María Branco Prieto naceu en
Trives e é catedrática da Facultade de Farmacia e Nutrición da Universidade de
Navarra. María Branco Prieto estudou Farmacia na Universidade de Santiago de
Compostela e realizou a súa tese doutoral na Universidade de Paris-Sud mediante
unha bolsa do Ministerio de Ensino Superior e Investigación francés. O tema da
súa investigación, que recibiu o premio extraordinario "L'Académie
Nationale de Pharmacie”, foi a formulación de micropartículas cun neuropéptido
e a súa administración no cerebro de rata. Estas investigacións foron ampliadas
durante tres anos no ETH (A Escola Politécnica Federal de Zúric, Suíza).
Recentemente foi nomeada
académica da Real Academia de Farmacia de Francia -unha das entidades máis
prestixiosas do mundo no seu ámbito- como recoñecemento ao carácter
internacional do seu traballo. Así mesmo, foi nomeada académica da Real
Academia de Farmacia de Galicia.
Na actualidade, María Branco
mantén unha estreita colaboración con investigadores do país galo, onde é
experta da Agence Nationale da Recherche (ANR) e do Institut Universitaire de
France. Así mesmo, participa nun proxecto europeo xunto co seu director de
tese, o profesor Patrick Couvreur, da Universidade París-Sud.
Na súa traxectoria, a
catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica centrou a súa investigación
na área da nanomedicina e sistemas de liberación controlada de fármacos, onde
traballou no deseño e desenvolvemento de micro e nanopartículas de distintos
tipos. Estes sistemas aplícanse no tratamento de cancro, enfermidades
cardiovasculares e neurodegenerativas.
María Branco é autora ou
co-autora de máis de 110 artigos en revistas científicas, 5 patentes, 16
capítulos en distintos libros especializados e máis de 150 comunicacións en
congresos, moitas delas como relator invitado. É membro do comité editorial de
varias revistas científicas, entre elas Cancer Letters. A súa investigación
recibiu varios premios de entidades, tanto nacionais como internacionais.
Vid: Universidade
de Navarra