Naceu en 1902 fóra de Ourense, en Pontevedra, pero estivo residindo na cidade xa que seu pai, Don José Benito Fernández Peón, que era procurador e Director propietario da publicación Galicia Nueva, e por un tempo veu traballar á nosa cidade.
Fixo o exame de ingreso na Escola Normal de Mestras de Pontevedra o día 16 de setembro de 1916, cando tiña 14 anos, e alí fixo o primeiro curso. No curso 1916-1917 matricúlase no Instituto de Pontevedra tan só na materia de Lingua Castelá e tamén na Normal de Ourense na materia de Aritmética e Xeometría. No curso 1917-1918 inscribiuse no Instituto de Ourense. As materias aprobadas nas Escolas Normais de Pontevedra e de Ourense fóronlle conmutadas para o Bacharelato. O 10 de abril de 1919 solicitou a Certificación para o Instituto de Pontevedra onde acada o título de bacharelato.
En 1921 ingresa na Facultade de Medicina onde cursa cinco anos, licenciándose, en 1926, con brillantes cualificacións e especializándose en obstetricia.
Foi a Madrid para fundamentar os seus estudos e estivo pensionada na Residencia de Señoritas onde respirou un ambiente de cultura e intelectualidade.
Xa de regreso a Galicia, en 1927 entrou a formar parte do Colexio de Médicos de Pontevedra, sendo a primeira muller en colexiarse. En 1928,ocupará o posto de Directora do Laboratorio Municipal de Vilagarcía. Casou o 17 de decembro de 1930 co médico Manuel Lafuente Casares.