RECANTO DE REFLEXIÓNS

11 julio 2021

NICANORA DÍAZ CARREDANO

(Fonte:A.H.U.S, Fondo Universitario, Colección de Fotografías. Escola de Mestras de Ourense no ccurso 1880-1881, fotografía nº 58189 de Jules David-Cavaz. Prohibida a copia da foto pois precísase autorización para publicación)

Traio hoxe esta entrada sobre Nicanora Díaz Carredano, que malia non ser natural de Ourense si foi notoria na vida da nosa cidade. Esta información inédita formará parte dun próximo libro que publicarei.

Tamén teño que dicir que esta muller foi motivo dunha moi interesante conversa que tiven con Carlos Castelao, un experto en fotografía e tamén investigador de fotografía antiga que publicou o libro: A Universidade retratada. Jules David Cavad en Galicia. 1882, da editorial Alvarellos, 2022, que contén a fotografía que encabeza esta entrada e, por certo, libro moi recomendable para os que queiran pasearse polas imaxes antigas da Universidade de Santiago. Antes da súa publicación Carlos e o meu prezado amigo Rafael Salgado déronme razón desta preciosa fotografía que nada máis vela decidín que sería a portada do libro que estou a redactar sobre as primeiras mestras tituladas en Ourense e que agardo rematalo en breve. Nese libro incorporarase moita información que publico no blog, tal como esta de Nicanora.

Nicanora Díaz Carredano foi a primeira Directora da Escola Normal de Mestras de Ourense cando esta foi creada en 1879 e se ubicaba no Ex-Convento de Santo Domingo de Ourense. Permaneceu no cargo ata 1891 [1]. O Convento, que viña sendo un Hospicio, destinaríase a Junta e Oficinas de Beneficencia e Escolas Normais de ambos sexos. Nesta Escola Normal estudarían unha ampla nómina de mulleres ourensás.[2]

Resultaba necesario nomear a unha Directora para o novo centro. Presentáronse ao cargo Dona Aurora Zambrano, mestra da Escola Normal de Sevilla; Dona Juana Arroyuelo, mestra da escola pública de Zamora; Dona Ramona Pérez de Acedo, mestra de escola privada de Ourense; Dona Nicanora Díaz Carredano, mestra de escola pública en Burgos e Dona Carmen Rogina , mestra de escola privada de Ourense[3]. Para ocupar o cargo tiñan que pasar a proba de oposicións e, de todas, a que sobresaiu nos exercicios foi Nicanora Díaz Carredano:

Hoy terminaron las oposiciones a la plaza de Directora de la Escula Normal de Maestras…Los ejercicios han sido brillantísimos y nos han probado cumplidamente que la ilustración de la mujer progresa en nuestra patria.

“La Sra. D.Ramona Pérez Acedo maestra superior de Escuela Privada de esta capital sobresalió en escritura y dibujo; la Sra. Doña Carmen Rogina respondió a todas las preguntas que le han cabido en suerte con natural modestia y con la cortedad propia de sus pocos años, pero revelando su gran aplicación la Sra. D. Iluminada Prieto de la Cal, maestra de la escuela de Palencia, ha revelado una feliz memoria y profundos conocimientos en Geografía: los labores de Dª Perfecta Castro auxiliar y Sria. De la Escuela Normal de Pontevedra, han llamado la atención por lo delciado y primoroso del trabajo, y en los ejercicios orales y escritos estuvo también a una envidiable altura; pero la que según unánime opinión del público y conforme a nuestro juicio modesto, pero imparcial y desapasionado, la que ha superado a todas fue la Sra. D. Nicanora Diaz Carredano maestra de escuela pública de Burgos…al ver la serenidad con que se presentó ante el jurado, la facilidad y corrección con que hablaba, la brillantez de sus ideas y sobre todo los conocimientos etimológicos que reveló en el análisis gramatical, nos hemos convencido de que es una profesora competente y que conoce a fondo todas las materias que abraza el ramo de la enseñanza pública. Ni una sola persona de cuantas asistieron a los ejercicios ha puesto en duda la superioridad de sus facultades y su valioso mérito como profesora, merecido triunfo por el que le damos la más entusiasta enhorabuena”. [4]

 


E así obtivo o primeiro posto na terna de candidatas á dirección da Escola Normal Dona Nicanora sendo nomeada o 27 de decembro de 1880. Para celebralo organizouse un acto público no Liceo ourensán no que a banda municipal tocou unha serie de pezas escollidas e o orfeón ourensán interpretou unhas cancións ensalzando o talento da nova directora. Sería a primeira directora do centro Dona Nicanora Díaz Carredano cesando o 9 de decembro de 1890 para ser relevada por Dona Victoria Martínez Villergas. Xunto con Nicanora estaban de profesores na recentemente creada Normal de Mestras de Ourense en 1879 Don Cándido del Río, Don Eladio Ferreiro e Don Luís Parente[5].

