RECANTO DE REFLEXIÓNS

13 abril 2022

AGAR PORTABALES PRADO

Naceu en Varón, Carballiño, o 26 de decembro de 1908 e era filla de labradores. O 4 de xuño de 1921, cando tiña 13 anos, realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. Tras aprobalo matriculouse desde 1920-21 ata 1924-25 realizando os estudos por libre, agás o último curso que o realizou por oficial. Foi aprobando todas as materias con sobresaliente en Química e numerosos notables (1). Fixo o depósito de título de Bacharelato e certificado para o maxisterio en 1924. No ano 1927 exerceu de interina na escola de Sampaio en Ribadavia. No 1929 aprobou as oposicións a maxisterio e danlle praza na escola de Regodeigón e en 1932 trasladouse á escola de Feás en Boborás. 

En 1934 casou con Gumersindo Fernández pertencente a unha familia recoñecida de Maside. 

Con arranxo ao disposto no decreto número 66 de 8 de novembro de 1936, Agar foi proposta pola Comisión Superior Ditiminadora  de Expedientes de Depuración para inhabilitala para o desempeño de escolas durante un período dun mes e para el exercicio de cargos directivos e de confianza en institucións culturais y do ensino. Non sabemos cales foron os cargos que se lle incoaron para chegar a sancionala. En 1940 solicitou acceder á interinidades e adxudicáronlle a escola de Hermida en Viana do Bolo, unha remota escoliña de difícil desempeño nas montañas orientais de Ourense.  Exercer o maxisterio nestes tempos entrañaba un grande sacrificio e, como sabemos, a maior parte dos docentes eran mulleres das que non se pon en dúbida a súa vocación e entrega para traballar en lugares tan afastados sen poder ver á súa familia ata os días de vacacións e cobrando uns soldos miserentos. De aí o valor que lle outorgo a todas as nosas mestras.

(1)Segundo consulta do seu expediente académico revisado para Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Tamén hemeroteca.