RECANTO DE REFLEXIÓNS

20 febrero 2011

SOR RAMONA CAO FERNÁNDEZ

Naceu en Fontey- Rúa de Valdeorras (Ourense), o 11 de setembro de 1883. Ingresou na Compañía Hijas de la Caridad o 11 de xaneiro de 1901. O seu destino como enfermeira foron o Hospital de mulleres Incurables de Madrid, o Hospitagl militar de Sevilla e finalmente o Sanatorio antituberculoso "O Neveral" de Xaén. Destacou polo seu celo apostólico, a súa compaixón e sensibilidade ante a dor dos pobres enfermos, a súa piedade e a súa devoción ao Señor crucificado. Morreu aos 53 anos, tamén como a súa compañeira de martirio, por levar o rosario de Filla da Caridade escondido baixo o seu vestido de enfermeira. Martirio.- Expulsadas do sanatorio do Neveral, foron detidas e calumniadas de roubo en Xaén. Ao ser xulgadas non se puido probar a acusación e foron postas en liberdade, pero non atoparon lugar de refuxio naquela cidade e víronse obrigadas a trasladarse a Madrid nun tren cheo de presos políticos. A pesar de sentir medo, antes de renegar da súa fe, subiron ao tren en Alcázar de San Juan, no medio de insultos e un tumulto feroz. Ían vestidas de enfermeiras da Cruz Vermella pero conservaron o seu rosario de Fillas da Caridade debaixo do uniforme de enfermeiras. Este feito identificounas como Fillas da Caridade e foi a razón do seu martirio na matanza do chamado primeiro tren da morte. Ao ser sacadas do tren foron arrastradas polo chan, insultadas e finalmente fusiladas pola súa condición relixiosa no Pozo do Tío Raimundo, o 12 de agosto de 1936. Esta referencia aportouna Gustavo Docampo dende O Barco Vid: http://www.vincenziani.com/cortesbueno.htm

