RECANTO DE REFLEXIÓNS

17 octubre 2010

ELVIRA RODRÍGUEZ

Outra referencia interesante é esta entrada que se ofrece. Elvira Rodríguez, muller do século XV, atrévese a enfrontarse ao seu marido maltratador. Resaltámolo porque estamos nunha época na que este tipo de sucesos resultaban incribles debido á condición que se tiña da muller de submisión ao marido. 

O caso foi que o tres de abril de 1465, na cidade de Ourense e diante do notario de entón, García Fernández e as testemuñas pertinentes, Xoan Afonso de Tenorio, comerciante e veciño da devandita cidade vese obrigado a facer unha confesión pública dos malos tratos que proporciona á súa dona chegando a apuñalala. 

Elvira reacciona de forma concienciada e abandona o seu fogar para refuxiarse na casa do xuíz da cidade. Ela pretende unha solución xusta e de acordo co dereito. O marido arrepíntese do mal que fixo e declara o propósito de tratar ben á súa muller e roga á súa muller que regrese a casa. O marido tamén se compromete a aportar unha multa se non cumpre o prometido. Para iso empeña os seus bens, mobles e raíces co obxecto de pagar a multa de 20.000 marabedís. A metade da multa tería que entregárselle ao bispo electo de Ourense, señor da cidade, e a outra metade ao xuíz e rexedor pedro López. 

Vid: Pallares Méndez, Mª C., e Portela Silva, E., "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII -XV)" A gran Historia de Galicia", Tomo V, volume 2, pp. 132-134.