Se hai algo emocionante no traballo de investigación, sobre todo cando o traballo se fai dun xeito totalmente altruísta coa finalidade de recoñecer o patrimonio cultural e humano do noso Ourense, é ter verdadeiros amigos cos que compartir información. É o caso que hoxe nos ocupa pois a fotografía que amoso neste blog é mérito do meu estimado amigo Rafael Salgado que me ten facilitado e regalado imaxes preciosas e entrañables como esta, unha preciosa estampa de alumnas do Instituto ourensán nos anos trinta. Así que, Rafa, desde aquí, infinitas grazas por este agasallo e tamén polo teu blog que nos fai querer cada vez máis ao noso Ourense tan rico de cultura.
A fortuna desta fotografía está en que por detrás dela figuran os nomes das retratadas o que me permitiu pescudar sobre cada unha delas descubrindo os seus méritos. Segundo a información podemos afirmar que esta fotografía foi realizada en 1933 cando todas elas finalizaron os estudos de bacharelato e titularon.
Vexamos quen eran estas pioneiras que, sobrepasando os convencionalismos sociais, titularon en estudos superiores e cumpriron as súas espectativas profesionais. Non me canso de dicir que todas as mulleres que recolle este blog están polo seu recoñecido esforzo por demostrar que a muller acadou uns logros a pesares dos impedimentos e freos que se lles puñan e que non eran poucos, polo tanto o seu mérito multiplícase pois, de primeiras, tiveron que dar o paso e tomar a decisión de querer estudar e querer exercer unha profesión e, segundo, tiveron que lidar coas trabas e limitacións administrativas e sociais.
Celia Rodicio Casar
Estamos, de novo, ante unha muller ourensá que realizou estudos superiores nunha época na que as perspectivas para as mulleres era a vida doméstica. O feito animarse a continuar formándose implicaba unhas aspiracións a traballar e ser independente.
Delia naceu en Ourense o 6 de novembro de 1915. Era filla de Celia Casar Olavarrieta procedente dunha familia de militares e de Avelino Rodicio, industrial en Ourense e tamén Tenente Alcalde ata 1928.
A familia compúñana, ademais dos pais, oito fillos que se chamaban, Esperanza (Sor Esperanza) da Congregación de Irmás da Caridade, Celia, Lourdes, María Teresa, Carmen, María Dolores, José Luís e Antonio que era alférez de infantería da División Azul. Todas as irmás eran estudiadas e desempeñaron diversos cargos na administración e algunha era mestra.
Aos 11 anos, o 18 de xuño de 1926, realizou o exame de ingreso no Instituto Nacional de Segunda Ensinanza. Posteriormente matriculouse no Bacharelato elemental, ata 1930, acadando seis sobresalientes con premio nas materias de Elementos de Aritmética, Terminoloxía cienfífica, Francés, Elementos de Xeometría e Deberes Cívicos e éticos do Dereito. O 30 de marzo expediu o título de Bachiller elemental. Pero Celia continuou estudando o Bacharelato Universitario, que constaba de dous anos, polo que estivo inscrita ata 1933. Aquí o expediente é de sobresaliente en todas as materias con Premio na de Xeografía política e económica; Historia da Civilización española; Historia da Literatura, Ética e Rudimentos do Dereito e Historia Natural. Rematados estes estudos fixo o depósito de Título en agosto de 1933.
En febreiro de 1935 trasladouse a Girona para ocupar o cargo de Auxiliar de Facenda pero a finais de ano voltou á Ourense para ocupar unha plaza na Delegación desta cidade. En 1941 foi ascendida no seu posto profesional e nese mesmo ano, en outubro, casou co capitán de infantería José María Aldamiz Echevarría.
No ano 64 consta que estaba traballando en Pontevedra.
Beatriz e Dora González Rodríguez
Beatriz e Dora eran irmás e naceron en Río de Xaneiro pois eran fillas da emigración. Voltou a familia a Ourense e afincouse en Tosende.
Beatriz naceu en Río de Xaneiro o 13 de abril de 1914 e era filla de José González e Avelina Rodríguez. O matrimonio tivo seis fillos que eran Beatriz, Esther, Nelson, Pura, Dora e Victoria. Matriculouse no Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense tras ter feito o exame de ingreso o 23 de xuño de 1927. Realizou os cursos de Bacharelato Elemental ata o ano 1930 e o 17 de abril de 1931 solicitou o título elemental. Continou cos estudos e realizou o univesitario rematando estes estudos en 1933 e expedindo o título de bacharelato en abril dese ano.
Convalidou os estudos para a Normal e fíxose mestra e estivo dando clases en diversos pobos da provincia, en Bande e Xinzo.
A súa irmá Dora tamén realizou o bacharelato. Naceu o 11 de decembro de 1915 e fixo o exame de ingreso o 23 de xuño de 1927 cando tiña 12 anos. Estivo matriculada ata o curso 1932-1933 pois cursou o bacharelato elemental e o universitario. Acadou moi boas notas con nove sobresalientes. Logo expediu os respectivos títulos e fíxose mestra. Exerceu como mestra en Baltar pero faleceu en agosto de 1941 aos 25 anos no Hospital de Conxo.
Catalina Álvarez González
Naceu en Manzanillo, Cuba, o 8 de novembro de 1915. O seu pai era un comerciante que asentou o seu negocio na cidade ourensá.
Fixo o exame de ingreso para o Instituto de Segunda Ensinanza o 5 de xuño de 1928 e estivo matriculada no centro ata o curso 1932-33, estudando o bacharelato elemental por libre e o universitario por oficial. Obtivo varios notables e sobresalientes nas diversas materias.
En 1933 expide o Título de Bacharelato e en 1934 superou as oposicións ao Grao Profesional de Maxisterio celebrados na Normal de Ourense. Sería destinada á escola de Cascarballo en Montederramo.
Josefina Iglesias Díaz
Naceu en Vilarporquera en León en torno a 1914. Non temos moitos datos desta alumna de bacharelato aínda que sabemos que a súa irmá, Concepción Iglesias, tamén estudou no Instituto ourensán. Pensamos que era filla de Juan Iglesias Bragado, músico pianista e nomeado director da Banda de música de Ourense desde 1923 e tamén profesor. Josefina realizou o bacharelato no Instituto ourensán rematando os estudos en 1933. Casou en novembro de 1940 na igrexa de Santa Eufemia do Norte con Nabor Rivera Armada, mestre de Corbelli en Ourense e logo estivo no pobo de Xunqueira de Ambía do que acabaría sendo alcalde e tamén director da Escola Nacional. Tiveron unha filla chamada Finita Rivera Iglesias que foi bautizada en Xunqueira de Ambía.
Manuela Pérez Conde
Naceu na Coruña o 21 de maio de 1916 no seo dunha familia dedicada á industria. Fixo o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Ourense o 29 de setembro de 1916. Estivo matriculada no centro ata 1933 realizando o bacharelato elemental e universitario pola opción oficial. Expediu o título de Bacharelato e matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras en Santiago en 1934 e acadou o título en 1941. Impartía clases particulares a nenas da cidade para preparalas para os exames de diversas materias.
Pilar Fernández García
Pilar naceu o 27 de xaneiro de 1914 en Ourense e filla de Carmen García Pérez e Emilio Fernández Barja o dono dos Almacéns Santa Eufemia que casaron en 1904 na Igrexa de Santa Eufemia do Centro. O matrimonio tivo seis fillos, cinco nenas e un neno. O pai realizaba periódicos viaxes a Barcelona para comprar xénero para vendelo en Ourense, polo que estaba ao orden do día das novidades e modas.