RECANTO DE REFLEXIÓNS

07 febrero 2011

ERUNDINA ÁLVAREZ PÉREZ

Erundina Álvarez Pérez naceu na cidade de Santos en Brasil o 16 de agosto de 1899. Foi arrestada e fusilada baixo as ordes do comandante militar provincial Luis Soto Rodríguez no Campo de Aragón o 30 de setembro de 1936[1].
Erundina naceu no Brasil pois os seus pais, Benito Álvarez Baños, canteiro e tamén xornaleiro, e Rosa Pérez Rodríguez que eran naturais de Ferreiros no concello de Entrimo, emigraran Brasil a finais do século XX, como tantos outros galegos, na procura dunha mellora da súa situación económica. Pero a imaxe dunha emigración exitosa non sempre se cumpría e o retorno de emigrantes era bastante habitual como foi o caso da familia de Erundina que regresaron a Entrimo polo 1910, tendo Erundina, que era a mediana das fillas arredor dos doce anos.
Erundina vivía no pobo de Ferreira xunto coa súa familia e foi medrando no ambiente rural e nos quefaceres laborais do campo. Tivo dúas fillas estando solteira, o que supuxo unha situación certamente difícil para ela, sen descartar que fose excluída polas xentes do lugar ao consideralo un acto deshonroso. Continuou vivindo na casa familiar do pobo pero, en 1924, trasladouse á capital, Ourense, e tivo unha terceira filla [2]. A mentalidade na sociedade ourensá da época era moi conservadora e rexeitaba  que unha muller tivese descendencia sen estar casada[3]. Por tal motivo, podemos imaxinar o esforzo e sufrimento que padecería para combater e superar a posible relegación social.
Quizais por iso regresou en 1930 ao pobo de Ferreiros. Viviu coas súas tres fillas en Cimadevila, preto da casa dos seus pais. Cando Erundina tiña trinta e cinco anos casou con Constantino, un home de sesenta anos que estaba viúvo e tiña propiedades, e Erundina e as nenas foron vivir á súa casa.
Pero Erundina veu a Ourense para darlle un mellor porvir ás fillas e residiu na rúa Liberdade. Quizais o azar da vida fixo que vivise nunha rúa cuxa denominación sería como unha premonición para Erundina, unha muller valente que rompeu o convencionalismo que encorsetaban ás mulleres. 
Na cidade traballou de camareira e criaba ás súas fillas. Coñeceu a Francisco Cofán Eiriz que era un comerciante do concello de Barbadás e estaba a ser perseguido polas forzas do orden pois formaba parte da resistencia antifranquista da cidade. Erundina quixo axudalo e, considerando que Ferreiros sería un bo lugar para ocultalo, lévao alí e agóchao na casa do seu marido[4]. Pero Constantino, o home de Erundina, denunciouno ante a Garda Civil levando a Franciso preso a Ourense e a Erundina levárona a Entrimo logo ao cárcere de Bande. Aos poucos días trasladaríana ao Cuartel de San Francisco.
Non tivo un xuízo oficial senón que se determinou que por colaboradora e rebelde contra o réxime, sería fusilada segundo orden do Comandante militar provincial da Segunda Reserva de Ourense número 65,  Luís Soto Rodríguez. Este, tras o alzamento militar, redactara un bando contundente para preservar a orden na cidade e provincia, segundo o cal aquelas persoas que fosen considerados rebeldes aplicaríaselles o Código de Xustiza Militar. E chegado o caso non lle tremía a man para ditar pena de morte[5].
Erundina foi a primeira e única muller fusilada na provincia. Foi no lugar do Campo de Aragón o día 30 de setembro de 1936 e sería inhumada o 1 de outubro de 1936 no Cemiterio de San Francisco no nicho 923[6].
Recolle así a prensa da época:

“A las 6,30 de la mañana de ayer fueron fusilados en el campo de Aragón, y en cumplimiento de la sentencia que les fue impuesta por el Consejo de Guerra los reos: Francisco Domínguez, Juan Salgado López, Antolín Martínez Basal, José Ramón Barja García y Juan González de Jesús. Todos por el delito de rebelión. Antes de ser ejecutados confesaron todos ellos con gran fervor.
También fué pasada por las armas en la mañana de ayer Erundina Álvarez Pérez por haber ocultado en su casa a Francisco Cofán, que estaba reclamado por los tribunales de Justicia. También antes de ser ejecutada confesó y comulgó con gran fervor.
En cumplimiento de la ley fueron ejecutados todos ellos...”[7]

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Santos, Román, Saltando a Raia. Ponteareas, Novas do Eixo Atlántico, 2016; Cid Galante, Rosa María “A realidade social e vivencial da muller ourensá a comezos de século (1900-1930)” Revista Minius 9 (2001):97-114; Gómez, Xosé Lois, "Undina, a muller que fusilaron no Campo de Aragón". Lethes. Cadernos culturais do Limia 14 (2019) 129–139.



[1] Erundina Álvarez Pérez foi proposta polo BNG do Concello de Ourense para nomear unha rúa da nosa cidade.
[2]Xosé Lois Gómez García “O Campo de Aragón, lugar da Memoria histórica” https://www.xosefroix.es/439854031, consultado o 2 de abril de 2020.
[3] Para coñecer cal era mentalidade da época  e o rol das mulleres no Ourense de comezos de século vid: Rosa María Cid Galante, “A realidade social e vivencial da muller ourensá a comezos de século (1900-1930)” Revista Minius 9 (2001:97-114).
[4]“Erundina Álvarez Pérez” en https://gl.wikipedia.org/wiki/Erundina_%C3%81lvarez_P%C3%A9rez consultado o 2 de abril de 2020.
[5] Luís Soto Rodríguez, “Bando. Don Luís Soto Rodríguez, Teniente Coronel Comandante Militar de la provincia de Orense. Ordeno y mando”, La Zarpa, 30 de xullo de 1936.
[6] http://represion.depourense.es/buscador.php consultado o 2 de abril de 2020.
[7] “Fusilamientos de ayer”, La Región, 1 de outubro 1936,p.4.
 http://www.dpou.es/represion/
http://www.victimas.nomesevoces.net/