(Entrada publicada no libro O rueiro que queremos feminino e plural.)
María de los Ángeles Fernández
Tovar, naceu en Ourense no ano 1950 e
foi membro do MDM de Ourense e unha das impulsoras da recuperación da Memoria
Histórica.
Cuca Tovar, como se lle chamaba de
xeito agarimoso, naceu en Ourense en plena postguerra no seo dunha familia con
recursos. A familia paterna tiña unha longa tradición comercial e a materna
tiña unha inquedanza cultural e intelectual que permitiu que Cuca fose unha muller
inqueda polo coñecemento e a investigación. Viviu a súa infancia na cidade e
realizou o bacharelato no Instituto.
A cidade de Ourense será o ambiente
onde ira medrando Ánxeles pero se a cidade se caracterizaba polo
conservadurismo, a tradición e a consideración de que as mulleres fosen boas
nais, fillas e esposas; Ánxeles racharía con ese convencionalismo postulándose
como unha muller transgresora e independente.
O seu espírito independente levouna
a querer traballar moi nova e atopou o seu traballo como secretaria de Manuel
Gómez Franqueira, o fundador dunha das empresas máis representativas da cidade,
COREN. Ánxeles demostrou ter capacidade de traballo e grandes capacidades para
desenvolver as tarefas que se lle encomendaban, pero acabou renunciando a el xa
que ela era de espírito reivindicativo e humanitario que non ía cun traballo
tan rutineiro. Isto fixo que apostase por un proxecto social que estaba a nacer
en Ourense como era o Circo dos Muchachos. Esta acción social que fundara o Pai
Silva e que tiña como obxectivo acoller aos rapaces para escolarizalos e facer
medrar neles o espírito democrático e participativo era un labor que se
adaptaba moi ben ás inquedanzas altruístas e filantrópicas de Cuca.
Cuca entregouse ao proxecto e
marchou a vivir á Cidade dos Muchachos.Con poucos enseres e unha guitarra fixo
daquilo o seu fogar e comezou a traballar cos nenos e nenas para ofrecerlles
unha saída e un futuro. Para Cuca era como un oasis de liberdade nunha época
franquista, pechada, e opresora. Coa ilusión posta no corazón, comezou a
traballar para que os mozos tivesen un benestar e ao mesmo tempo fosen
comprometidos coa sociedade e lograran transformar o mundo. Cuca permaneceu un
tempo colaborando no Circo dos Muchachos pero deuse conta de que o proxecto
comezaba a desencantala e abandónao.
Regresou a vivir á cidade pero faino
nun piso compartido con amigos. Isto non foi ben aceptado pola sociedade
ourensá dos anos setenta que chegou incluso a criticala e menosprezala por non
seguir a senda que estaba predestinada para as mulleres da época que era casar
e ter fillos. Pero a fortaleza e personalidade de Cuca fixeron que non lle
afectase tales comentarios e viviría de xeito independente, sen casar nin ter
fillos. Ese piso onde residía Cuca será un recanto de liberdade, de encontro de
artistas, intelectuais e profesionais que avogaban por un cambio político. Ao
mesmo tempo ela vai querer ter un traballo estable e comeza a preparar unhas
oposicións para cubrir un posto na administración e aprobounas.
En Cuca seguirá medrando o
compromiso social levándoa a unirse nos anos setenta ao Partido Comunista e a
Comisións Obreiras. Veremos a Cuca nun activismo convencido para conseguir o
ben común e a xustiza social. Comeza a participar en actos públicos dando charlas
e mitins que sempre remataban con aplausos
de admiración polas súas palabras. Palabra enchidas da forza e da sinceridade de
Cuca.
Cando se celebrou o primeiro mitin
do Partido Comunista na cidade ourensá o 4 de maio de 1977, participou Cuca.
