vigo, Universidade de Vigo, 2013)

Imelda Valdivieso, nacida en 1890, foi mestra e  directora da Graduada de prácticas da Normal de Ourense. Estudou a carreira de maxisterio desde 1918 ata 1921 na que obtivo en todas as materias sobresaliente e no derradeiro curso, matrícula de honra. Aprobou as oposicións de maxisterio en 1924 e foi destinada ao pobo de Outeiro no Incio, Lugo. En 1925 veu destinada a Ourense para cubrir a praza na escola de Muíños e, en 1931, rexía a escola de Reboredo, Monforte, onde realizou diversas exposicións públicas de traballos realizados polas alumnas. No ano 1934 pediu destino no concurso oposición para a dirección de escolas graduadas de seis ou máis graos e de xeito provisional déronlle Villafranca del Panadés en Barcelona pero, finalmente, outorgáronlle a Dirección da Graduada Anexa á Escola Normal do Maxisterio de Ourense situada na rúa do Progreso, número 11. A escola tiña tres seccións de nenas desde a idade dos seis aos catorce anos.

En abril de 1935 estaba xestándose a idea da creación da Casa do Mestre e moitos mestres e mestras adheríronse á idea de fundar esta institución, entre elas Imelda, de feito, as reunións previas para a súa constitución celebrábanse na Anexa graduada. 

Por eses anos contraería matrimonio co tamén profesor do Colexio Rivera, Franciso Rodríguez e, en 1937 tiveron unha filla que chamaron Concepción pero faleceu aos dous meses de nacer. En 1938 naceu a súa segunda filla chamada María Lourdes.

O 30 de agosto de 1936, domingo, houbo unha grande manifestación en Ourense na que se celebrou a restitución do crucifixo na Normal e na Graduada. Dita protesta cívica e pacífica foi encabezada polas autoridades políticas e eclesiásticas da cidade e nela Imelda pronunciou unhas palabras aludindo a que non só había que restituír os crucifixos nas aulas da Normal e das graduadas, senón tamén os libros cristiáns.

(Fonte: El Pueblo Gallego, 1 de setembro de 1936, p. 12)

Recollamos como foi o acto:

Pocas palabras para resumir el acto del domingo en nuestra ciudad que ha sido a todas luces grandioso e impresionante. Jamás se ha reunido tanta gente. Jamás con idéntico fervor mostró la ciudad sus sentimientos católicos y cristianos. En la catedral, por las calles, en los balcones con la bandera bicolor, luego en la procesión cívica hasta la Normal y Graduada, el pueblo de Orense ha puesto de relieve una vez su manera de sentir...
Mucho antes de la hora anunciada, seis y media de la tarde, comenzaron a llegar a nuestra primera basílica, numerosísimas personas para asistir a los actos que allí iban a celebrarse....Las naves de la catedral resultaban insuficientes para contener al numeroso público que allí se había congregado.
Tuvo lugar despues la bendición de un hermoso Crucifijo destinado a ser reentronizado en la Normal y Escuela Aneja. Ofició el señor obispo de la Diócesis, Doctor Cerviño, quien seguidamente pronunció una sentida plática...Vamos a levantar de nuevo en nuestra escuela la imagen Divina....

Seguidamente, desde o púlpito o señor Montesinos deu lectura a unha oración pedindo perdón polo acto de desagravio cometido contra o "Señor", dixo: "el desprecio con que fuisteis depuesto oficialmente en nuestras escuelas...Perdón Señor, perdón. Por la afrenta con que entre nosotros hubo quien os echó a puntapiés delante de nuestros niños...Por las inmundas blasfemias que habéis oído de labios de nuestros pequeñuelos...

Finalizads a celebración na catedral, as autoridades saíron da basílica pola porta norte e organizouse unha procesión cívica que percorreu as rúas de Juan de Austria, Praza do Recreo, Lamas Carvajal, Avenida de Pontevedra e Progreso deténdose na Escola Normal. Ao chegar, as autoridades entraron nunha aula e o director da Normal, Vicente Risco, bicou o anel do bispo e recibiu de man do tenente coronel da Garda Civil o crucifixo que fora bendicido. Logo de colocalo baixo o dosel preparado pronunciou unhas palabras:

Excelentísimos señores, señoras e señores: Con el más íntimo, con el más profundo contento de mi espíritu, recibo de manos del excelentísimo señor Comandante militar de la plaza en funciones, esta sagrada imagen de Jesús Crucificado, que desde ahora, en la nueva era que se abre para nuestra Patria, va a presidir nuestros trabajos en esta Escuela Normal...

As autoridades continuaron ata a Escola Graduada anexa á Normal e a directora, Imelda Valdivieso, recibiu a imaxe colocándoa nun lugar preferente e pronunciou unhas palabras nas que exaltou a importancia de repoñer o Crucifixo como signo e dixo tamén que debían repoñerse os libros por estar inspirados en preceptos cristiáns e colaborar na obra de España. Afirmou que deben ser os mestres, os libros, os nenos, o programa, os horarios fieis conservadores da cultura cristiá. Manifestou que desde ese momento "volvía" a figura do "Divino Redentor". Tamén se dirixiu ás nais para que enviasen aos fillos á escola xa que "ahora está orientada por derroteros que corresponden a los preceptos cristianos..."

Foi un acto moi celebrado no que, segundo a prensa, acudiron máis de dez mil persoas, entidades, agrupacións políticas e culturais e cun carácter solemne pero tamén festivo no que soou a banda municipal. 

Imelda era, pois, unha muller de claras convicións conservadoras, de feito formou parte das Mulleres al servicio de España.

En 1940 a Comisión Superior ditaminadora de Expedientes de Depuración confirmouna na súa praza, proba de que non había nada de que acusala, de feito a traxectoria de Imelda estaba en coherencia co novo réxime. Inmelda ocupou o cargo de Directora da Graduada ata a súa xubilación.

Faleceu en febreiro de 1977 e foi enterrada en O Carballiño.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

Vi: Rosa María Cid Galante, A Escola Normal de Mestras de Ourense. As Orixes e os seus emprazamentos (1877-1970), Universidade de Vigo, 2013;  El magisterio español, 13 de febreiro de 1924, p. 5; La provincia, 27 de febreiro de 1924, p. 3; El magisterio español, 28 de xaneiro de 1925, p. 7; El magisterio español, 11 de xaneiro de 1934, p. 22; El magisterio español, 17 de maio de 1934, pp. 22; "Orense consagró una vez más su acendrado catolicismo", El Pueblo Gallego, 1 de setembro de 1936, p. 12; La REgión, 11 de abril de 1935, p. 3.