Nun Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres, Don Jesús Medrazo Pérez, expón, de xeito detallado, o labor das Hermanas de la Caridad entre as que cita a Sor Ramona Cao. Farei aquí un pequeno resumo:
Ramona estaba decidida a ser Filla da Caridade e cos seus 17 anos solicitou o ingreso na Compañía, sendo recibida por Sor Cayetana da Sota, Visitadora Provincial. Enviárona como postulante para facer a proba ao
Hospital da venerable Orde Terceira Franciscana, situado xunto á Igrexa de San Francisco o Grande en Madrid. Os superiores asignaron a Ramona Cao un hospital pequeno, pobre, con estilo familiar e próximo para a relación cos enfermos, porque ela tiña experiencia doutro hospital pequeno de Astorga. Superados o tres meses de proba ou postulado, ingresou no seminario e quedou inscrita na Compañía das Fillas da Caridade o 11 de xaneiro de 1901.
Aproveitou moi ben o seu tempo de formación no seminario e adquiríu coa axuda da súa Directora Sor Cecilia Álvaro e das súas colaboradoras entre as que estaba Sor Xusta Domínguez, a espiritualidade vicenciana propia dunha Filla da Caridade.
Cumprido o tempo do seminario, Sor Ramona Cao foi destinada polos superiores ao Asilo Hospital de Jesús Nazareno en Madrid, rúa Amaniel, nº 11, para mulleres incurables. Era o mes de xullo de 1901. Foi o primeiro Hospital atendido polas Fillas da Caridade en Madrid, e do que se fixeron cargo en 1816. Esta fundación realizouse por expreso desexo do Sr. Patriarca das Indias e do Arcebispo de Toledo, cando Madrid aínda pertencía á diocese de Toledo. Alí preparouse con esmero a ratificar e selar a súa entrega a Deus para o servizo dos pobres polos votos. O día 2 de febreiro do ano 1906, festa da Purificación e Ntro. Señora, emitiunos por primeira vez na capela da Casa Central da rúa Jesús, moi cedo , tal como entón era uso da comunidade e, ano tras ano, renovounos até a súa morte en 1936.
De Madrid pasou destinada á comunidade do Hospital Militar de Sevilla en 1922, motivado pola apremiante necesidade de Irmás enfermeiras para atender aos soldados feridos na guerra con Marrocos, entre 1909 e 1927, na que estaban implicadas as cidades de Ceuta e Melilla. En 1921, o desastre foi total. O xeneral Fernández Silvestre, á fronte das tropas españolas, perdeu a vida e pereceron máis de oito mil soldados no derrubamento da liña española de penetración. Outros moitos quedaron feridos con necesidade urxente de atención sanitaria.Unha Real Orde do 19 de decembro de 1921 dispuxo que en todos os hospitais militares da península, Baleares e Canarias, se establecese o servizo das Fillas da Caridade. A Raíña insistiu en pedir Irmás para todos os hospitais militares do Reino. O Sr. Olaguer Feliz, ministro de Guerra, ordenou o establecemento dunha Escola de enfermeiras para preparar a todas as Irmás. Unha Real Orde de 20 de maio de 1922 dispuña que se crease no Hospital Militar de Carabanchel, con carácter permanente, unha Escola de enfermeiras para todas as damas que prestaban os seus servizos nos hospitais militares Os estudos habían de ser segundo o Regulamento Programa da enfermeira de San Vicente de Paúl, aprobado por Real Orde de 24 de xuño de 1922. Sor Ramona obtivo o seu título oficial de enfermeira primeiro e practicante despois, xa en Sevilla, dentro deste movemento de promoción de todos os Hospitais Militares.
O seu último destino en 1935 foi o sanatorio antituberculoso do Neveral en Xaén, ao comezo da fundación. A comunidade estaba formada por Sor Benvida Fermoso de Mendoza, como Irmá Servente, sor Joaquina
Ramírez López, Sor Juana López e Sor Ramona Cao. Provisionalmente, para axudarlles, xa que coñecía ben o ambiente de Xaén, estaba con elas Sor Basilia Arco da comunidade do Hospicio de mulleres de Santa Teresa de Xaén. A aceptación do seu destino ao Neveral en Xaén no ano 1935, como acto de obediencia, era custoso para ela e para os seus. A súa nai mostrouse moi preocupada. Xa destinada en Xaén, escríbelles desde O Neveral unhas breves liñas, nun cartón postal, resposta á angustia e preocupación que manifestaban os seus nas súas cartas. Naquela época os sanatorios antituberculosos non os quería ninguén, xa que os que padecían a tuberculose eran como persoas apestadas, con moito contaxio. As Irmás alí vivían illadas, sen máis medio de comunicación que un camiño forestal de terra. Polo pouco tempo que levaban, polo illamento e por tratarse de enfermos de fóra, as Irmás non coñecían a ninguén en Xaén que as recibise nas súas casas.
Esta seguridade de gozar como don de Deus as grazas e forzas necesarias nas probas, acompañouna até a morte, sufrida o 12 de agosto de 1936, cando tiña 52 anos de idade e 35 de vocación. A expulsión da comunidade obedecía a unha decisión da Fronte Popular que estaba instalado no palacio episcopal. A últimos de xullo de 1936, a superiora do sanatorio de O Neveral de Xaén, Sor Benvida Fermoso de Mendoza e Osés, baixou á cidade a preparar o refuxio das Irmás prevendo a próxima expulsión. Dúas Hermanas trasladáronse á comunidade da Gota de Leite, situada nos sotos do edificio da Deputación Provincial e as outras dúas, Sor Ramona e Sor Juana, baixaron ao día seguinte custodiadas por dous policías porque, segundo lles dixeron, estaban acusadas de subtraer cubertos de prata e algunhas pezas de tea do sanatorio. Os dous policías rexistraron as maletas e convencéronse da falsidade da calumnia. Alí, na Cociña
Económica, tampouco podían estar, xa que a casa fora incautada polos milicianos da Fronte Popular.
As 72 Hermanas de Xaén foron expulsadas e quedaron todas as comunidades disoltas. Algunhas puideron escapar buscando refuxio en Almería, Valencia, Barcelona ou outras cidades e pobos de España. Outra, Sor Pilar Canteiro Galego, moza que aínda non emitira os votos, non puido saír de Xaén e tivo que buscar até sete refuxios diferentes, e finalmente colocarse como servente doméstica para salvar a súa vida.

Vid: MEDRANO PÉREZ, Jesús, Las Hijas de la Caridad en Jaén. Dos historias de vida y martirio, en IªCongreso Virtual de Historia de las Mujeres, http://www.revistacodice.es/publi_virtuales/i_con_h_mujeres/documentos/comunicaciones/comuMedrano.pdf