Había no pavillón de deportes unhas dúas mil cincocentas persoas e primeiro
falou López Cambeses que disertou sobre a legalización de todos os partidos
políticos. Logo falou González Montoto que aludiu ao caciquismo e ás
xubilacións e pensións. Outros que tomaron a palabra foron Redondo Abuín e
Gómez Prieto. Nisto toma a palabra Cuca Tovar que saludou aos partidos non
legalizados para os que pediu recoñecemento e liberdade. Co espírito combativo
lembrou os anos corenta como anos sen liberdade
e de emigración por parte de numerosos galegos. Lembrou a explotación
sufrida polas mulleres e a marxinación que senten polo capitalismo. Afirmaba
con vehemencia que o Partido Comunista é o partido da liberación da muller: “pido que se acaben las discriminaciones, la
igualdad de salarios, libertad de anticonceptivos a través de la Seguridad
Social y control médico”[1].
Era firme defensora da liberación da
muller e reclamaba os dereitos de divorcio. Foi un gran alegato feminista, un
mitin chego de enerxía en defensa das mulleres: “Vota por la democracia, mujer y votarás tu liberación” remataría
dicindo. Os aplausos foron rotundos.
Cuca estaba converténdose nun
referente na cidade polos seus principios e súa personalidade firme na defensa
da muller. Por tal motivo, era invitada a participar en tertulias e mesas
redondas como representante do PCG. Nunha mesa redonda celebrada no Ateneo de
Ourense o día 17 de novembro de 1977 ela foi como representante do partido. O
tema a tratar era os Pactos da Moncloa e había once representantes de cada
partido que tiveron ocasión de falar durante cinco minutos. Cuca era a única
muller na tertulia e alí manifestou os seus postulados sen amedrentarse ante
unha sala moi concorrida de público[2].
A capacidade de compromiso de Cuca e
a súa firme crenza na xustiza social medraban no seu espírito combativo, en
Cuca dá un paso máis no seu activismo pasando de militante a candidata ao
Congreso nas eleccións de marzo de 1979 ocupando
o segundo posto despois de Redondo Abuín[3].
A partir de entón, Cuca sempre será candidata nas listas polas súas convicións.
O feminismo sempre estivo presente no
sentir de Cuca e ese compromiso materializouse cando formou parte do Movemento
Democrático de Mulleres en Ourense. A organización creouse en Ourense no ano
1975 por iniciativa de Rosario Gutiérrez Rodríguez e de Marta Marroquín
Travieso que era a compañeira de Redondo Abuín. Conformaron o grupo vinte mozas
entre as que se atopaba Ánxeles Tovar. Estas celebraban as súas asembleas en
pisos particulares e en Ourense reuníanse nun apartamento da Torre de Ourense.
Nesas reunións falábase dos dereitos para a muller e a necesidade de rematar
coa discriminación que padecía. A súa actuación encamiñábase a facer panfletos
e charlas de concienciación[4].
Cuca foi unha das protagonistas neste primeiro colectivo feminista da cidade.
Outra batalla que librou Cuca foi en
1970 cando se mobilizou e protestou con motivo do xuízo contra dezaseis
militantes de ETA. Cuca uniuse ás protestas que se produciron en todo o
territorio español e tamén nos países estranxeiros para evitar que foran condenados
á pena capital. Para iso participou no peche que se realizou na Catedral xunto
con Peña Rey, o escultor Baltar e máis xente comprometida. Isto foi unha mostra
de valentía xa que podería ser vítima de represalias. Cuca contribuiría deste
xeito a que os presos foran indultados e rebaixadas as súas penas.
A nai de Cuca, Ángeles Tovar Morais, foi unha muller de
ampla cultura e iso transmitiríallo á súa filla. De tal xeito que Cuca, ao
mesmo tempo que traballaba como funcionaria, matriculouse polos anos oitenta na
Facultade de Historia. Xa rematando os estudos, en 1986, decidiu facer o
traballo de fin de carreira sobre o tema da Guerra Civil en Ourense. No seu
traballo quería contemplar os enterramentos feitos durante a Guerra Civil no
Cemiterio de Ourense e constatar cantos foran fusilados ou mortos por
actuacións violentas, para o cal
solicitou permiso ao Concello para consultar o libro de Rexistros do Cemiterio
pero foille denegado polo alcalde. Non
querían que recuperara a memoria dos falecidos na guerra e manifestaban: con lo que no estoy
de acuerdo es que se vaya a buscar exclusivamente datos de un período doloroso
para España, como fue la época del 36...yo creo que es una etapa que tenemos
que superar todos y olvidarnos de este tema y no seguir escarbando en algo que
ya han pasado 50 años y un par de generaciones por medio... [5].
