RECANTO DE REFLEXIÓNS

10 octubre 2021

BLANCA DE LA ROSA

A escritora Blanca de la Rosa naceu na República Dominicana e reside actualmente en Virginia, Estados Unidos, pero como moi ben ela recoñece as súas raíces están no pobo de Nocedo do Val (Castrelo do Val), en Ourense. 

O avó de Blanca naceu en Nocedo e aos dezaseis anos  emigrou a Cuba e logo dun tampo trasladouse á República Dominicana onde rexentaría un negocio coa súa muller. Posteriormente, pola  situación política da República Dominicana, a familia emigrou a Nova York e residiu nun barrio moi humilde. 

Blanca medraría na gran cidade e, ao acceder ao mundo laboral, desempeñou cargos directivos na empresa ExxonMobil durante trinta e catro anos. Pero Blanca tiña vocación de escritora pois para ela "escribir é como respirar".

Blanca medrou coñecendo as historias dos seus antepasados. A súa nai transmitiulle a querenza polas súa orixe, pola vida dos seus avós a quen non chegou a coñecer persoalmente, pero foi suficiente para que sentise unha conexión con Ourense e quixera visitar o pobo de Nocedo para coñecer de cerca a historia familiar. Cando visitou o pobo transitou polas súas pequenas rúas sendo para ela unha experiencia moi gratificante e unha conexión intensa cos seus avós.

Esa historia familiar quixo plasmala na súa novela"En busca de un mañana mejor".  Nela traza a viaxe desde Ourense, a terra onde naceron os seus avós,  cara un mundo descoñecido para acadar un futuro mellor.