Nicanora Díaz Carredano tiña unha fonda preparación en pedagoxía e obtivera o segundo lugar na terna das oposicións da Escola Froebel de Madrid. Sendo directora da Normal presesentouse ao concurso para ocupar praza de Inspectora de Escolas, pero non foi adiante e, en 1891, trasládase a Puerto Rico para desempeñar alí o cargo de Directora da Escola Normal de Mestras nomeada por concurso. Chegada á illa, foi moi ben recibida e pronunciou un moi interesante discurso na inauguración deste centro. En principio propúxoselle a concesión de tres quinquenios pero o 18 de outubro de 1898 quedou excedente e regresou a Cádiz[6]. Por Real Orde do 8 de maio de 1898 foi nomeada profesora numeraria en propiedad da Normal de Valladolid e directora da mesma o 30 de xuño de 1899 e sería asidua membro de tribunais de oposicións para as escolas de nenas[7]. Por Real Orde do 6 de xullo de 1908 foi nomeada, segundo consta no Diario Oficial de Madrid, profesora numeraria da Sección de Letras da Escola Normal de Mestras de Bilbao. Solicitou ser directora da Escola Normal de Viscaia ao quedar o posto vacante e considerando que tiña dereito a el por ter ingresado en Normais Superiores por oposición directa ao cargo de Directora, conforme ás Reais Ordes do 28 de xuño e 28 de agosto de 1901 e estar comprendida no artigo 18 do Real Decreto do 6 de xullo de 1900. Non obstante, foi desestimada a súa petición, motivo polo cal emprendeu un contencioso administrativo[8]. Dito pleito resolveuse a favor de Nicanora en maio de 1911 que lle sería recoñecido o cargo de Directora da Normal de Viscaia[9].

No mes de maio de 1916 solicitou ás autoridades poder continuar exercendo despois de ter cumpridos os sesenta e cinco anos de idade para o cal, segundo o RD do 1 de outubro de 1909, se procedería á formación do expedente para averiguar se a solicitante gozaba da necesaria aptitude física e intelectual para continuar ao frente do posto[10]. Continuaría no cargo ata 1918, ano no que se xubilou sendo substituída por Dona Encarnación del Águila[11].

Este foi o periplo desta interesante muller que tivo como primeiro destino a nosa cidade. Temos que dicir que as probas para acceder á Dirección de Escolas Normais non eran doadas e consistían en probas teóricas, prácticas e exercicio de labores. Exercicios que tiñan que realizar perante un tribunal e daban mostra da capacidade cultural das opositoras. Para coñecer en que consistían as probas de acceso á dirección de Escolas Normais de Mestras pódese ver a publicación da que son eu a autora: As probas de exame para ocupar o posto de Directora de Escola Normal de Mestras de Ourense. 1880, publicado na Revista Sarmiento, nº 18-19, 2015, pp. 227-252.
_____________

[1] INFORMACIÓN INÉDITA ELABORADA POLA AUTORA DO BLOG. Próxima a ser publicada nun próximo libro.
[2] Para coñecer o proceso de creación da Escola Normal de Mestras de Ourense, vid: CID GALANTE, Rosa María, A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970). A súa orixe e os seus emprazamentos, Vigo, Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2013.
[3] El heraldo gallego ,13 outubro 1880, p. 5.
[4] El heraldo gallego, 20 outubro 1880, p. 6.
[5] Guía oficial de España. 1884, página 737.
[6]Gaceta de instrucción pública. 15/12/1890, página 6; Gaceta de instrucción pública. 7/3/1897, página 3; El lucense : diario católico de la tarde: Num. 4142 (11/11/1898), p. 2; “Parte Oficial” Gaceta de Puerto Rico, nº 107, 6 de maio de 1897, p. 1.
[7] Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 119 (25/05/1899), p. 2.; El Magisterio gallego : Revista de instrucción primaria: Num. 691 (05/06/1899), p.3
[8] Diario oficial de avisos de Madrid. 14/7/1908, página 1; Suplemento a La Escuela moderna. 12/12/1908, n.º 1.255, página 14.
[9] Gaceta de instrucción pública y bellas artes. 5/5/1911, página 5.
[10] Suplemento a La Escuela moderna. 27 de maio de 1916, n.º 2.033, página 20
[11] El Día (Madrid. 1916). 3/1/1918, página 2; Suplemento a La Escuela moderna. 12/1/1918, n.º 2.203, página 19.

FOTO: Deseño do Ex Convento de San Domingos realizado por Ático Noguerol que se pode consultar no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Rexistro da propiedade intelectual