A partir de aí comezou unha dura e longa loita pois entre Cuca e a
Alcaldía. O Alcalde na súa defensa aludía a Cuca de xeito despectivo e
cuestionando a súa calidade de historiadora e investigadora. A determinación de
Cuca levouna a enfrontarse ao Consistorio instando unha acción xudicial que
finalmente rematou cunha sentenza do Tribunal Supremo do 20 de febreiro de 1992
na que se condenou ao alcalde Caride Tabarés a seis anos de inhabilitación por
delito de prevaricación e inxurias por impedir que Cuca Tovar puidera acceder
aos documentos solicitados[6].
Unha vez finalizado o proceso
xudicial Cuca comeza a investigar sobre o Ourense entre os anos 1936 e 1939 e
realizou un traballo verdadeiramente interesante recollendo testemuñas das
persoas que viviran a guerra centrado principalmente nas vivencias das mulleres,
grandes damnificadas nas contendas bélicas; deulles relevancia. O que nos legou
Cuca foron testemuñas das vivencias, dos horrores, da violencia, do que
aconteceu. Todo isto desde unha perspectiva humanística alonxándose do relato
aséptico e frío. Entrevistou a Ángeles Paradela que lembrou como as mulleres
peregrinaban polos cárceres buscando aos seus familiares ou recollendo os seus
restos. Tamén recolleu o testemuño de Mercedes Gómez del Valle, unha recoñecida
militante política, que lle contou que fora detida e vexada. En definitiva,
Cuca reflectiu a guerra civil desde a perspectiva das mulleres, algo moi
novidoso pois naqueles anos a historia eludía totalmente o rol das mulleres e o
seu protagonismo na historia. E así foi recollido no libro Cuca. Recuperadora da Historia. Finalizado o traballo acada a
licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago.
Ángeles Fernández Tovar faleceu en
1996, demasiado pronto pois aínda quedaban batallas por resolver. En poucos
anos Cuca arribou montañas empinadas, tanto sociais, como políticas, como
xudiciais, como feministas, pero tamén chegou a elas a través do alpinismo, xa
que era outra das súas aficións. No ano 1971 creouse o Club Alpino de Ourense e
alí estaba Cuca. A natureza, a montaña dábanlles as forzas para emprender con enerxía a súa loita.
Cuca desmontou o estereotipo das mulleres pois era libre e loitadora. A súa
vida seguiu a senda que lle marcaba o corazón e a razón e esa senda quedou
gravada para as sucesivas xeracións de mulleres.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Álvarez
Gómez, Concepción, “Movemento
democrático de mulleres en Galicia”, Murguía
Revista Galega de Historia, 14 (2007)
71-94.
“As
mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e
Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia
no século XX , Vigo, Ir Indo, (2001) 231-260.
Fernández Tovar, María
Ángeles, Cuca Tovar. Recuperadora da
Historia Ourense, Amigos da República ( 2010)
[1] “El primer mitin
comunista” El
Pueblo gallego , 5 de maio de 1977.
[2] “Mesa redonda sobre
el Pacto de la Moncloa”, El Pueblo gallego, 18 de novembro de 1977.
[3] “Lo electoral tema
destacado” El
Pueblo gallego , 6 de febreiro de
1979.
[4] Concepción Álvarez
Gómez, “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de
Historia, 14 (2007) 71-94; “As mulleres no tardofranquismo e a transición
democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX (Vigo, Ir Indo, 2001) 245.
[5] “Lembranza de Cuca
Tovar” http://anabande.blogspot.com/2008/09/lembranza-de-cuca-tovar.html consultado o 13 de
abril de 2020.
[6] Ana María Bande
Bande, “O acceso aos arquivos. A eterna batalla. A loita de Cuca contra o
alcalde de Ourense como exemplo paradigmático de loita pola transparencia”. https://es.scribd.com/doc/29840143/O-acceso-aos-arquivos-a-eterna-batalla-A-loita-de-Cuca-Tovar consultado o 11 de
abril de 2020.