RECANTO DE REFLEXIÓNS

11 febrero 2013

PETRA ENRÍQUEZ NOGUEIRA

É necesario salientar a aquelas mulleres que tiveron a fortuna de educar e formar a grandes persoeiros da cultura galega e por ende, ourensá. Estamos a referirnos neste caso a Petra Enríquez Nogueira que era a nai de Curros Enríquez. Esta muller era natural de Vilanova dos Infantes e casou con Xosé María Curros Vázquez. De todos e todas é coñecida a relación tensa entre o fillo e o pai, relación que provocou que Curros marchase da súa casa. Podemos, entón, intuír a pena e tristura que viviría Petra. Non obstante, ela soubo do cariño que lle tiña Curros como así o demostrou en poemas diversos e ben orgullosa que estaría da traxectoria intelectual e brillante do seu fillo.




Na morte da miña nai
Doce melancolía, miña musa,
do meu espírito noiva feiticieira,
¡déixame que hoxe no teu colo durma
sono de pedra!
Nunca, reiciña, nunca como agora
falla fixéronme os teus bicos mornos:
choveu por min chuvia de sangue e traio
frío nos ósos.
Quéntame ti, que tiritando veño,
ti, que do peito curas as feridas,
¡amiga xenerosa dos que sofren,
melancolía!
Tope miña alma, á sombra dos ciprestes
que os tristes ermos das túas illas cobren,
o esquecemento que en ningures acho
prás miñas dores.
Fai que ó rumor dos teus regueiros brando
se adormezan meus tristes pensamentos.
¡Son un orfo! Agarímame ao teu colo...
¡Xa outro non teño!
Xa outro non teño en que pousar a fronte
polas enrugas do pesar sulcada,
xa outro non teño que a amargura enxugue
das miñas bágoas!
Nai, adorada nai, martir escura,
branca pombiña, aruladora e tenra,
ai, se souberas como me deixabas...
ai, non morreras.
Dende que te perdín, a terra, o ceo,
todo é pra min da mesma cor da morte.
O sol non me alumea, nin os campos
pra min tén flores.
Cal sobre os condenados a pauliña
caíu sobre miña alma eterno loito;
todo me amarga, astra o aire que respiro;
dáname todo.
Do corazón fuxiume esa alegría
que é nas flores aroma e vos nos páxaros,
e andan por dentro do meu peito os corvos
arrevoando.
¡Como recordo aquelas noites claras
en que ó fulgor da prateada lúa
me arrolabas o sono, dos teus cantos
coa doce música!
¡Como recordo aqueles tardes tristes
en que os tronos sentindo, rezabamos
por que Dios leve ós probes mariñeiros
a porto salvo:
Polos necesitados camiñantes,
polos vellos sen pan e sen abrigo,
polos nenos sen pai..., abandonados
coma os teus fillos!
¡Ai! Eu tamén rezar quixera agora
por ti, de tanto amor en xusto pago;
mais dende que te fuches, miña rula,
¡teño un cansacio!
Melancolía, musa dos doentes,
do meus espírito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo
durma sono de pedra!

Vid: Galicia espallada